S2A
A pesca é un sector económico con gran peso en Galicia. Segundo un artigo do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da USC, en 2011 o sector pesqueiro galego acadou uns benefizos de 3.705,4 millóns de euros. Nese mesmo ano, o sector empregaba a 31.365 persoas. Dez anos máis tarde, aínda que a industria segue sendo un pilar fundamental para a economía galega, a situación mudou significativamente: maiores restricións para os mariñeiros, diminución das especies e dos ecosistemas, aumento de pescadores furtivos, etc.
Para analizar a situación da pesca actual decidimos centrarnos nas Rías Baixas, polo que contactamos coa Confraría de San Francisco en Vigo e coa Confraría de Arcade, ademais de falar cun pescador furtivo.
O furtivismo constitúe un dos principais problemas para o sector da pesca e, máis concretamente, para as confrarías, “é un problema que pode condicionar a rendibilidade e a sostibilidade da explotación regulada” recoñecía o Patrón Maior da Confraría San Francisco. A isto sumáselle o seu impacto na contaminación, no cambio climático, na destrución do litoral, etc.

Ricardo Grobas / La Opinión de A Coruña.
A actividade furtiva non só formula un problema de diminución dos recursos, senón que afecta á calidade xeral do litoral. Así o recalcou Rita Míguez, expatroa da Confraría de Arcade e Presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA): “antes os furtivos recollían un ou dous quilos para autoconsumo pero agora fórmanse grupos que agarran quince ou vinte quilos. Isto supón un problema para o noso traballo a longo prazo, xa que pescan crías e non permiten que as especies se rexeneren”. O mesmo comentaba indignado o Patrón maior da confraría de San Francisco, “Para que vou sementar se o van levar os furtivos? Ou para que levar só o que me corresponde?”
En contraposición con este argumento atópase a opinión de Pedro -nome ficticio-, un pescador furtivo que rebate os argumentos da confraría cun caso práctico. “Supoñamos que nos atopamos na ría de Vigo, concretamente na praia de Arealonga en Chapela -Redondela-. A esta praia, unhas cantas veces ao ano, vai a confraría de Redondela a recoller ameixas, debemos ter en conta que en Arealonga nunca sementaron e nunca botaron cría, é todo natural.” Pedro recalca que como a confraría non investiu diñeiro en sementar, non teñen dereito de ser os únicos en recoller a ameixa, xa que debería ser de todos os veciños. “Se eu vou a unha praia onde botan cría eu estaría roubándollela; o que non poden facer é querer chegar alí e coller todo. Se hai xente collendo, reclamarlles ou chamar á policía. Aí non gastaron eles nada en botar a cría, é unha ameixa que naceu alí de forma natural e é de todos. Collen a cría de Chapela e lévana e iso non está ben” retrucaba este furtivo.

Adrián Santasmarinas /La Voz de Galicia
Para combater o problema do furtivismo lévanse a cabo gardas por parte das confrarías. así e todo, ambas confrarías entrevistadas coincidían en que non son suficientes para controlalos. “En Galicia, debido ao tamaño das costas, necesitariamos unha cantidade de vixiantes dos que non dispoñemos na nosa confraría. Por exemplo, temos tres vixiantes, un traballa de día mentres que dous fano nas vixilancias nocturnas, pero non son suficientes. Ademais, tamén formamos grupos de mariscadoras para que axuden, que adoitan ser catro por quenda”, contaba con impotencia Rita Míguez rememorando un dos maiores sustos que sufriron varias compañeiras durante estas gardas. “O suceso aconteceu no Conchido, a zona máis rica en especies na nosa área. A vixilancia é complicada xa que é nun bosque no que apenas se ve nada. Un día ás 22:00 horas catro ou cinco compañeiras estaban a vixiar e alguén lles botou un petardo aos pés. Foi un susto brutal para elas, a unha deulle unha subida de tensión e outra comezou a devolver. Chamáronnos inmediatamente, pero eses sustos son como unha advertencia dos furtivos para que non vaiamos vixiar”, relataba. Continuou a presidenta de Anmupesca explicando que o marisqueo necesita unha renovación nas gardas. “E moi importante é comezar a empregar as novas tecnoloxías. O marisqueo é un traballo bastante arcaico que non se innovou desde hai moitísimos anos e por exemplo se adquirimos un equipo de drons facilitaría moito a vixilancia”, declaraba a expatroa.
A forma de proceder cando se detecta un caso de furtivismo é chamar ás autoridades, neste caso aos gardacostas. “O servizo de gardacostas funciona moi ben” declara a expatroa da Confradía de Arcade. Non obstante, a pesar de que ambas confrarías defenden a efectividade da vía legal, Pedro conta como viviu dous episodios lonxe da lei. “Unha mañá que fora recoller vieiras e navallas co meu curmán á Guía tivemos un encontrón coa policía. E outro día, cunha confraría, coa que nos liamos a pedradas”. Porén, Pedro comenta aliviado como eses episodios non foron a mais “De noite non te podes mergullar, teñas licenza ou non, unha noite de ir á nécora víronme un par de veces pero librei, nunca me multaron, de momento”.

iñaki Abella/ La Opinión de A Coruña
Un dos principais reclamos para converterse en furtivo son os grandes beneficios que podes obter. Rita Míguez pon o exemplo real dunha incautación policial na Illa de Arousa e Ría de Pontevedra. “O máis besta foron aproximadamente 200 quilos a unha media de 15€ o quilo”, afirma a expatroa de Arcade. De feito, en moitas ocasións, persoas que traballaban en confrarías deixaron de facelo para adicarse ao furtivismo. “É algo que nos doe moitísimo a todo o sector porque son persoas que sabían que era un traballo co que é complicado vivir, se se trata da principal fonte de ingresos. Tamén sucede que traballadores, sobre todo das embarcacións, teñen collido maior cantidade da establecida dentro da xornada laboral e escóndena para logo vendela ou quedar con ela. O ser humano é depredador e se non hai cotas diarias ou cotas acabariamos con todo, o mar é moi vicioso e canto máis colles, máis ansias tes de exceder esas cotas” conta Míguez.
No caso do pescador furtivo entrevistado, define a súa actividade como un pasatempo: “Vou todas as fins de semana. Legalmente, só podes ir mergullarte en fins de semana ou festivos, agás no verán, que podes ir todos os días.” En canto aos beneficios asevera que algúns aínda obtén. “Principalmente é para autoconsumo. Eu sempre encho o conxelador da miña casa, despois o da miña moza e logo se me sobra algo si que o vendo. Os principais compradores poden ser dende algún restaurante, que acostuman a comprar marisco (navalla, ameixa ou nécora), ata calquera particular, o boca a boca. Adoitan chamarme tamén algúns veciños”.
/cloudfront-eu-central-1.images.arcpublishing.com/prisa/UU3UDVQBTRDRHJTFVYESUPN5NQ.jpg)
Miguel Riopa / AFP / GETTY IMAGES.
“O que ignoran estes compradores son os posibles problemas de saúde pública que pode xerar o consumo de especies non controladas nin depuradas, en particular dos bivalvos filtradores, como son as ameixas ou os mexillóns entre outros -sinala o Patrón de San Francisco-. A pesca procedente do furtivismo adoita ser algo máis barata para o consumidor, pese a isto, pode saír cara se se considera a falta de garantías na procedencia, calidade ou salubridade; ou a falta de impostos e taxas que soporta a pesca legal (IVE, cotización social, funcionamento dos portos pesqueiros e do sistema de control; etc.)”.
O prezo de venta dos produtos procedentes do furtivismo prexudica enormemente ás confrarías, así o expón Rita Míguez: “a diferenza adoita oscilar case nunha redución do 50% dos prezos que poñemos nós. Se temos a ameixa grande a quince euros o quilo, eles adoitan vendela por oito euros aproximadamente, aínda que isto sempre depende da súa necesidade de vender. Ás veces é moi complicado competir con eles polo seu baixísimo prezo, é unha loita que leva e levará moitos anos, pero temos que continuar aí”, expresaba a expatroa arcadesa.
O furtivismo é unha situación moi difícil de erradicar, as súas vantaxes cada vez atraen a máis xente nova e con dificultades económicas, prexudicando así a estas organizacións de pescadores legais, que son as súas vítimas directas.
Paloma Luciarte (entrevistas e redacción), Diego Otero (entrevistas), Laura Paz (redacción), Sara Marón (documentación), Sara Méndez e Uxía Osorio (edición).
Un comentario en “O furtivismo, problema endémico da pesca en Galicia”