S1A
Hoxe en día, son moitos os pais que deciden dirixirse ás cidades para escolarizar aos seus fillos. No entanto, tamén hai moitos outros que, aínda tendo que facer fronte aos miles de prexuízos que o envolven, deciden apostar polo rural. Unha desas nais é Maribel García, habitante do concello das Nogais, quen é consciente tanto dos prexuízos como da falta de recursos tan presente nas escolas rurais.
Ela mesma nos fala da necesidade de destinar máis recursos a estes centros porque senón, como di ela, “é normal que a xente non queira quedarse. Ningún pai vai quere traer ao seu fillo a un centro no que case non hai autobuses ou no que un profesor ten que encargarse de catro cursos porque vai pensar que a educación é peor”.
A situación de desigualdade na que se atopan os colexios rurais fronte aos urbanos deriva na aparición de prexuízos que xiran en torno á calidade da educación rural e, consecuentemente, levan a moitos pais a afastarse destas zonas. De feito, segundo unha enquisa realizada por este mesmo grupo do Observatorio Cidadán de Comunicación, un 59,7% da mostra entrevistada escoitou algunha vez comentarios negativos sobre a educación impartida nos colexios situados no ámbito rural.
Para falar da situación na que se atopa a educación no rural galego, cómpre facer fincapé na situación de abandono e olvido institucional na que leva sumida esta parte tan importante do que é a poboación de Galicia. Isto é unha situación de éxodo masivo cara ás cidades que ano tras ano deixa desprovisto de recursos e servizos básicos a estas zonas, o que afecta de forma directa a perda de alumnado nos colexios rurais.

Este mapa reflicte a evolución da poboación a escala parroquial entre os anos 2000 e 2015. Foi elaborado por dous catedráticos da Universidade de Vigo, Alberto José Pazo e María Pilar Moragón, a partir de datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Podemos ver que o éxodo dende as zonas rurais galegas cara as cidades máis grandes e tamén cara as zonas da costa atlántica foi masivo durante o período do estudo.
Porén, falando de despoboamento, a psicóloga Laura Pardeiro, experta en educación, fai fincapé no fenómeno dos prexuízos. “O problema do despoboamento non é soamente referido á dotación económica. Hai un problema moitísimo maior de fondo, que é un problema de comprensión social do que é o medio, e que xa as persoas nin sequera intentamos achegarnos aquí. Entón, a pregunta é que é o que nos frena, que estereotipos e que prexuízos hai que nos impiden quedar no lugar no que verdadeiramente queremos estar”, comenta a psicóloga.
O que ocorre é que ao marchar a xente do rural, por diversos motivos entre os que se atopan estes prexuízos, dáse un círculo vicioso que desemboca na perda de servizos. Marcos Pérez Pena, xornalista de Praza.gal, encargado de cubrir a loita da ANPA do Courel para este xornal, denuncia que “canta menos xente hai, menos servizos, e ao haber menos servizos, tamén a xente acaba marchando. Se xa nacen poucos nenos e nenas no Courel, imaxino que un pai que ve o limitados que están os servizos, pois posiblemente decida levalo a unha cidade”.
A sombra destes prexuízos érguese sobre moitos centros que non paran de perder alumnado, sendo así obrigados a pechar e causando unha vez máis un aumento no éxodo educacional cara as zonas urbanas. Deste xeito, as escolas rurais experimentan unha precariedade en canto a servizos como ben poden ser o transporte escolar ou o comedor. Estes pensamentos, levan a que a situación en canto a número de alumnado nestes colexios sexa aínda máis crítica.
“O nivel é menor e a ensinanza peor porque o mesmo profesor da as mesmas asignaturas”
Que os colexios rurais non dispoñen de tecnoloxías porque “non chega o internet” e que se imparte unha educación centrada en profesións relacionadas co medio rural, son algúns dos comentarios negativos que case o 60% dos entrevistados e entrevistadas na nosa enquisa teñen escoitado.
Laura Pardeiro explica que moitos destes prexuízos vixentes hoxe en día derivan de épocas anteriores, e que nos son transmitidos ao longo do noso proceso de crianza. Esta psicóloga fálanos da necesidade de dar a coñecer unha realidade actual moi diferente á das épocas pasadas, e afirma que as aldeas dos nosos días son moi diversas ás do pasado. Nelas existen a día de hoxe moitas iniciativas, polo que cómpre eliminar os estereotipos que se xeran arredor das persoas que habitan o rural.
BIBLIOGRAFÍA:
Pazo, A. J. & Moragón, M. P. (setembro de 2017). El despoblamiento en Galicia: la visualización de la “catástrofe”. https://doi.org/10.4422/ager.2018.02
Grazas polo voso post!
O equipo S1D é o encargado de falar sobre a igualdade de xénero no fogar neste Observatorio. Logo de falar coas fontes que conforman a nosa axenda de contactos, démonos de conta que todas elas concordan en que a educación para a igualdade é fundamental na casa e tamén na escola. Falaremos diso na nosa seguinte publicación por se queredes botarlle unha ollada.
Nesa liña, tivemos a oportunidade de falar con Isabel Calvete, a presidenta da federación de Anpas de Lugo (FAPACEL), ela sinalábanos que “os nenos teñen dereito a educarse no seu entorno e as familias a vivir onde queiran (…), todos somos o rural”. Ademais falamos do peche de servicios en localidades como a de Baamonde (Concello de Begonte) ou de Parga (Concello de Guitiriz), o cal favorece o despoboamento destes. Animámosvos a incluir na vosa axenda esta federación e a Confederación de Anpas Galegas os cales nos trasladaron que “sempre intentan axudar ao alumnado universitario”.
A defensa do noso rural faise de todas as maneiras e dende todos os lugares. As costumes, as persoas e a realidade que viven estas aldeas e vilas son parte de nós e da esencia galega.
Un saúdo,
O equipo S1D.
GústameGústame
Moitas grazas Lucía! Teremos en conta a túa proposta en canto á axenda.
Por outra banda, concordamos totalmente en que a educación nos colexios é un aspecto fundamental no camiño da igualdade, pero tamén a educación en cada fogar. Ás veces ocorre que se ten unha visión das zonas rurais que non é a correcta: séguense vendo estes lugares como zonas atrasadas, tanto material como ideoloxicamente. Isto non é así. O rural actual é moi diverso e tolerante, e é necesario dalo a coñecer. Neste sentido, sería interesante investigar se certos valores que se reciben na educación no rural (tanto educación familiar como no colexio), influen positivamente no camiño para lograr a equidade.
Un saúdo!
GústameGústame