A contaminación da acción humana: río Lamas

Río Lamas. Fonte: IES Fontem Albei.

Grupo S1C

A contaminación hídrica é un dos temas presentes nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. O saneamento da auga é fundamental para a boa saúde dunha sociedade, dende as máis pequenas ata o conxunto da humanidade. Comezamos o noso percorrido investigando a comarca da Fonsagrada, centrándonos na situación do río Lamas. Por ese motivo contamos coa participación de membros do Concello da Fonsagrada, con profesores do IES Fontem Albei da Fonsagrada que participou no Proxecto Ríos, con alumnos participantes neste proxecto e con veciños da zona.

Dende o Concello da Fonsagrada elaboraron no 2016 unhas estratexias de sostibilidade ambiental para adaptarse ao cambio climático na xestión e planificación públicas. Neste estudo seguiron a metodoloxía recomendada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), denominada Código de boas prácticas ambientais. Os seus obxectivos son o coñecemento do estado medioambiental dos recursos locais, a localización e enmenda das incidencias medioambientais, coñecer o grao de cumprimento da lexislación neste senso, proporcionar ao Concello un punto de inicio para executar as actuacións ambientais e facilitar a posta en marcha de sistemas de participación da poboación. 

Con todo, na realidade non se cumpren exactamente estes obxectivos. Josefa Ortiz “Nenoso”, membro do equipo de goberno do Concello da Fonsagrada, indícanos que dende o Concello non hai ninguén que se encargue de vixiar os ríos. Sinala que “o Concello controla unicamente o tema da depuración polas sancións, que ultimamente son menores ou inexistentes”. Josefa expresa que para mellorar esta situación sería necesario un “goberno municipal responsable” que vexa “a necesidade de protexer as nosas augas”. Se isto non sucede, indica que os veciños e as veciñas “fan e desfán”.

Un dos afectados desta deficiente xestión é o río Lamas, un dos ríos máis importantes da comarca. Este comeza despois da caída da Seimeira de Vilagocende (unha fervenza). Está formado por varios regos entre os que destacan o rego da Roxica, o rego do Muín ou o río Ranside. O primeiro deles sofre verteduras por parte dunha industria cárnica, que posteriormente se unen ás augas do río Lamas. Por este motivo, preto deste lugar construiuse no 1998 unha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) para mellorar o estado dos ríos. Esta ten máis efecto no inicio do rego da Roxica, pero se se producen verteduras nos tramos seguintes, xa non hai unha estación que depure a auga.

Mapa do río Lamas e o rego da Roxica. Fonte: elaboración propia.

Para concienciar á poboación sobre o mantemento dos ríos da zona, o Instituto Fontem Albei da Fonsagrada escolleu este río para desenvolver o Proxecto Ríos. Este está organizado polo plan Proxecta da Xunta de Galicia. Carmen Gómez, ex-directora e profesora de inglés do instituto, sinala que empezaron con este proxecto no curso 2012-13 e ata o curso 2016-17. O claustro de profesores considerou que “era unha boísima oportunidade para que o noso alumnado aprendese a coidar o seu entorno”. Os seus alumnos realizaban unha actuación no río de 500 metros de percorrido e “todos participaron dun xeito ou doutro”. Carmen explica que a actividade principal realizábana no centro e posteriormente facían dúas saídas por curso ao río. Nesas saídas realizaban traballos como o coñecemento dos aspectos físicoquímicos, biolóxicos e sociais dos ríos; concienciar da participación na conservación dos ríos, a publicación de imaxes no blog e nas redes sociais ou estudo das características socioculturais do entorno do río.

Miguel Pavón, mestre de bioloxía do instituto, explica que na aula recoñecían plantas da zona e tamén algúns animais. Cando ían ao río “recolliamos mostras da fauna para identificar e voltar á auga, mediamos osíxeno e nitratos da auga e o pH”.

Alumnos do IES Fontem Albei limpando o río Lamas. Fonte: IES Fontem Albei.

Como explican Carmen e Miguel, os alumnos acolleron moi ben esta proposta. Nunha enquisa que realizamos, os alumnos participantes indicáronnos que valoraron positivamente a actividade. Noutra das preguntas da enquisa, os alumnos sinalaron que a nota media do estado do río á súa chegada era de aproximadamente un seis, xa que a pegada humana era moi evidente. Posteriormente, cando remataban a actividade indican que o estado do río era dun oito de media. Ademais, un 52% dos participantes na enquisa sinalan que a poboación fonsagradina non se concienciou para coidar a contorna con este proxecto.

Resultados dalgunhas preguntas que realizamos na enquisa aos alumnos do IES Fontem Albei. Fonte: elaboración propia.

Os propios habitantes da Fonsagrada confirman que o estado do río Lamas non é o mellor. Benjamín Alonso, veciño da zona, explícanos que adoitaba ir pescar troitas ao río, pero que agora xa non o fai porque non as hai. Este é un exemplo dos efectos da contaminación na vida mariña. A biodiversidade destas augas acaba pagando a mala actuación humana contra a natureza.

Por tanto, despois da nosa investigación concluímos que a mellora da situación do río Lamas radica en tres puntos básicos. O primeiro deles é a administración municipal, que debería cumprir os seus plans e ser máis estrictos nas sancións ás empresas que non respectan o medioambiente. Por exemplo, Josefa Ortiz indicounos que a empresa Europizarras contamina dous ríos próximos ao Lamas, o Espín e o Allonca, pero que non son multados.

En canto ao Instituto Fontem Albei, realizan unha importante labor cos seus alumnos para concienciar sobre a contaminación mariña. Con todo, esta tarefa ocupa pouco tempo da actividade do centro, polo que o instituto debería desenvolver un programa propio para informar á poboación fonsagradina sobre a importancia das augas. 

O último pilar que consideramos importante é ese, o dos habitantes da comarca. Son os que están en contacto de forma máis directa co río, pero en ocasións non o respectan o suficiente e verten residuos de todo tipo nel. Esta actividade realizárona dende hai bastante tempo, polo que deberían mentalizarse en cambiar a súa actitude. Como nos indicaron varias das nosas fontes, A Fonsagrada depende en gran medida da gandería e do medio ambiente, de modo que é fundamental a súa conservación para a subsistencia da vida na zona.

2 comentarios en “A contaminación da acción humana: río Lamas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.