A discapacidade na educación: o camiño cara a inclusión

Grupo S1E

Fátima Otero, Susana Rodríguez e Patricia Veiga cóntannos as súas experiencias como persoas con discapacidade no ensino

A inclusión das persoas con discapacidade no sistema educativo é esencial para acadar as metas que se propón a ONU cara o 2030 no eido da educación de calidade. Neste sentido, partimos da base de que as diferentes barreiras coas que se atopan as persoas con discapacidade intelectual e as persoas con discapacidade física deben ser abordadas de xeito diferenciado, como apunta Susana Rodríguez. Os problemas que padecen son aínda numerosos e, cunha realidade na que a inclusión aínda non está acadada, o tecido asociativo galego cumpre cunha labor esencial.

Por unha banda, as persoas con discapacidade física atopan as súas principais limitacións nas barreiras físicas, en caso de persoas con dificultades para a mobilidade. Como nos conta Patricia Veiga, que foi alumna universitaria cunha discapacidade física, estas dependen principalmente das instalacións. No caso das persoas con discapacidade sensorial, como é o caso de Susana Rodríguez, quen conta cun 5% de visión, ou de persoas xordas ou mesmo con máis dun tipo de discapacidade, as maiores eivas son a falta de adaptación do material e de formación do profesorado así como a presenza do número adecuado de auxiliares de apoio.

As maiores eivas son a falta de adaptación do material e de formación do profesorado

No caso das persoas con discapacidade intelectual, a realidade é aínda máis limitante. Nas últimas décadas foron moitos os avances conseguidos pero as eivas para as persoas con discapacidade intelectual no ensino continúan sendo moitas. Máis alá do debate entre a educación especial e a inclusiva, o alumnado con discapacidade intelectual e as súas familias consideran que debe producirse un cambio de concepción total no xeito en que se trata a inclusión destas persoas no sistema educativo. 

Nun artigo dos investigadores Miguel Ángel Verdugo e Alba Rodríguez, falan da necesidade de integrar ao alumnado pero tamén de incluilo, é dicir, de que estas persoas se sintan parte da comunidade escolar, algo que moitas veces non ocorre malia a estar no colexio co resto do alumnado. Pero para que iso sexa posible pensan que é necesario eliminar estereotipos cara a estas persoas e mudar o xeito en que funciona o currículo educativo. Por unha banda, pensan que se deberían priorizar os contidos prácticos sobre os teóricos, facilitando así que poidan continuar cos seus estudos. E por outra, que se debería equilibrar o seu crecemento académico co persoal, apoiándoos psicoloxicamente para mellorar o seu rendemento. Algo que non é posible, din, sen un profesorado preparado e formado para iso. 

Precisamente para impulsar a inclusión das persoas con discapacidade no mundo formativo e laboral existe un rico tecido asociativo en Galicia. A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) é unha das que acadan un maior impacto en Galicia. No eido da formación, imparten diferentes cursos por toda a xeografía galega. Por exemplo, os cursos de operarios de limpeza viaria en Lugo, de informática básica en Vilalba ou de alfabetización e graduado en ESO en Tui. Ademais, ofrecen orientación laboral e desenvolvemento das habilidades coas novas tecnoloxías como dicía Fátima Otero, quen conta cunha discapacidade intelectual e se veu beneficiada polo apoio de COGAMI. 

Para impulsar a inclusión das persoas con discapacidade existe un rico tecido asociativo

Down Galicia ofrece na súa páxina recursos, boas prácticas, metodoloxías educativas adaptadas e información para todas as etapas educativas. Neste senso, a Asociación San Xerome Emiliani de A Guarda conta con programas de desenvolvemento integral e potenciación das capacidades dos nenos e nenas con discapacidade de 0 a 6 anos. Na etapa educativa entre os 6 e 21 anos ofrece dous modelos de escolarización: completa no centro ou combinada cun centro común, é dicir, inclusiva. Ademais, imparte un ciclo dual de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais. 

A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) tamén ofrecen formación dirixida á inserción laboral con talleres ocupacionais e tamén coa creación dun centro especial de emprego ASPAS EMPREGO S.L. Outras como a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) dedícase en exclusiva ás mulleres con discapacidade, e ofrece formación nas áreas de empoderamento, igualdade, saúde e sexualidade. 

A finalidade de todas estas iniciativas e asociacións é acadar a inclusión, tanto laboral coma educativa, mais o camiño é longo a pesares dos avances. 

REFERENCIAS

Verdugo Alonso, M. A. y Rodríguez Aguilella, A. (2012, mayo-agosto). La inclusión educativa en España desde la perspectiva de alumnos con discapacidad intelectual, de familias y de profesionales. Revista de educación, 358, 450-470. https://doi.org/10.4438/1988-592X-RE-2011-358-086

Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) https://www.cogami.gal/es_ES/

Federación Síndrome de Down Galicia. https://downgalicia.org/

Asociación San Xerome Emiliani. https://www.sanxerome.com/

Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) http://www.asociacionaspas.org/index.php?newlang=spanish

Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) http://www.acadar.org/

Susana Rodríguez Gacio paratriatleta https://www.susanarg.com/

3 comentarios en “A discapacidade na educación: o camiño cara a inclusión

  1. Boas.

    Fago este comentario como lector alleo ó proxecto e interesado. Xa estaba agardando por este post.
    Entrades dende cedo nunha polémica interesante: a dos CEE, entendidos nas súas dúas expansións: os Centros Especiais de Emprego e os Centros de Educación Especial. Hai polémica cos dous.
    Por unha parte, dise: “ofrece dous modelos de escolarización: completa no centro ou combinada cun centro común, é dicir, inclusiva”. Cómpre non esquecer que por moi terceiro sector que sexan estes centros son privados, como a ONCE e outras organizacións, que moitas desfrutan da anomalía de ter beneficios case de empresa pública e a opacidade e descontrol das privadas (a ONCE, por exemplo, que é unha corporación de derecho público regulada por un protectorado de pandereta onde supostamente están representados a organización e o estado pero onde en realidade a organización se representa e desrepresenta como mellor lle convén). Como tal teñen os seus intereses e isto estámolo a ver claramente na polémica coa LOMLOE, que aínda quedará quen pense que as queixas das familias foron naceron na clase obreira e parvadas semellantes. Feita tal puntualización, digo ben claro que na miña opinión, dende o momento en que se combina a escolarización, e aínda peor, como digo, se é cun centro privado, non podemos referirnos a educación inclusiva. É inclusiva se é inclusiva. Se unha parte considerable se desenvolve nun centro especial, será educación combinada, descafeinada, mixta, diversa funcional ou como se lle queira chamar para venderllo á sente, pero inclusiva…non sei.
    A LOMLOE da un prazo de dez anos para que os centros se reconvirtan a centros de recursos e, isto é o que as familias tan queixosas non din, tamén de escolarización a aqueles alumnos que precisen unha educación tan tan específica que non se lles poida fornecer nun centro ordinario. Isto xa estaba cando toda esta xente se empezou a queixar, non o sacaron da manga para contentalos. Se iso se fai, que non se vai facer porque cambiarán a lei 8 veces máis e esa disposición acabarase perdendo, si que sería un modelo de educación máis inclusiva. Unha mágoa, e aquí está o interese real, para os centros de educación especial nas súas distintas denominacións, que moitos son privados, e polo tanto teñen un grande interese en seguir dispoñendo medios de produción e recursos humanos para producir bens e servizos, ou sexa, realizar unha *actividade económica* (art. 5-LIS), debidamente remunerada polas administracións e as familias.
    Sobre o da integración, tamén hai que ir pouco a pouco. Se non se deriva ós alumnos á integrada non se pode incluílos. Nin coñecen eles a realidade do mundo que está aí fóra nin coñece a sociedade o mundo que está aí dentro do CEE. E isto pódecho contar calquera que fose a un colexio da ONCE, que o pasaban todo o ben que queirades, pero non vivían máis que nunha sociedade burbulla na que todo estaba adaptado.
    Relaciónase cun vídeo que recibín hai unhas semanas, que non podo colgar, pero viña a dicir o seguinte: “hola, soy fulano de tal, yo hice primero de fisioterapia en la Universitat Ramon Llull, pero claro, estaba muy lejos de la pizarra y no la veía, y además los profesores no me pasaban las presentaciones en formato accesible. Me fui a la Escuela de Fisioterapia de la ONCE (*só para afiliados*) y todo genial, super accesible y super específico. Y además tiene una tasa de inserción del 100%”. Por empezar por algún sitio, con menos de 20 alumnos por curso e un conglomerado de empresas chamado Ilunion eu tamén son capaz de facer unha carreira cun 100% de taxa de inserción. É como se a USC é propietaria de Grupo PRISA e di que o Doble Grao en Xor+CAV, que convoca 15 prazas por ano, ten unha taxa de inserción do 100%, sorpresa! Por outro lado, cando toda esta boa xente queira saír do cómodo e facer unha oposición, ou traballar na privada, atopará problemas como a movida que tivo Carmen Lafuente, bióloga, coa súa praza BIR, podédelo buscar en internet, que ata se apuntou o CERMI á festa. E claro, extrañaranse, porque en la ONCE me adaptaban todo y ahora resulta de que me encuentro con la realidad, donde la gente pasa tres kilos de adaptar nada, qué injusticia. Por exemplos como ése é polo que os centros especiais deben asesorar e non pechar a ninguén dentro para illalo e ocultalo, que por algo os CEE, e demais centros de discapacidade como os CAMP da Xunta, están perdidos no medio do monte, xeralmente. E por exemplos como ése é polo que unha educación combinada non é inclusiva.
    Como sospeito que as próximas publicacións tamén van a abordar o asunto, deixo o do emprego para outra entrega.
    Sobre o de ACADAR, tal e como sinalei no meu traballo, que podedes consultar se tedes interese, a súa web non cumple nin sequera o nivel A das pautas WCAG 2.1 do W3C, e molesteime en consultalo cun técnico, non o digo eu porque tampouco son quen. Debe ser que eles contactaron cun técnico distinto, porque teñen unha declaración de accesibilidade que garante o nivel AA, certificado por non se sabe quen non se sabe como. Que entendo que chamar a AENOR e pedir o servizo costa cartos, pero entón mellor aforrar a declaración de accesibilidade e admitir que non saben moi ben que é iso da accesibilidade, que lles quere sonar. Permitídeme que sexa escéptico sobre o resto das súas actividades visto o percal. Que o feito de que non obriguen ás mercantiles e demais empresas privadas a ter a web accesible, salvo insultantes excepcións recollidas na LSSICE, non exhime de que garden especial coidado se son unha asociación de discapacidade. Pero vese que é unha opinión só miña. Das subvencións que reciben da Consellería de Economía, que agora para máis é tamén Vicepresidencia, e doutras administracións, xa mellor non falamos.
    Por certo, a imaxe de cabeceira lese como: “whatsapp-image-2021-03-25-at-1…”.

    Agardo que todo isto vos sexa útil. Grazas!

    Gústame

    1. Moitas grazas Iván polo teu comentario, que de seguro nos vai ser moi útil esta información.
      Efectivamente, non queriamos referirnos á educación combinada como inclusiva, hai un error ortográfico, é unha educación “máis inclusiva”, non inclusiva; un paso intermedio entre a educación especial e a inclusiva, que se desenvolve totalmente nun centro ordinario.
      Moitos dos centros de educación especial son privados, contando con programas concertados e incluso gratuitas; por exemplo, o Centro San Xerome Emiliani ofrece un Servizo de Atención Temperá para a poboación infantil de 0 a 6 anos.
      De feito, unha das nosas próximas publicacións trata sobre o tema da preparación da educación das persoas con discapacidade cara o mundo laboral, mais non afondaremos en profundidade no mundo laboral porque sae do ámbito do ODS 4.

      Gústame

      1. Home, pero por moito que sexan de balde financiaranse de algún xeito… e se eses centros se teñen que reconvertir en centros de recursos terían que cambiar o modelo e igual aí ven unha ameaza para os seus ingresos. Quedará ver como se desenvolve normativamente todo isto, se é que algún día se chega a desenvolver, para saber exactamente como vai quedar, pero mantéñome en que as queixas pola disposición transitoria da LOMLOE foron maioritariamente instigadas polos centros por motivos económicos ou, en todo caso, por intereses deles. Serei eu que neste mundo teño tendencia a pensar mal, non sei.

        Saúdos.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.