Cociñas Económicas

Fonte: Facebook

S3E

Preservación de medios e consumo

A colaboración de asociacións solidarias é un dos piares fundamentais para as esperanzas de moitas persoas que, practicamente de forma diaria, se ven sen recursos dos que poder valerse. Dende o noso grupo de traballo quixemos falar directamente con algunha destas organizacións, co obxectivo de coñecer dende dentro como afectou a pandemia a súa forma de traballo, neste caso á da Cociña Económica de Santiago de Compostela.

A Cociña Económica é unha asociación sen ánimo de lucro, na que o órgano de goberno corresponde á Xunta Directiva e a Asemblea de socios (encargados de aprobar as contas e o orzamento). En Santiago de Compostela, as encargadas son as Fillas da Caridade, tamén residentes nas instalacións da Cociña Económica. Esta comunidade relixiosa leva colaborando coa asociación dende a súa fundación en 1891 e ademais reciben axuda de voluntarios que preparan e serven a comida.

O obxectivo é o de ofrecer menús de comida a un prezo alcanzable, destinados aos sectores sociais máis vulnerables. De luns a domingo, festivos incluídos, a Cociña Económica de Santiago ofrece almorzo (por 0,50 €), comida (por 1 €) e cea (por 0,50€). Son menús completos, con varios pratos a escoller, que pasan polo control e revisión dun nutricionista.

Fonte: La Voz de Galicia

Os requisitos para poder acceder a este servizo pasan por unha entrevista coa traballadora social, que fai unha ficha persoal e avalía se a persoa en cuestión necesita asistir ao comedor. Normalmente, sempre se cumpren uns patróns comúns nas persoas que solicitan a axuda: xente maior, persoas sen fogar, menores de idade ou estranxeiros. “Ninguén que precise axuda da nosa parte vai quedar sen ela, aquí atendemos a todo o mundo. Calquera persoa que hoxe mesmo se presente nas oficinas da cociña vai recibir atención” declaran desde A Coruña.

Estas asociacións abastécense grazas aos donativos (financeiros ou de produtos alimenticios) que reciben se supermercados como Eroski, Gadis, Mercadona e outras empresas que tamén colaboran. A nivel rexional reciben axudas da Xunta de Galicia e da Deputación de A Coruña, así como do Concello de Santiago de Compostela. A maiores, os donativos que reciben de particulares son fundamentais para poder manter o ritmo das prestacións, pois os gastos de persoal e abastecemento son dous dos aspectos nos que máis sofre a Cociña Económica.

Fonte: Cociña Económica de A Coruña

Situación durante a pandemia…

Durante a pandemia de Covid-19, Santiago rexistrou un aumento significativo das persoas que acudían a recibir axuda: “Antes do confinamento, a media de persoas que viñan aos comedores rondaba unha media de 140 persoas cada día; mentres que durante a pandemia esa media se elevou ata as 200-220 persoas diarias”.

A día de hoxe…

Fonte: La Voz de Galicia

Pola súa banda, dende a asociación de A Coruña apuntan: “Durante o confinamento, a nosa cociña chegou a repartir alimentos ata para 700 familias, o que supón o máximo histórico dende a fundación en 1886. Cando comezou a desescalada, a situación relaxouse un pouco porque comezaron a circular outros servizos sociais”.

Nun principio, ambas cidades non tiveron problemas de recursos para seguir prestando axuda, pero si que se produciron unha serie de baixas por positivo en Covid, que obrigaron ao confinamento total do cadro de persoal, tendo que recorrer á contratación dunha empresa de catering e novo persoal para seguir prestando o servizo. Segundo nos conta Javier Brage, administrador da Cociña Económica de Santiago: “Cando peor ían as cousas foi cando máis solidaria se mostrou a poboación con nós. Ao contrario do que poida parecer, no pasado 2020 notamos un incremento dos donativos de institución públicas, empresas e particulares”.

Os meses posteriores ao confinamento foron igualmente duros, os sucesivos repuntes de contaxios que se produciron en pleno inverno obrigaron, como medida preventiva, ao peche da Cociña Económica. Desta maneira, moita xente quedaba sen o apoio que necesitaba para poder seguir optando a uns recursos mínimos, máis aínda na época con peores condicións climatolóxicas. Para agravar máis a situación, os recursos que recibían de particulares e institucións viuse reducido: “Co paso dos meses, estas entidades recoñecen baixar as doazóns, aínda que as necesidades medran sen parar”.

En Santiago, o 2021 trouxo consigo unha certa estabilización nas cifras de solicitantes do servizo, volvendo a un número similar ao da etapa pre-covid (130-140 persoas de forma diaria). En Santiago dispoñen de 110 prazas, pero só poden entrar ao comedor un máximo de 25 persoas. Contan con voluntarios que colaboran servindo a comida e preparándoa en bolsas para levar.

A Cociña Económica de A Coruña tamén declara unha actividade similar: “Os servizos de alimentación e a atención social mantéñense, os traballadores sociais continuamos atendendo aos usuarios. No seu momento, durante o Estado de Alarma, tivemos que suspender os servizos de voluntariado ata que nos vacinemos. A prioridade é manter aberta a entidade e evitar un contaxio nalgún dos traballadores que nos obrigue a mandar a todos a facer corentena nos domicilios”.

As consecuencias da pandemia son evidentes: persoas que nunca tiveron que recorrer a este tipo de servizos, agora precisan levar 3 ou 4 menús de forma diaria. Así mesmo, aumenta o número de poboación extremadamente nova (xente de 20 e 30 anos) que están estudando ou en busca de traballo e non teñen recursos suficientes.

As Cociñas Económicas de Santiago e A Coruña xogan un papel esencial na comunidade, prestando un servizo do que dependen cada vez máis persoas de todas as idades e condicións. Ninguén está libre de ter que recorrer algún día a súa axuda, por iso lograr un maior apoio institucional e a concienciación social é un dos obxectivos deste traballo de investigación.

Fontes:

Entrevista a traves de chamada telefónica a Pablo Sánchez, traballador social na Cociña Económica de La Coruña.

Entrevista a través do correo electrónico a Javier Brage Vilela, administador Cociña Económica de Santiago de Compostela.


Cociña Económica de Santiago: http://www.cocinaeconomicadesantiago.es/servicios.aspx

Daniel Pereira (Coordinación y Difusión)

Carlos Ramirez (Actividades)

Diego Real (Edición)

Raúl Villamarín (Edición)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.