S1D
Unha das principais metas do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número cinco, Igualdade de xénero, é acadar as mesmas oportunidades para as mulleres e os homes, e para lograr dita meta as mulleres galegas contan con máis de 80 puntos de atención e información distribuidos por toda a comunidade, os coñecidos como Centros de Información á Muller (CIM). Unha institución que depende da Xunta de Galicia e a que calquera muller pode acudir en busca de asesoramento xurídico, social e mesmo psicolóxico.
Mapa de programas e actividades máis salientables dos principais CIM de Galicia / Elaboración propia
O funcionamento actual dos CIM da comunidade galega está sustentado pola Secretaría Xeral de Igualdade, quen aporta unha subvención anual que chega ata os 45 mil euros nos concellos con maior número de poboación e polo tanto, co maior número de usuarias; como pode ser a Casa da Muller de Lugo ou o CIM de Ferrol. A través das conversas telefónicas mantidas cos principais CIM galegos puidemos saber de primeira man que o número de mulleres atendidas por primeira vez cada ano varía en función do centro, mais todos coinciden en que “o número de consultas é moi superior ao número de usuarias”; como é o exemplo do CIM de Viveiro, o cal axudou a 250 mulleres no último ano e atendeu máis de 800 consultas.
“Obtiven asesoramento xurídico para comprender moito do “papeleo” que se xera no momento que se leva a cabo unha denuncia de maltrato (…) Tamén recibín apoio psicolóxico para sobrelevar a situación, tanto eu como os meus fillos/as menores, e repoñernos para saír adiante reforzados.”
Vítima de violencia de xénero atendida polo CIM de Viveiro
Quixemos comprobar a facilidade que teñen as mulleres para acceder a estes servizos coa nosa propia experiencia, por iso decidimos experimentar o proceso de contacto cos centros nós mesmos. Cada vez que ao outro lado do teléfono nos respondían cun “servizos sociais do concello de…” foronnos xurdindo diferentes percepcións. As recepcionistas que escoitaban a nosa petición, todas elas mulleres, delegaban a chamada na responsable ou encargada de comunicación do centro. Unha vez entablamos a conversa coa persoa correspondente percibimos, na maior parte dos casos, un sentimento de agobio e saturación que impedían que nos dedicasen o tempo que correspondía e que nos obligou a enviar o cuestionario por correo electrónico. A este, só nos responderon tres dos doce cos que nos puxemos en contacto. Terán as mulleres que precisen os seus servizos tanta dificultade para acceder aos mesmos?
Durante este proceso puidemos comprobar que marzo e abril supoñen os meses clave para os CIM, é o momento de xustificar o gasto da subvención do ano anterior e pedir a do seguinte. Algo que posteriormente corroboramos cando falamos coa responsable da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (APAIOGA), quen ademais nos dixo “o que nos chega é información de que cada CIM funciona de forma moi diferente, aínda que teñan unhas obrigas comúns”.
As respostas que nos ofreceron os CIM, permitíronnos coñecer máis a fondo a función e as actividades destes centros. Todos eles coinciden en puntos claves como a xestión de recursos económicos e a atención prioritaria ás vítimas de violencia de xénero. A Casa da Muller de Lugo díxonos que ademais ofrecía un servizo municipal de Pisos de Acollida para “dar resposta a aquelas mulleres con circunstancias excepcionais que precisen dunha alternativa habitacional temporal”. Todos eles teñen como obxectivo principal “axudar á muller, pero tamén concienciar ás xeracións máis novas”, isto fano a través de obradoiros e programas socioeducativos. Pero, son estas axudas efectivas? Segundo as declaracións que obtivemos, a visión das mulleres amparadas polos CIM difire daquelas que optaron por recurrir a algunha asociación. Na nosa investigación conseguimos o testemuño de dúas mulleres vítimas de violencia de xénero, unha delas foi atendida polo CIM de Viveiro e asegura que “acudir ao CIM foi a forma de reorganizar a miña vida e conseguir o traballo no Concello que actualmente teño”; mentres que outra tivo que recurrir á asociación contra o maltrato machista ESMAR, MALTRATO CERO, xa que “as institucións van moi lentas e neste caso non teño tempo que perder para poder vivir…solo vivir tranquila”.
As asociacións como ESMAR, MALTRATO CERO, ofrecen axudas moi diversas, entre elas, o acompañamento a xulgados (apoiadas por abogadas), intercambio de menores, ou talleres con psicólogas. Mesmo algunhas das vítimas nos contaron que “ímonos a andainas nas que compartimos os nosos medos e inquedanzas con outras mulleres maltratadas”. Outra asociación coa que contactamos foi APAIOGA e esta comentounos que “o ano pasado sumámonos antes das eleccións autonómicas a unha plataforma de asociacións feministas e fixemos un escrito de demandas a todos os partidos que se presentaban, un dos puntos que se traballaba era o reforozo da rede dos CIM”, a lentitude dos mesmos é algo que sinalan algunhas vítimas coas que tivemos a oportunidade de poñernos en contacto.
“Os xulgados tardan moito, os CIM tardan moito, a guardia civil diche que teñas ti coidado…que non saias sola, que cambies de traballo, coche, casa, rutinas, etc para protexer a tua propia vida e a dos fillos…!”
Vítima de violencia de xénero atendida pola asociación ESMAR, MALTRATO CERO
Por último quixemos descubrir a opinión tanto dos CIM como das asociacións que velan pola igualdade de xénero con respecto aos orzamentos adicados polas institucións a fomentar o ODS número cinco. Dous dos centros consultados optaron por esquivar a pregunta, mentres que un deles nos recoñeceu que “o presuposto sempre nos gustaría que fose maior pero o que se debe procurar é optimizar os recursos”. Pola súa parte, a asociación APAIOGA comentounos que o problema estaba na forma de empregar o diñeiro, senón que “o importante non é a cantidade senón a calidade”. Todo isto fainos reflexionar sobre a importancia de que as mulleres que precisan axuda accedan a esta de forma rápida e sinxela. Tamén sobre a importancia da protección que poden ofrecer asociacións e institucións, moi necesaria para frear a violencia e a desigualdade que, por desgraza, seguen presentes na nosa sociedade.

Un comentario en “Que fai a túa provincia polas mulleres?”