Casa da escola unitaria de Freixeiro, en Santa Comba
Máis de 200 escolas unitarias galegas pechadas en apenas 15 anos, e centos de rapaces e rapazas obrigados a trasladarse a outros colexios máis grandes. Isto conleva, na maioría de casos, modificacións nas rutinas diarias das familias e, por suposto, un grave impacto psicolóxico no alumnado afectado.
Laura García é unha de tantas e tantos que sufriron isto de primeira man. Ela é nai de dous fillos. O máis pequeno, Marcos, estudaba na unitaria de Freixeiro (Santa Comba), pero antes de finalizar a súa estada na mesma, anunciouse o fechamento do centro educativo. Consecuentemente, o rapaz tivo que cambiar de colexio, con todo o que isto pode supoñer nunha etapa crucial para o seu desenvolvemento.
A entrevistada, Laura García, xunto ó seu fillo Marcos.
Afortunadamente, o día a día da familia non experimentou grandes cambios, posto que o irmán maior xa levaba uns anos asistindo ó CEIP Barrié de la Maza, localizado en Santa Comba. O feito de que este centro ofrecese tanto transporte escolar como comedor foi quizais o máis positivo do cambio. A propia Laura García asegura que “facilitan moito as cousas, sobre todo para as familias nas que traballamos os dous pais. Eses servizos son fundamentais á hora de escoller colexio, na miña opinión”.
E aínda que a vida do pai e da nai non cambiara moito, si o fixo a de Marcos, que daquela tiña tan só seis anos. Tan pronto como pisou o seu novo colexio decatouse de que nada sería como antes. Súa nai contounos que “pasou de ter seis compañeiros e de diferentes idades a ter 23 da súa mesma idade”, o que lle complicou o proceso de adaptación. Unha mudanza de centro educativo envolve ó rapaz nunhas circunstancias que poden resultar dificultosas dende o punto de vista psicolóxico, xa que a esas idades aínda non contan cunha autoestima completamente desenvolta. Iso si, segundo Atlas Psicólogos Tres Cantos, os nenos e nenas dispoñen dunha mentalidade máis aberta ós cambios.
“A principal consecuencia negativa foi que o neno pasouno moi mal nos primeiros meses. Case non falaba con outros nenos, sentíase desprazados no novo colexio e o trato cos mestres era moi diferente ó que tiña na unitaria”
Laura García
Así nos resumía a nai de Marcos, Laura García, o primeiro curso do seu fillo no Barrié de la Maza. Finalmente, rematou facendo novos amigos e amigas: “O trato co resto dos nenos e nenas, que nun principio foi tirante, co tempo foise transformando en amizade”. Ademais, aprendiu a convivir con máis xente e desprendeuse da súa timidez.
Non obstante, a relación alumno-profesorado cambiou por completo. Laura considera que é como comparar “o día e a noite”: “Na unitaria falabas tódolos días cos mestres, e no colexio case nunca os vías. A non ser que pasara algo grave non sabías nada dos fillos”. Tamén se establece unha gran diferenza á hora de controlar a evolución do alumnado. Grazas á constante comunicación co profesorado da unitaria, era consciente das materias que supoñían unha maior dificultade ó seu fillo e en base a iso podía axudalo na casa. En cambio, no CEIP dábanse de conta de que lle ía mal nalgunha materia ó chegaren os exames.
Neste tipo de escolas rurais a educación impártese de xeito máis personalizado e individualizado, xa que a cantidade de estudantes que acollen é reducida. Esta disposición axuda a unha maior aprendizaxe que se demostra ó chegar a un colexio despois de pasar por unha unitaria: “Cando Marcos foi para o CEIP xa sabía ler con soltura, cousa que os compañeiros novos que tiña non sabían facer. E iso mesmo pasoulle coas matemáticas e co inglés”. Tendo isto en conta, Laura García asegura que, baixo o seu punto de vista, estes centros educativos son “os mellores colexios que hai”, sobre todo durante os primeiros anos educativos dun neno ou dunha nena: “Nestas escolas unitarias os nenos están coma na casa, alí trátase case de familia. No meu caso parecían todos primos aprendendo e xogando todos xuntos. Os primeiros anos de escolarización neses centros creo que axudan moito ós nenos”.
Desgraciadamente, o peche da escola de Freixeiro (coma tantas outras) foi inevitable: só quedaban catro estudantes e o mínimo establecido pola Xunta de Galicia é de seis. Laura García tamén comentou unha das causas que pensa que levaron a esta situación: “Na nosa parroquia había xente que levaba os rapaces e rapazas a un CEIP cando tiñan que ir á unitaria porque tiñan comedor e bus, cando as nais ou pais estaban na casa todo o día”.
Unha vez máis, vemos como á hora de decidir onde escolarizar aos fillos e fillas entran en xogo diversos factores, un deles os prexuízos sociais cara o rural e cara a educación nestas zonas. Estas ideas preconcibidas non son cousa da sociedade de hoxe en día, senón que veñen de lonxe: “Antes os das aldeas non eramos ninguén, non sabiamos facer nada. Primeiro eran os do pobo e despois nós, os da aldea”. Estes pensamentos esténdense, aínda que sexa indirectamente, ó ámbito escolar actual. Non é a primeira vez que Laura recibe comentarios por parte do profesorado como “dille ao teu fillo que non ten que ler tan rápido, senón os outros nenos séntense mal”. Doutra vez ela, como nai, decidiu comentarlle a unha mestra unha situación que se levaba repetindo varios días: un rapaz maior roubáballe o bocadillo ó seu fillo Marcos. Sorprendentemente a contestación recibida foi que “os nenos das unitarias veñen acostumados a estar entre algodóns e teñen que aprender a ser fortes”.
En resumo, a situación de Laura García e do seu fillo Marcos exemplifica os casos doutras moitas familias que pasaron, e seguen a pasar, pola mesma situación. Trasladarse dunha escola unitaria a un CEIP supón un gran cambio para o alumnado. Este ten que lidiar con comentarios despectivos xa non só por ser o novo ou a nova, senón tamén por vir dun colexio rural. A adaptación e a socialización resúltalles máis complicada que a acomodación ó nivel académico esixido. Definitivamente, o feito de recibir unha educación máis individualizada na súa etapa nas unitarias permítelles contar cunha aprendizaxe adecuada ou, nalgunhas ocasións, incluso superior á dos estudantes do mesmo curso dos CEIP. Deste modo, desmóntase por completo unha crenza tan asentada na sociedade, como é a inferioridade do nivel educativo nos centros rurais.
LIGAZÓNS:
- Aquí podedes ampliar información sobre o impacto psicolóxico que pode conlevar un cambio de colexio. Os datos son aportados por un centro de psicoloxía denominado Atlas Psicólogos Tres Cantos. https://atlaspsicologostrescantos.com/cambio-de-colegio/
- Nesta ligazón accederedes a unha publicación de Nius Diario onde se explica a educación individualizada que se imparte nas unitarias galegas. https://www.niusdiario.es/sociedad/educacion/escuelas-rurales-aprendizaje-galicia-finlandesa_18_2816370006.html
- Artigo titulado “Padres y profesores: ¿una relación ambivalente en la escuela rural?” elaborado por Noelia Morales Romo, sobre a comunicación entre pais e profesores neste tipo de escolas. https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/2376838.pdf
Paula Castiñeiras Barreiro (actividades).
Carlota Fandiño Carragal (difusión).
Iria Fernández Calvo (coordinación).
Leila Fernández Castro (edición).
Un comentario en “O que ocorre cando deixas atrás unha escola unitaria”