S2C
A pandemia derivada da COVID-19 forzou o peche de escolas e institutos e o reaxuste das clases ao formato en liña. Os profesionais da educación, os alumnos e os centros educativos destacaron pola rapidez coa que intentaron adaptarse a esta situación. Desta vez, contactamos con diferentes profesionais da educación para coñecer o seu testemuño sobre a experiencia co teletraballo e a docencia virtual.
Ana Villar tivo que facer un dobre esforzo cando en marzo de 2020 se suspenderon as clases presenciais a causa da pandemia. Ademais de docente é a directora do IES de Melide, polo que súa foi a responsabilidade de organizar a posta en marcha das clases virtuais de finais do curso 2019-2020, axudada iso si, polo seu equipo de dirección. Recoñece que foi moi complicado: “Todos, profesores, alumnos, e incluso pais, me preguntaban como iamos rematar o curso e eu non o sabía tampouco. A situación era moi incerta, nun principio parecía que ían ser só 15 días polo que confiabamos en poder retomar o curso con normalidade. Pero cando nos demos conta de que seguramente non iamos poder voltar as aulas comezamos a pensar solucións”.
As dificultades coas que se atoparon foron similares ás doutros centros de ensino medio nunha vila pequena, “Moitos profesores non teñen os coñecementos necesarios para desenvolver as clases online, pero sobre todo temos moitos alumnos que non contaban co material axeitado para este tipo de ensinanza. Aínda que habilitamos un servizo de préstamo de ordenadores, a conexión a Internet seguía a ser un problema. Moitos dos alumnos deste centro viven en aldeas e a Wi-Fi pode ser mala alí”. Amósase satisfeita por poder retomar este curso con total presencialidade, xa que declara, “tanto profesores como estudantes prefiren este modelo”.
Para Margarita Quintela, profesora de filosofía do IES de Melide, as clases presenciais supuxeron “todo un reto”. “Foi moi raro, estaba soa falándolle a unha pantalla, iso non me gustaba nada porque notaba aos alumnos menos concentrados. Non vía as súas caras para ver se entendían e tamén dificultaba moito a participación, algo que nunha materia como a filosofía é imprescindible”. “Debido á situación tampouco había horarios fixos, porque moitos alumnos tiñan problemas para acudir á clase a hora marcada ou simplemente non querían conectarse, pero despois sempre aparecían correos ou titorías, polo que en realidade pasabamos mais horas traballando que nunha situación normal. Non me queixo pero moitas persoas pensan que cas clases telemáticas os profesores traballan menos e non é certo”.
Admite estar encantada coa volta as aulas, “aínda que é un pouco estraño todo isto, eu estou encantada de que neste centro poidamos realizar todo o curso de maneira presencial, o que si boto en falta son todas esas actividades extracurriculares que agora non podemos realizar”. En canto as clases telemáticas durante o confinamento declara “Entendo a necesidade en certos momentos pero considero que a docencia online empeora os resultados, polo menos no noso sistema educativo”.
Marta Rodríguez, profesora no IES Xesús Ferro Couselo, admite que o teletraballo durante a pandemia foi “distinto” ao que estaban acostumados. O proceso de adaptación a este novo tipo de docencia fíxose axiña, o que esixiu moitas horas e dedicación que, de ter a axuda dos alumnos, non supoñería un problema. No centro educativo onde ela traballa a porcentaxe de clases online é mínima debido a problemas de loxística do propio centro. Marta asegura que a docencia presencial é a que mellor se adapta aos seus gustos, xa que a interacción é positiva para todos e para ela é máis sinxelo detectar problemas de comprensión mentres está dando clase. A parte disto, as clases online poden presentar problemas técnicos como poden ser fallos de conexión, dificultades que nunha clase presencial non acontecerían.
Unha experiencia nova e vertixinosa. Así describe Carlos Pío, profesor universitario do departamento de Economía Cuantitativa, o descubrimento dunha docencia online no medio dunha pandemia. E isto débese, segundo o docente, á pouca disposición de coñecemento ou recursos materiais necesarios para unha boa docencia virtual. Segundo explica, o proceso de adaptación a este novo tipo de docencia foi máis sinxelo ca o de xestión e resolución de actividades, xa que estas últimas xa se facían a través das novas tecnoloxías. Actualmente imparte unha docencia semipresencial nos seus títulos, como adoita acontecer na maioría de facultades. Valora a ensinanza online dende dúas visións: a do alumno, na que valora “enormemente o esforzo que realiza o alumnado” para seguir de xeito telemático as súas clases; e dende a visión da docencia, onde é complicada a súa xestión de xeito simultáneo xa que os recursos deben mellorar.
Carlos Pío é partidario da presencialidade, aínda que entende que exista a posibilidade da semipresencialidade, como por exemplo nas clases máis expositivas.
A vantaxe que ten para el a docencia non presencial é a posibilidade de seguir a actividade a distancia ou no momento no que non se pode asistir de xeito presencial, como pode ser a gravación de clases e o posterior visionado dos alumnos. O principal inconveniente é a redución da participación activa do alumnado que está conectado de xeito telemático. Outros factores que inflúen nas clases virtuais, e que tamén considera inconvenientes, son a falta de calidade que pode chegar aos alumnos conectados de xeito virtual e a falta de bos recursos técnicos. Considera que a Universidade tradicional corre o risco de convertirse nunha universidade a distancia e anima a que se abra ese debate entre a sociedade.
Aarón González Fernández e Alba López Buján (fontes), Marta García Pérez e Andrea López Ramos (edición e fotos), Marta Penedo Custodio (revisión ortográfica e formal, edición).