S1A

A crianza na natureza, o contacto cercano na comunidade educativa, a rede social e familiar que hai no rural ou o maior contacto entre a veciñanza son algunhas das vantaxes que se poideron ler na enquisa realizada polo Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC) sobre a educación no rural.
“A min seríame máis doado dirixirme a un colexio urbano de paso que vou ao traballo, pero prefiro o colexio rural polo trato que teñen os docentes cos alumnos.”, explica Maribel García, nai que leva aos seus fillos ao Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de As Nogais. Ela forma parte dunha das tantas familias que apostan pola educación no rural, defendendo a atención case personalizada como a arma principal destes colexios. Coma ela, tamén 109 persoas (64%) na enquisa consideran que a educación rural ofrece unha atención máis individualizada.

Así o explica Beatriz Paredes, directora do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Teo, un centro de educación que agrupa varias escolas unitarias dese concello. A directora conta que existen pais que prefiren escoller os centros rurais por ofrecer un contacto máis próximo, a pesares das dificultades engadidas que esta decisión poida supoñer. “Nós non temos comedor, nin transporte. As familias teñen que ter a dispoñibilidade horaria para traelos aquí e para vilos buscar. Pero é precisamente por isto polo que se xera un contacto diario co mestre; é máis familiar”, afirma Beatriz.
Tamén nolo explica Rubén Ceide, profesor encargado do CEIP As Nogais, que afirma que un colexio rural e un colexio dunha cidade son mundos totalmente distintos. “O colexio de cidade é moito menos persoal. É impensable que con 500 alumnos, o responsable dun centro teña o teléfono e manteña contacto diario cos pais de todos os alumnos, tal e como facemos nós aquí”, afirma o profesor, que ademais de ser docente, tamén cubre a figura de director baixo a denominación “profesor encargado”. Isto ocorre porque o centro educativo conta con menos de tres aulas.
A convivencia interxeracional e crianza na natureza
A convivencia interxeracional é destacada por unha gran parte de persoas como unha desvantaxe da educación rural. Moita xente defende que os alumnos dunha aula deben de ser todos da mesma idade para obter unha educación homoxénea e lineal. Non obstante, para os alumnos, máis que unha experiencia educativa negativa, supón un feito que enriquece a súa educación.
O feito de que convivan na aula alumnos de diferentes idades favorece a diversidade na educación. De feito, os estudantes non se limitan aos coñecementos que lles corresponden por idade, senón que poden ampliar a súa experiencia educativa a novos e diversos contidos que se atopan restrinxidos ao programa dunha idade determinada. Ademais, a convivencia interxeracional favorece un mellor desenvolvemento das capacidades sociais dos nenos, que non se atopan limitados a relacionarse tan só coa xente da súa idade.
En relación a isto, a psicóloga Laura Pardeiro, especialista en educación, afirma que “é necesario que a infancia tome contacto con todas as persoas que habitan o medio para que ao final comprendan que é un lugar diverso, e cada vez máis libre”.
A integración experimental da natureza na educación é outra das características asociadas á educación rural. En contraposición coas escolas urbanas, limitadas a temarios e a exames, as escolas rurais ofrecen unha educación na que se inclúen actividades que favorecen o respecto polo medio ambiente e o coñecemento da natureza e do medio. Isto, está considerado por case un 20% dos enquisados polo OCC como unha vantaxe das escolas rurais.
Como ben defende Lladós (2018), e tal como podemos ver no estudo Educación en la Naturaleza, un Privilegio para Todos, a vida actual sufriu numerosos cambios no último século. Fai cen anos a maioría da xente vivía nas zonas rurais; hoxe en día, debido a industrialización e ao progreso tecnolóxico, perdeuse a relación que se establecía entre o ser humano e a natureza, básica para o noso desenvolvemento. Deste xeito, xorde a necesidade de volver a crear ese vínculo coa natureza e o mellor xeito é a través da educación.
Rubén Ceide, sitúa a convivencia coa natureza como unha das vantaxes de que os cativos e as cativas estuden no rural. Isto, débese segundo el a que cada centro educativo ten que adapatar o currículum a súa contorna, e aos recursos que existen arredor de cada un. “En ciencias naturais por exemplo, no tema das prantas. Nunha escola urbana os nenos teñen que ver o temario en imaxe, ou nunha diapositiva ou nun vídeo. Aquí é tan sinxelo como coller os nenos, sacalos a fóra e ensinarllo”, afirma o profesor encargado do CEIP As Nogais.
Erea Peña, unha nena de catro anos, alumna do CRA de Teo, mostrou a súa emoción pola horta que están a facer no colexio e declarou que durante a Semana Santa repartíronse as tarefas entre os compañeiros para ir a coidala. Un claro exemplo de como as escolas rurais favorecen o contacto coa natureza e o coñecemento das labores agrícolas.