O camiño cara o eido laboral, outro obstáculo para as persoas con discapacidade

S1E

A educación superior é outro dos retos que afrontan as persoas con discapacidade

Logo de analizar os principais obstáculos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade física e intelectual na etapa educativa e de achegarnos ao labor das asociacións, hoxe queremos centrarnos en como se orienta ás persoas con discapacidade de cara á súa inclusión no mundo laboral. Facémolo compartindo a voz de Patricia Veiga, Susana Rodríguez, Fátima Otero e Olalla Esmorís, orientadora en COGAMI, que nos axudaron a entender os problemas que afrontan as persoas con discapacidade cando dan o paso da educación ao traballo. 

Ese salto cara o mundo laboral é complicado e os obstáculos xa comezan cando se deixa o ensino obrigatorio e se intenta avanzar cara á educación superior. Segundo o Informe Olivenza do Observatorio Estatal da Discapacidade, o alumnado con discapacidade representa só o 1,5% das persoas matriculadas na universidade en España.  Ademais, se entre a poboación xeral arredor do 33% das estudantes rematan graduándose na universidade, entre as persoas con discapacidade esa porcentaxe cae ata o 19%. Así, só o 6% das persoas con discapacidade no Estado teñen un grao universitario. Todo malia que España, segundo apunta a Fundación ONCE, se sitúa á cabeza da Unión Europea en oferta universitaria para alumnado con discapacidade. 

“Só o 6% das persoas con discapacidade no Estado teñen un grao universitario”

Informe Olivenza, Observatorio Estatal da Discapacidade

Dende COGAMI, Olalla Esmorís, traballadora social e orientadora, asegura que estes datos tan baixos son o resultado dun problema “enraizado” que vén dende a educación infantil, onde faltan medios e profesionais. Pensa que dende o principio hai unha falta en moitos casos de “adaptacións curriculares ou programas de apoio” que son un problema para a evolución académica das persoas con discapacidade. Ademais, Olalla explicounos a importancia de atender cada caso de xeito específico e considera que as institucións deben “proporcionar apoios” ás persoas con discapacidade, non só no puramente educativo senón tamén en ámbitos coma o transporte ou as residencias de estudantes, tan importantes no caso de persoas que se teñan que desprazar ao lugar de estudos. 

No caso da Formación Profesional, onde está reservado un 5% das prazas para persoas con discapacidade, a porcentaxe é algo maior pero continúa sendo moi baixa. Só o 2,97% das persoas matriculadas teñen algunha necesidade especial e neste eido existen tamén problemas de accesibilidade. Fátima Otero, quen conta cunha discapacidade intelectual, estudou un ciclo de repostería que segundo di, “non estaba adaptado”.

A falta de accesibilidade na educación superior tradúcese nun problema para as persoas con discapacidade a longo prazo. E é que no mundo laboral a situación tamén dá conta do moito que queda por facer. Segundo o INE, en España en 2019 a taxa de paro entre as persoas con discapacidade foi do 23,9%, dez puntos superior á das persoas sen discapacidade. No caso concreto de Galicia, a situación non é mellor e a nosa comunidade sitúase á cola do Estado coa segunda taxa de actividade máis baixa entre as persoas con discapacidade. 

“A taxa de paro entre as persoas con discapacidade foi do 23,9%, dez puntos superior á das persoas sen discapacidade”

Instituto Nacional de Estatística

O problema agrávase cando falamos de discapacidade intelectual. En 2019, a taxa de actividade nese colectivo era do 30,3% fronte ao 58,74% da poboación xeral. Un exemplo da falta de preparación para o emprego desas persoas no ensino regrado é o de Fátima Otero, con discapacidade intelectual, que nos conta como a orientadora laboral de COGAMI “foi a única” que lle deu formación e “a axudou a buscar ofertas de emprego” ou a usar ferramentas tan útiles coma o correo electrónico. 

A parte da falta de formación que moitas persoas con discapacidade sofren e que lles impide acceder a empregos máis estables e decentes, cómpre destacar tamén o necesario que é o compromiso das empresas na adaptación dos postos de traballo e o da Administración para incentivar a contratación destas persoas. Susana Rodríguez, con discapacidade visual, traballa no SERGAS e di que os retos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade no emprego son moito maiores que na educación, retos que se suman “á gran responsabilidade” que supón estar de por si nun posto de traballo. 

“Os retos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade no emprego son moito maiores que na educación”

Susana Rodríguez, médica e paratriatleta con discapacidade física

Outro testemuño interesante é o de Patricia Vilas, con discapacidade física, que pensa que “é complicado que a empresa se adapte” ás necesidades das persoas con discapacidade e destacounos a importancia das axudas que poidan recibir as empresas como incentivo á contratación e tamén das cotas de postos reservados a estas persoas. Susana Rodriguez tamén fixo fincapé na importancia de que as cotas servan para a inclusión das persoas que realmente precisan de adaptacións. Neste sentido, cómpre indicar que actualmente en España existe unha Lei de Dereitos das Persoas con Discapacidade que obriga ás empresas de máis de 50 traballadores a que, como mínimo, o 2% dos seus empregados e empregadas teña discapacidade. Pero a aquelas empresas de menos de 50 traballadores, o 99,2% das que existen en España, non se lles esixe iso.

Instituto Nacional de Estadística (INE). (2019). El Empleo de las Personas con Discapacidad . Obtenido de https://www.ine.es/prensa/epd_2019.pdf

Observatorio estatal de la Discapacidad. (3 de Noviembre de 2020). La Encuesta de Inserción Laboral de Titulados Universitarios. Obtenido de https://www.observatoriodeladiscapacidad.info/wp-content/uploads/2020/11/NOTA-OED-INSERLABORAL-UNIVERSITARIOS-DISCAPACIDAD.pdf

Down España. (17 de Octubre de 2020). El porcentaje de estudiantes con discapacidad en las universidades españolas no supera el 1,5%. Obtenido de Down España: https://www.sindromedown.net/noticia/el-porcentaje-de-estudiantes-con-discapacidad-en-las-universidades-espanolas-no-supera-el-15/

Observatorio estatal de la Discapacidad (OED). (8 de Maio de 2020). Proteger a las personas con discapacidad frente a la crisis de la COVID-19. Obtenido de https://www.observatoriodeladiscapacidad.info/tag/empleo/

Observatorio estatal de la Discapacidad (OED). (2018). Informe Olivenza 2018 sobre la situación general de la discapacidad en España. https://www.observatoriodeladiscapacidad.info/wp-content/uploads/2019/04/OED-INFORME-OLIVENZA-2018.pdf 

Gago, M. (5 de enero de 2020). Juan XXIII innova con una FP dual para personas con discapacidad intelectual. La Voz de Galicia.https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/cerdedo-cotobade/2020/01/05/juan-xxiii-innova-fp-dual-personas-discapacidad-intelectual/0003_202001P5C7991.htm

Ley 1/2013, de 29 de noviembre, por el que se aprueba el Texto Refundido de la Ley General de derechos de las personas con discapacidad y de su inclusión social. (2013). Boletín Oficial del Estado, 289, de 3 de diciembre de 2013, 95635 a 95673. https://www.boe.es/buscar/pdf/2013/BOE-A-2013-12632-consolidado.pdf

Pardo, M. (23 de marzo de 2021). O novo plan da Xunta para a diversidade na escola alerta ás familias pola escaseza de profesionais. Praza pública. https://praza.gal/acontece/o-novo-plan-da-xunta-para-a-atencion-a-diversidade-na-escola-alerta-as-familias-pola-escaseza-de-profesionais 

3 comentarios en “O camiño cara o eido laboral, outro obstáculo para as persoas con discapacidade

  1. Ola.

    comento por enriba por falta de tempo.
    “No caso da Formación Profesional, onde está reservado un 5% das prazas para persoas con discapacidade”… Na universidade tamén hai reserva, que se tramita a través da CIUG, e matrícula de balde, que se solicita cada ano á universidade, para as persoas con discapacidade, non sei se a partir do 33% ou do 65%. Só pagamos 1,12€ do seguro escolar. Se non estou mal, tería que miralo, éstas son esixencias da LOU ou algún dos seus desenvolvementos normativos a todos os distritos universitarios e universidades do estado. De feito no caso da USC o SEPIU penso que ten estatísticas ó respecto con base nos datos que anualmente traslada o SXA sobre as exencións de matrícula solicitadas.
    Tocades moi xeralmente o tema das cotas. Hai un problema bastante relevante sobre o que non poñedes o foco, que as empresas, incluídos os CEE (Centros Especiais de Emprego), collen a unha persoa que ten un dedo un pouco torcido, e por iso lle dan un 34% de discapacidade, para cubrir a cota. Non son xurista e por iso tampouco podo propoñer ningunha solución, pero quizais debería abordarse que se facemos unha cota sirva para algo. O tema de estender a obriga a empresas de menos de cincuenta traballadores tamén é un bo percal, porque seguramente hai empresas nas que, por motivos de seguridade relativos á natureza do traballo, non podería entrar unha persoa con discapacidade, se excluímos os que dicía antes que teñen un óso algo movido sen que cause prexuízo real á súa actividade diaria. Tamén hai desas con máis de cincuenta, pero xa teñen unha estrutura máis grande e con postos máis diversificados.
    A discapacidade visual é sensorial, non física, polo destacado que lle poñedes a Susana.
    “Todo malia que España, segundo apunta a Fundación ONCE, se sitúa á cabeza da Unión Europea en oferta universitaria para alumnado con discapacidade”. Fundación ONCE e o Real Patronato pagáronme en decembro de 2020 unha beca do curso 2019/2020 que se convocou en xullo de 2019, así que se cadra podían estar calados, que ás veces ata se queda mellor. En todo caso non entendo a que se refiren con “á cabeza en oferta universitaria” (que eu saiba, por exemplo, só hai unha universidade que oferta un grao en LSE e comunidade xorda). Habería que ver con lupa en que se basean para dicir o que din, como compararon co resto de Europa, con base en que baremos, etc. porque ademais non me consta que a Fundación teña ningún ámbito de actuación europeo fóra de España para comprobar sobre o terreo.

    Saúdos.

    Gústame

    1. Ola.

      Efectivamente existen unha cota do 5% reservada para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%, tanto na Formación Profesional comas nas Universidades, mais queriamos centrarnos no grado de éxito que teñen estas persoas unha vez acceden á universidade.
      En canto ao que nos dis das axudas económicas, o grupo estase a enfocar na preparación e adaptación das instalacións, do profesorado e do contido das materias para atender as necesidades das persoas con discapacidade, non nas subvencións que pode recibir o alumnado en particular.
      Reitero que non podemos profundizar máis no mundo laboral porque escápase do tema a tratar dentro do ODS 4 da educación. Ademais anímote a consultar o noso vídeo de Youtube (déixote o enlace ao final do comentario), onde Patricia Vilas xusto fala de que hai que ser consciente das capacidades e “buscar o camiño do que ti podes facer”. Ademais, aínda que non o incluamos nas publicacións, sí que falamos do tema das cotas coa nosa axenda; de feito, Susana Rodríguez fixo fincapé na importancia de que estas cotas se dirixan a quen realmente necesita adaptacións e non para calquera persoa con diagnósticos dunha porcentaxe de discapacidade determinada.
      España está á cabeza da UE en oferta universitaria para o alumnado con discapacidade segundo a ONCE porque máis de 25 universidades impartiron cerca de 300 títulos dirixidos a este colectivo.

      Un saúdo.

      Gústame

      1. Grazas pola resposta.
        No que se refire á reserva, o apunte é porque da a impresión de que a hai nos ciclos e non na universidade, que tamén. De feito haina incluso nas oposicións e en algúns outros procesos de ingreso a lugares diversos.
        O das axudas non era un comentario sobre o artigo, só unha aportación para respaldar que algunhas entidades mellor sería que calasen a boca antes de dicir algunhas cousas que din, certamente atrevidas, se me preguntas pola miña opinión.
        Sobre as declaracións, reitero, habería que ver que universidades, que títulos, por que se impartiron especificamente a este colectivo… por que é destacable que haxa títulos específicos para o colectivo? É necesariamente bo?
        Sobre as cotas, basicamente o que quería resaltar era iso mesmo que dixo Susana.

        Un saúdo.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.