“Notamos bastante implicación por parte dos profesores para facer moito máis fácil a nosa adaptación”, comentábannos na anterior publicación Victoria e Valeria, dúas rapazas que chegaron a terras galegas dende Venezuela.
Ás veces, créanse entornos acolledores que axudan aos novos alumnos e alumnas a sentirse como na casa. Noutros casos é un camiño máis complicado. Un exemplo é o caso que traemos hoxe: Larissa e Hanny , dúas rapazas brasileiras de 18 anos que estudaron en Galicia fai un par de anos.
Unha mala experiencia
“O cambio foi moi difícil”
Hanny
Ao ser unhas excelentes xogadoras de balonmán, foron becadas e entraron nun colexio privado de Mondariz. Vivir soas, o clima, os horarios… ata o idioma, que non dominaban completamente. Todo era novo.
Curiosamente, o que máis destacan é o tema dos horarios. España é un país de cultura mediterránea e horarios tardíos. Iso chocoulles moito, xa que estaban acostumadas a empezar as clases ás sete da mañá e nunca estaban adestrando máis aló das oito da tarde. Entón, tiveron que adaptarse a todo o contrario: empezaban a súa xornada escolar ás oito da mañá e acababan de adestrar ás dez da noite.
En relación ao centro educativo: como todo comezo, foi complicado. Tal e como nos contan elas, nese tempo non acabaron de sentirse incluídas, tiveron a sensación de que se lles estaba dando as costas. Estaban elas soas, unha para a outra, e enfrontándose a situacións que estaban fora das súas mans, situacións que elas mesmas non podían controlar.
A implicación por enriba dos protocolos
Segundo Hanny e Larissa, os protocolos, formalidades e procedementos administrativos non son a principal cuestión. Para que se produza unha inclusión real dun alumno migrante ten que haber unha preocupación real por parte dos docentes e a comunidade psicopedagóxica do centro.
Deberíase entender que se traballa con persoas únicas, cada unha co seu contexto, personalidade, habilidades e dificultades concretas. Sen embargo, adóitase ter a percepción de estar traballando con conxuntos de migrantes que se agrupan por diferentes etnias ás que se lle adxudican determinadas características. A través destas suposicións créase un protocolo de actuación que, en moitos casos, non se cumpre ou se cumpre so unha parte.
En moitas ocasións, os novos alumnos non reciben a atención, axuda ou empatía que necesitan por parte do centro nin dos propios compañeiros. E esa é a peor situación que podería darse, sen dúbida.
Fallos dun proxecto inclusivo
Agora, mirando con retrospectiva, senten que perderon “un ano educativo en España”. No seu caso, si que tiveron a exención de galego, pero os procedementos relacionados nunca os tiveron claros. Ademais, tamén puntualizaron que non rexeitarían un maior reforzo á hora de mellorar aspectos como pode ser o propio idioma. Por outro lado, o plan educativo e as materias eran parecidas en ambos países.
“Nós íamos acabar a ensinanza secundaria e as actividades de inclusión están destinadas a rapaces máis pequenos”
Hanny e Larissa
Baixáronse do avión que as trouxo a Galicia en outubro, un mes despois de iniciar o curso e xusto unhas semanas antes de empezar os exames. Ambas tiveron que presentarse a todos os exames, incluso ó de galego (porque aínda non tiñan formalizada a exención da materia) ou francés (idioma que non se ensina no sistema educativo brasileiro). Ditos exames tivéronnos que recuperar porque llos tiveron en conta para a nota final.
Correspondíalles cursar 1º de bacharelato, pero foron inscritas en 4º da ESO. Á súa volta a Brasil e para evitar ir dous anos atrasadas, tiveron que facer 1º de bacharelato nun tempo récord, apenas catro meses.
“Faiche mal”
Larissa
Así é como describen esta sensación en bucle de pertencer a unha comunidade na que non acababan de sentirse incluídas. A experiencia foi un dos factores que tiveron en conta á hora de volver ao seu país, Brasil, pese a que o sistema de acceso á universidade é moito máis duro no país sudamericano que en España.
Consideran que España é pouco inclusiva e, se a situación fose á inversa, están por seguras que si se faría a inclusión dun rapaz migrante español en Brasil, tanto por parte do centro como dos alumnos. A cultura española adoita a convidar as veces á xeneralización e denigración dos colectivos de etnias diferentes. Moitos alumnos poden chegar a actuar como altofalantes dos seus pais á hora de incluír un rapaz migrante, perpetuando así actitudes denigrantes.
En relación as casos de bullying están intimamente ligados aos factores socioeconómicos e ao que os rapaces escoitan na casa. O problema dos migrantes é a suposta ideoloxía do diñeiro fácil á que se lles asocia. A educación vén da casa e nos centros educativos hai un montón de proxectos. O problema é que estes conlevan un exceso de traballo, unha cooperación entre os distintos profesores e aulas, unha sensibilización e preocupación real, un eido administrativo que acaba en simple papeleo… Carecen de contido real e en ocasións, só serven para recibir a compensación económica que proporciona a Xunta por promocionalos.
A formación do profesorado
“A Xunta obriga aos docentes a acudir aos cursos promocionados pola mesma nos que se inclúen, por exemplo, os de inclusión. No obstante, séguense a producir escaqueos das responsabilidades da persoal psicopedagoga dos centros”
Eva Buey, profesora nun centro escolar de Porriño
Fai dous anos que comezou a “obrigarse” aos profesores asistir a estes cursos. Ao final, poden decidir non facelos, pero a Xunta inscríbeos e igualmente teñen que cumprir as horas dos sexenios. É dicir, cen horas en seis anos.
Ditos cursos, en realidade, son moi xenéricos. Ao mellor aparecen centros de referencia no trato con certos grupos étnicos de especial relevancia, pero realmente a gran maioría de casos escápanse da norma xeral e convértense en excepción. Por exemplo, que aparezan un ou varios rapaces cada certo período de tempo. Os plans de acollida e os procedementos son tan xerais que o problema é axustalos á realidade concreta do centro en cuestión.
A inclusión do alumnado migrante realízase a través dos Plans de Acollida. Estes poden estar elaborados polos orientadores, mestres de Pedagoxía Terapéutica (PT) e profesores de Audición e Linguaxe do centro educativo. Porén, o departamento de Orientación pode aplicar os que se recollen no Plan Xeral da Xunta de Acollida. Os mestres de Pedagoxía Terapéutica son aqueles referidos tamén á educación especial (MAI), tamén coñecidos como mestres de apoio á inclusión (MAI) ou mestre-a da aula específica (MAE); segundo ao alumnado que se atenda.
A profesora Eva Buey explícanos que tivo un caso dun neno sudafricano que só falaba inglés e que non tiña expediente. Desde Orientación asignáronlle un profesor en particular que debía encargarse de individualizar a súa ensinanza. Ademais, a profesora de inglés facía traballo extra para traducirlle.
Aparte deste neno sudafricano, tiveron rapaces de Senegal, Sudáfrica, Marrocos (especial incidencia no sur de Galicia), Latinoamérica e unha rapaza de Portugal. Cada un deles veñen coa súa realidade (orfos, problemas familiar, socioeconómicos, etc…) e débese atender coa correspondente individualidade á situación.
Por isto importan tanto as diferenzas que existen en Primaria e en Secundaria. Hai un gran desnivel entre estes dous ciclos de ensinanza no tratamento da inclusión dun rapaz migrante. O abismo existente entre a ensinanza primaria e secundaria céntrase na impersonalización paulatina que se vive a medida que se ascende de nivel educativo, cando a relación alumno-profesor é cada vez máis distante e menos vinculativa.
Pola idade, polo sistema de ensinanza e por como son as idades en primaria, o ambiente é máis familiar e a acollida máis fácil. En definitiva, trátase dun compañeiro máis co que xogar. Ademais, axudan simples proxectos de interculturalidade nos que se busca a participación: sacar un mapa e ensinarlle á clase de onde veñen os seus novos compañeiros.
A inclusión a través do deporte
A maioría deles teñen excepción de francés e de galego cando chegan a Galicia. O máis destacable de España e, particularmente, do noso sistema educativo, son as carencias de coñecementos sobre outras culturas: diferenzas entre comidas, tradicións, relixións e nocións básicas que cambian totalmente o sistema de vida duns a outros. Normalizar que unicamente o propio é válido non é correcto. Toca aprender a ser máis tolerante.
Eva Buey inclúe a participación dos rapaces nos plans de acollida dos alumnos migrantes na aula. Son eles os que realmente crean un ambiente no que o rapaz migrante non se sinta discriminado ou diferente ao resto. Iso foméntase sobre todos nos momentos en que interaccionan entre eles: o recreo.
De entre todas as actividades, os deportes colectivos como o fútbol son os mellores. En concreto, Hanny e Larissa en balonmán son o mellor exemplo de sentirse plenamente integradas e incluídas nun equipo. Nese contexto si que se sentiron como unha máis, coas mesmas capacidades e ao mesmo nivel que o resto das súas compañeiras. Ese foi o momento no que si chegaron a atopar o seu lugar.
Peza elaborada polo grupo S3D. Coordinación e revisión: Antonio Rico Álvarez; Documentación: Alba Rodríguez Pérez e Clara Rodríguez Rejes; Redacción: Sandra Rey Méndez e Pablo Rodríguez Roldán; Imaxes: Cristian Romero Rodríguez.