S2C
A pandemia do coronavirus tivo un impacto notable no ámbito laboral global. Un virus sen precedentes provocou unha emerxencia sanitaria mundial modificando as rutinas establecidas para dar lugar a un mundo máis virtual e online. Por mor do virus e do estado de emerxencia, as empresas tiveron que poñer en funcionamento ferramentas para poder traballar dende a casa, dando paso ao teletraballo como unha única solución na maioría dos casos.
Foron moitas as persoas que tiveron e teñen que utilizar esta modalidade de traballo. Falamos con varios teletraballadores para coñecer de primeira man as vantaxes e desvantaxes que viviron no seu oficio neste último ano.
Begoña Buján, administrativa e encargada de loxística dunha empresa de transportes
Begoña Buján leva traballando dende fai 10 anos, no momento no que naceu o seu fillo. Esta decisión foi tomada tanto por ela como polo seu marido xa que a conciliación familiar era moi complexa, e “como case sempre pasa, a nai cambia o seu traballo”. Esta situación permitiulle pasar máis tempo co seu fillo ao non ter uns horarios fixos. Actualmente a súa situación co teletraballo segue sendo moi favorable. Segue compartindo momentos co seu fillo coma antes, mais afirma que este tipo de traballo non é para todo o mundo xa que non todos teñen unha rutina coma ela: “saír, relacionarme coa xente e facer recados na rúa”.
No caso de Begoña son máis as vantaxes do teletraballo que os inconvenientes, xa que ela xa está acostumada a el, en oposición aos que tiveron que adaptarse fai pouco máis dun ano. Como destacaba anteriormente Begoña, o feito de non ter horarios é a maior vantaxe, xa que lle permite organizarse para poder estar ca súa familia. Destaca tamén o feito de non ter unha oficina, o que permite cambiar de sitio de traballo, non ter un espazo determinado e fixo.
En canto aos inconvenientes, salienta a falta de relacións laborais cos compañeiros. Aínda que segue a manter contacto con eles e saen xuntos ás veces, non é o mesmo que si estiveran traballando día a día na oficina. Outro aspecto negativo do teletraballo é a función de ama de casa, que se acentuou no momento no que Begoña comeza a traballar dende o fogar; xa que pasou de compartir as tarefas co seu marido a encargarse ela sola da vivenda e dos nenos, ademais do seu traballo. A pesar disto, non se ve capaz de volver ao traballo presencial xa que non conseguiría compaxinalo coa maternidade, ademais de que se sinte máis segura quedando na casa. Mais non descarta volver á presencialidade cando os seus fillos sexan máis maiores.
Begoña ofrécelles unha serie de consellos ás persoas que lles custa acostumarse ao teletraballo: “Que saquen o pixama e se cambien”, “que busquen un lugar con luz”, “que non traballen na cama nin no sofá”, “que se poñan uns horarios e intenten seguilos”, “que saian un pouco a tomar o aire” e, sobre todo: “Que desconecten do ordenador e das chamadas”.
Alicia Fernández, traballadora dunha ONG
Alicia Fernández, traballadora dunha ONG, antes da pandemia teletraballaba esporadicamente e a partir do comezo da pandemia instalouse como teletraballadora de forma oficial. A raíz disto, viuse que o tele traballo, no seu caso, funciona. Dependendo dos casos os traballadores pódense acoller a modalidade do teletraballo ou seguir fórmulas combinadas (quendas). Unha maioría de traballadores/as non queren que sexa sempre teletraballo debido á dinámica do seu traballo. “Eu escollería a forma mixta”, afirma Alicia.
Engade que a súa experiencia co teletraballo no confinamento foi positiva e aínda que as condicións eran bastante duras, cre que era estritamente necesario a causa das restricións. Psicoloxicamente foi tedioso continuar no mesmo lugar á hora que remataba o seu horario laboral. Ademais, di que é complexo conciliar o traballo ca familia.
Nunha situación normal prefire unha fórmula mixta. Sobre as vantaxes do teletraballo destaca a autonomía, a dispoñibilidade, a posibilidade de non perder tempo en desprazamentos, máis tempo para a conciliación familiar… Nas desvantaxes salienta a dificultade de separar a vida persoal da laboral, maiores distraccións na casa, maior dificultade para manter unha férrea disciplina e organización… Engade tamén os problemas de comunicación no traballo ó non ser presencial, como a perda de contacto cos compañeiros/as.
Milagros Mosquera, 25 anos, xestora de empresas e especialista en PEMES nun banco
Milagros teletraballou aproximadamente sete meses dende o comezo do Estado de Alarma. Ao volver á oficina en outubro de 2020 creouse un plan para os traballadores de horario partindo coa idea de que algúns foran pola mañá e despois de comer teletraballaran. A día de hoxe esta metodoloxía híbrida segue a funcionar na súa empresa: modalidade presencial de 09:00h a 14:30h e teletraballo durante a tarde. En principio este plan manterase ata que se acabe o Estado de Alarma. O banco será quen decida as estratexias de reinvención de horarios.
Agradece poder acudir media xornada presencialmente xa que é unha persoa nova e afirma que lle “gusta moito o ambiente de traballo e a interacción” cos seus compañeiros, xa que é moi necesaria para continuar coa súa aprendizaxe e o fortalecemento do equipo dentro da empresa.
Milagros ve interesante o modelo actual de traballo de combinar o teletraballo e a presencialidade. A nivel práctico, o teletraballo é máis cómodo en temas de horarios e tempos, pero asegura que “non o practicaría todo continuamente”, debido á perda no que a compañeirismo se refire. “Combinar as dúas formas de traballo apórtalle certo dinamismo e diminúe a monotonía. É por iso que creo que ambos modelos teñen as súas vantaxes e desvantaxes.”
Aarón Gónzalez Fernández, Alba López Buján e Camila Mosquera Filak (fontes), Marta García Pérez e Andrea López Ramos (edición, busca de información adicional e fotos), Marta Penedo Custodio (revisión ortográfica e formal, edición).