Manifestantes reunidos na protesta polo desastre do Prestige

NUNCA MÁIS, a plataforma que deu voz a un pobo tinguido de negro

S2A

Nunca Máis é unha plataforma cidadá ademais dun movemento popular galego constituído para reclamar responsabilidades medioambientais, xudiciais e políticas polo desastre do petroleiro Prestige ocorrido o 13 de novembro do 2002. Esta asociación foi creada o 23 de novembro dese mesmo ano, co símbolo característico da bandeira galega cun fondo negro en lugar do branco habitual no que aparece o lema Nunca Máis. Para afondar máis nas actividades e no significado da plataforma contamos coa colaboración de Bieito Lobeira, un dos portavoces da plataforma que actualmente obra como representante para asuntos pesqueiros e marítimos e como presidente da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento dentro do partido político BNG.

Bieito explícanos o proceso que levou ao nacemento da plataforma Nunca Máis: “a catástrofe do Prestige comeza o 13 de novembro do 2002, ás 14:15 prodúcese a chamada de socorro do capitán do Prestige e uns días despois, o 16 de novembro, a marea negra impacta en Camelle, no concello de Camariñas. Nese intre o caos era descomunal e a actitude gobernamental era terrorífica, polo que desde a sede do BNG convocamos unha reunión o 23 de novembro. Chamamos a todas as organizacións políticas, sociais, sindicais, etc, para conformar a plataforma Nunca Máis”. 

Ese mesmo día, segundo nos conta Bieito, a plataforma Nunca Máis acababa de nacer tomando dous acordos: convocar unha manifestación nacional en Compostela e facer unha táboa reivindicativa para afrontar unha situación como a que se estaba a vivir para evitar que se repetisen nun futuro actos semellantes. Ademais, conta que máis de 400 entidades deportivas, culturais, políticas e sindicais acabaron formando parte da plataforma, pero que algúns partidos políticos como o PSOE rexeitaron entrar en Nunca Máis.

Por último, destaca que o inicio da plataforma responde a unha “convocatoria urxente” e que foi unha grata sorpresa nese momento a enorme capacidade de resposta da sociedade galega ante o desastre, xa que foi “o proceso de maior mobilización social que tivo Galiza durante toda a súa historia” explicaba Lobeira.

En relación coa manifestación do 1 de decembro en Santiago de Compostela , Bieito lembra ter moito medo, xa que non sabían como ía saír. Ademais, as condicións meteorolóxicas non eran as mellores. “Caeron chuzos de punta”.

Manifestación multitudinaria en Santiago de Compostela o 1 de Decembro de 2002
Manifestación multitudinaria en Santiago de Compostela o 1 de Decembro de 2002,
Xoán A. Soler ( La Voz de Galicia)

Aínda que non teñen datos exactos dos asistentes á manifestación, afirma que: “no Obradoiro houbo que repetir o acto final en tres ocasións. Ese acto final eran unha serie de participacións e unha canción de Uxía Senlle. Outro dato é a AP-9, posto que os accesos a Santiago tanto polo norte como polo sur estaban colapsados”. Para demostrar a inxente cantidade de persoas que asistiron remítenos ó seu recordo do momento: “mentres estabamos rematando o terceiro acto no Obradoiro aínda había xente que non saíra da Alameda”. A composición social da manifestación era “variada e diversa, había xente de todos lados” e persoas que se viron afectadas directamente pola catástrofe mencionando frases que para Bieito quedaron marcadas: “xa está ben, non nos merecemos este trato”. “Non só era o Prestige, anteriormente sucedera o desastre do Mar Exeo e Galicia é o segundo punto do planeta en mareas negras, só por detrás da República Sudafricana, algo inaceptable”, conclúe.

Un factor que axudou a que esta manifestación conseguise ser un éxito rotundo, foi o rexeitamento do goberno español e da propia Xunta da actuación da plataforma e a pouca transparencia de datos do desastre. “En parte agradecémoslle ao goberno español e á Xunta a campaña previa que fixeron para botar abaixo esta manifestación. Tiñamos que enterarnos da evolución das manchas do mar a través do Instituto Hidrográfico Portugués. A frase esa de ‘menos mal que nos queda Portugal’, tiña toda a súa realidade. Mentiron moitísimo. Polo propio sector pesqueiro era a forma de enterarnos de como avanzaba a situación. Mentían dunha forma bochornosa, isto foi acumulando unha sensación social que provocou unha contestación popular extraordinaria e histórica en Galiza”.

Ademáis, recorda a actitude do goberno español dende o primeiro momento e como viviu el a situación en Muxía: “xa o primeiro día, o día despois da chamada de socorro do Prestige, eu fun a Muxía e mirabas fisicamente o Prestige desde a costa. Estaba cheo de xente. Na confraría de Muxía estaban agobiados, non sabían que ía ser da súa comida, do seu traballo. A versión oficial, a que estabamos escoitando en directo, por parte do Delegado do Goberno español en Galiza, Arsenio Fernández Mesa, era: o Prestige está controlado, está a 40 millas; cando estaba a penas a tres e o estabas vendo”.

A xestión política do desastre foi moi polémica. Bieito lembra que “o Ministro de Defensa do Goberno de Aznar propoñía como alternativa bombardear o Prestige para que afundira xa. Non puxeron en marcha ningún comité de expertos, nin respectaron o establecido no plan de continxencias que existe precisamente para xestionar emerxencias deste tipo, non fixeron nada do que tiñan que facer. Había roldas de prensa disparatadas que o que provocaban era, socialmente, maior incerteza, medo, inquietude e moita hostilidade”. Ademais, cabe engadir que na enquisa realizada polo noso grupo a 471 persoas, o 47,3% valora a xestión política deste tipo de desastres no noso país coa peor nota de todas:

Gráfica da pregunta: Do 1 ao 5, sendo o 1 a peor valoración e o 5 a mellor, que opinas da xestión política deste tipo de desastres no noso país? Descende dende o 1, donde existe a maior acumulación de respostas.

En canto á relación dos gobernos coa plataforma Nunca Máis, Bieito explícanos como nun primeiro momento os medios de comunicación intentaron ocultar a súa existencia: “La Voz de Galicia tiña un especial sobre o Prestige, había entrevistas a mariscadoras, xente da rúa, patróns maiores, políticos…pero curiosamente Nunca Máis, que era a contestación social ao que estaba acontecendo, non existía”. As conclusións foron que era algo completamente intencionado para intentar diminuír a resposta social, xa que dende o momento que trasladas algo ao foco mediático, provocas que aumente. 

O afundimento do Prestige
O afundimento do Prestige, Xurxo Lobato (RTVE)

A pesar desa tentativa de silenciar, dalgún xeito, á plataforma, a capacidade de convocatoria e de mobilización dos integrantes de Nunca Máis evidencia a súa presencia e importancia. “Unha vez que se evidencia que Nunca Máis era unha plataforma de tipo reivindicativo, tanto do punto de vista material, como ambiental, como político (no sentido de pedir responsabilidades políticas), é cando muda tamén o papel gobernamental”, cóntanos Bieito. “Aznar fai un Consello de Ministros na Coruña do que sae o chamado Plan Galiza. Nós fomos como Nunca Máis a rebentarlle o Consello . Foron milleiros de persoas a dicirlle que iso era fume e que o problema do Prestige non se resolvería cun parador de turismo en Muxía, que finalmente se inaugurou 20 anos despois.”

“Ladran su rencor por las esquinas”, declaraba Aznar. Lobeira expónnos que realmente o máis abafador foi ver como todo un pobo se unía para loitar contra a xestión do Goberno do desastre, que afectaba non só a nivel profesional e económico, senón tamén a nivel emocional: “nós demostramos colectivamente, como galegos e galegas, que somos un pobo vivo. Creo que a través de Nunca Máis fomos quen de contribuír a botar abaixo un tópico falso, que nos persegue historicamente, segundo o cal os galegos e galegas somos un pobo de cobardes e un pobo que naceu para ser humillado. E todo iso botámolo abaixo.” Nunca Máis deu unidade aos galegos. Foi un exercicio de dignidade colectiva dun pobo farto de estar asoballado. E nin sequera o Goberno puido silencialo”. 

Uxía Osorio (entrevista) e Sara Méndez (entrevista e redacción), Diego Otero (entrevista e redacción), Paloma Luciarte e Sara Marón (documentación) e Laura Paz (edición)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.