Unha nena seguindo unha clase online e tomando apuntes

Educación, acceso á tecnoloxía e fenda dixital: está Galicia preparada para o ensino online?

S2D

Fai pouco máis dunha semana que se cumpre un ano da declaración do estado de alarma en España, dende aquel momento que paralizou as nosas vidas e que fixo que nos sentíramos afortunados de ter un teito baixo o que vivir.

Durante este ano tan peculiar, máis de 10 millóns de estudantes de toda España viron como a crise sanitaria tiña efectos na súa formación, pois era preciso que o ensino, pese a todo, continuase o seu curso natural. Falamos agora, máis ben, dunha ensinanza de emerxencia, coma se de súpeto se tornara nun monicreque das novas tecnoloxías e da rede. Tanto estudantes coma docentes tiveron que adaptarse a ensinanza en liña. A simple vista, podería semellar que o problema non é grave, que tan só hai que prender o ordenador, pero o certo é que, tal e como advertiu o Secretario Xeral da ONU:

O impacto da COVID-19 na educación

podería desperdiciar un gran potencial humano

e revertir décadas de progreso.

A ensinanza non só consiste en procurar que os alumnos aprendan un contido. É igualmente importante acadar un benestar emocional, producir a empatía e confianza necesarias para a aprendizaxe, e todo isto é difícil de transmitir a través dunha pantalla. A escola é un espazo, non material necesariamente, pero si temporal. Un tempo acotado e diferente ao do espazo doméstico, no que se da un espazo igualitario. Esta definición da escola foi o que quebrou a teledocencia pandémica. A escola colouse no espazo doméstico e nas redes sociais e deixouse impregnar por eles, esquecendo o seu espazo propio, pero tamén se fracturou o espazo igualitario que a escola prové, pois fixo patente a diferencia entre privilexiados e non privilexiados.  

Sen previa formación, estruturación ou capacitación e, a pesar do esforzo titánico dos profesionais da educación por adaptarse a esta nova sitación, a realidade é que non todos os estudantes poden seguir as clases online en igualdade de condicións. 

Porque… e se non hay conexión ou non se dispón da tecnoloxía necesaria? 

Pódese afirmar que, pese aos esforzos das institucións públicas e os centros de ensino, non foi posible eliminar todas as carencias que presentaba o alumnado no acceso ás redes sociais. A “fenda dixital” en moitos lugares, non dependeu só de ter ou non un equipo informático, senón da deficiente calidade da rede: falta de ancho de banda, conexión deficiente e mesmo inexistencia das mesmas nalgúns lugares.

Nos últimos tempos, a necesidade de ter un bo acceso á tecnoloxía estaba en aumento progresivo pero, dende hai un ano, dito acceso converteuse nun ben necesario, e máis aínda se nos referimos ao ámbito da educación. A radiografía do acceso a Internet e a dispositivos tecnolóxicos evidencia a clara desigualdade en oportunidades de acceso a educación con ferramentas tecnolóxicas.

Pechar a fenda de entrada á tecnoloxía que separa a quen ten acceso e a usa de quen non é todo un reto. Neste contexto, é preciso recalcar que a educación é un dereito inalienable que pertence a todo ser dende o momento no que nace e durante toda a vida e polo tanto, débese atender con urxencia á necesidade de equiparación dos estudantes que non contan con acceso a rede e dispositivos tecnolóxicos ou se atopan en situacións de precariedade. Por conseguinte, é necesario facer efectivo o acceso á tecnoloxía como un dereito humano, considerado pola ONU de segunda xeración dende o ano 2011 e que, dada a  situación actual, debería subir de categoría.

Os problemas de equidade educativa eran, evidentemente, existentes antes da pandemia. Non todos dependían do acceso á tecnoloxía, pero aqueles problemas preexistentes debidos á desigualdade económica ou a situación xeográfica víronse aumentados de forma evidente. Ao inicio da pandemia, de súpeto, foron realmente visibles para o ollo humano, mesmo fóra do contexto escolar. Neste senso, podemos diferenciar dous grupos principais de dificultade para o acceso á tecnoloxía: por razóns económicas (os ordenadores portátiles de calidade teñen un prezo mínimo superior aos 300 euros), e por situación xeográfica (en Galicia, por exemplo, debido a dispersión poboacional hai moitos lugares cunha conexión a Internet deficiente).

Co obxectivo de evaluar este último dato, pensamos que o máis convinte sería poñermos en contacto directo cos estudantes que viven esta situación. Deste modo, falamos sobre o tema con Lourdes Gil, estudante de terceiro da ESO nun instituto público. Lourdes conta que o incremento do uso de tecnoloxías neste último ano é indubidable, mais non desmesurado, “sobre todo pódese apreciar no aumento dos traballos entregados por aula virtual e a súa maior valorización”, explicou. No seu instituto, tan só os alumnos de primeiro e segundo da ESO poden utilizar ordenadores portátiles que pon a disposición gratuitamente o centro (facilitados pola Xunta de Galicia), o resto de estudantes non recibe prestacións tecnolóxicas máis alá do ordenador principal da clase e a utilización de ordenadores da aula de informática unha vez á semana (estes atópanse bastante desfasados e un número importante deles ten grandes problemas de funcionamento, limitando así o seu uso). 

Comenta tamén que, dende o inicio da pandemia, a porcentaxe de alumnos que pasaron a dispor de portátil propio aumentou drásticamente pois, ate ese momento, non era común que rapaces e rapazas de 14 anos tivesen un ordenador propio. Agora, no caso da clase de Lourdes, a inmensa maioría conta con un, o que supón un gran gasto, en especial para as familias con varios fillos, tendo en conta que cada un está a precisar un dispositivo individual e a falta de axudas para a súa compra.

O proceso educativo durante o confinamento (Fonte:Informe Confapa Galicia)

A situación que provocou, e continúa a provocar, a COVID-19 na educación non foi máis que o caldo de cultivo para o incremento da fenda dixital xa existente. Este termo, que xorde nos anos 90, refírese á desigualdade que experimentan as persoas para acceder á información, ao coñecemento e á educación mediante as novas tecnoloxías, así como á separación social existente entre grupos de persoas que teñen acceso as TICs como parte da súa rutina, é dicir, que saben manexalas e obter unha rendibilidade delas, e os grupos que non teñen dito acceso.

A meirande parte dos estudos realizados sobre a fenda dixital coinciden en sinalar que hai dous tipos de fendas: a ocasionada por problemas de acceso (a internet ou ás novas tecnoloxías e dispositivos), algo que se tratou de frear impulsando a accesibilidade universal ás TICs; e outra relativa a problemas de competencias dixitais. Así mesmo, en ocasións posúense as competencias dixitais para moverse pola rede, pero non os coñecementos para facer un bo uso e sacarlle partido (por exemplo, no relativo ao acceso a información de calidade).

Cales son as causas destas desigualdades?

Os principais factores que as provocan son os motivos socioeconómicos (falta de recursos), xeográficos (sitios nos que hai pouca ou nula conectividade), ou de idade (falta de aprendizaxe) e xénero (diferente uso das TICs en relación aos sexos).

Mais aló das desigualdades anteriores, outro factor engadido é a baixa calidade que ofrecen os smartphones ou teléfonos con conectividade a Internet, para a aprendizaxe online.  Aínda que, xeneralizados abondo, é frecuente que estes non sexan óptimos para o aprendizaxe pola dificultade de elaborar tarefas e documentos, o tamaño escaso da pantalla ou a incompatibilidade con ferramentas de oficina de forma non esporádica. Isto supón unha dificultade engadida para aqueles que non teñan máis ca este tipo de ferramentas ou as súas estean obsoletas: a falta de micrófonos, cámaras web ou ferramentas de traballo online.

Por outra banda, atopamos a situación de aqueles estudantes que, contando con ferramentas e tecnoloxías suficientes, carecen da formación e coñecementos para realizar un uso axeitado das mesmas, é dicir, o seu nivel de competencia dixital é baixo. O ensino leva algún tempo tentando actualizar as súas ferramentas e competencias pero atópase con dificultades que proveñen de varias fontes: un profesorado sen formación específica en ensinanza online, a baixa inversión pública en redes de calidade para o ensino, ferramentas dixitais que esixen competencia por parte dos usuarios, tanto docentes como alumnado.

As consecuencias da fenda dixital e das desigualdades que implica impactan tanto na vida presente dos estudantes como na súa vida futura

Ao dificultar o seu proceso de ensinanza, tamén se dificulta o proceso de inserción laboral que ten un efecto determinante nos seus ingresos futuros. A división social sería igualmente unha consecuencia importante, facendo que se creen diferenzas cada vez máis profundas entre comunidades.

A fenda dixital no contexto galego

Principalmente, no primeiro confinamento, foi especialmente visible como a fenda dixital se agrandou en Galicia entre os fogares que dispoñen de fibra óptica e redes inalámbricas de alta velocidade e aqueles nos que a velocidade é escasa (zonas rurais).

No ano 2019, un informe publicado polo Ministerio de Economía e Empresa sinalaba que o 13,2% da poboación galega, o que sería un total de 357 mil persoas, apenas pode acceder a unha velocidade de 2 Mbps, sendo a comunidade autónoma máis afectada de todo o país.

Desta forma, o proceso educativo na actualidade e, ante todo, durante o confinamento do ano 2020, viuse moi afectado para unha importante parte dos estudantes galegos, pois unha mala conexión non só afecta ao seguimento das clases online, senón tamén á entrega de traballos ou a realización dos mesmos, cando estes teñen un carácter audiovisual. Para Uxía García, estudante dun mestrado de profesorado e que, durante o confinamento e na actualidade, conta cunha baixa velocidade de Internet, o peor da ensinanza online é “a dificultade, por non dicir, imposibilidade de interactuar cos compañeiros e mestres durante as clases e, polo tanto, a perda dun proceso de educación “recíproco”.

Referencias bibliográficas

Carrera, S. (2020, 13 de marzo). La educación en la pandemia: limitado acceso a la tecnología y exceso de trabajo. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2020/04/04/educacion-pandemia-limitado-accesotecnologia-exceso-trabajo/0003_202004G4P26991.html

El Nuevo Diario, Redacción. (2010, 20 de abril). La equidad educativa. El Nuevo Diario. https://www.elnuevodiario.com.ni/opinion/72666-equidad-educativa/

Iberdrola. La brecha digital en el mundo y por qué provoca desigualdad. Consultado o 10 de marzo de 2021. https://www.iberdrola.com/compromiso-social/que-es-brecha-digital

La Voz de Galicia, Redacción. (2020, 9 de agosto). Un proyecto de la FAD buscará reducir la brecha digital educativa. La Voz de Galicia.   https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2020/07/30/proyecto-fad-buscara-reducir-brechadigital-educativa/0003_202007G30P12991.htm

L. Belengeuer. (2021, 14 de marzo). España, el 14 de marzo de 2020: estrenamos estado de alarma contra la covid y una nueva forma de vivir. 20minutos.es. https://www.20minutos.es/noticia/4612299/0/14-marzo-2020-un-ano-despues-pandemia-covid-espana/

Ministerio de Economía y Empresa. (2019). Cobertura de banda ancha en España en el año 2018. Consultado o 11 de marzo de 2021. https://avancedigital.mineco.gob.es/banda-ancha/cobertura/Documents/Cobertura-BA-2018.pdf

Román, L. (2020, 2 de xullo). La educación online en la pandemia: problemas y claves para el futuro. Educación 3.0. https://www.educaciontrespuntocero.com/noticias/educacion-online-en-la-pandemia/

UNIR. (2020, 22 de xullo). Cómo ha afectado a la educación la pandemia por COVID-19. UNIR. https://mexico.unir.net/vive-unir/como-ha-afectado-a-la-educacion-la-pandemia-por-covid-19/

V. Daniele. (2020, 4 de agosto). El impacto del COVID-19 en la educación podría desperdiciar un gran potencial humano y revertir décadas de progreso. Noticias ONU.   https://news.un.org/es/story/2020/08/1478302

Funcións dos membros do grupo

Manuel García Conde (difusor: recompilación de información, entrevista a Uxía García e edición), Francisco Gerpe Rodríguez (editor: sen participación); Sergio Gil Pazos (editor: recompilación de información, entrevista a Lourdes Gil, e edición), Andrés García Iglesias (responsable de actividades: recompilación de información), Sara Millán Garea (coordinadora: posta en común e redacción de toda a información recompilada e edición).

Un comentario en “Educación, acceso á tecnoloxía e fenda dixital: está Galicia preparada para o ensino online?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.