O peche dunha escola unitaria vivido dende dentro

Cada ano presenciamos o peche de numerosas escolas unitarias na nosa Comunidade Autónoma: os Colexios Rurais Agrupados galegos están a vivir unha crise. Volveuse algo rutinario, pero moi poucos coñecen o procedemento burocrático desde que se toma a decisión ata o posterior fechamento definitivo. Falamos co actual director do CRA Coristanco-Santa Comba, Suso Mosquera, que viviu de primeira man varios peches, para que nos comentase o proceso de fechamento e como actúa a Administración nestes casos.          

El mesmo fixo fincapé nos días comprendidos entre o un e o vinte de marzo, posto que son determinantes para saber se a unitaria continuará aberta o próximo curso. Neste período realízanse as reservas de praza para o ano seguinte, e é aí cando coñecen o alumnado co que van contar. Logo, estes datos comunícanselle a Inspección, que se encargará de tomar a decisión definitiva. A pesar de que en ningunha normativa apareza por escrito que por debaixo de seis estudantes se deba pechar a unitaria, se non se supera dita cifra, o máis probable é que non a deixen seguir adiante. Non obstante, danse excepcións, como a escola rural de San Cristovo, que fai máis de dez anos continuou funcionando con tres nenos. Así nos foi contando Suso Mosquera os pasos que se seguen para tomar a decisión de cerrar unha unitaria. Ademais, comenta a inexistencia dun protocolo idéntico para todos os casos á hora de actuar.

Unha vez que Inspección toma a decisión do peche, Suso Mosquera asegura que a el llo transmiten de xeito verbal, é dicir, non lle envían un comunicado oficial: “A Administración Educativa divídese por provincias, polo que os procedementos administrativos poden ter algunha diferenza. Pero a min como director non me comunicaron nada oficialmente”. Tal e como apunta o director do CRA Coristanco-Santa Comba, o único formalismo vese cando a finais do mes de xullo o fechamento dunha unitaria consta no Diario Oficial de Galicia (DOG) coa publicación do catálogo de centros.

Despois de coñecer a decisión do peche por parte de Educación, é o momento de expoñer a situación ós pais, nais ou titores legais dos matriculados e matriculadas. Suso Mosquera afirma que, grazas ó contacto directo e practicamente diario que se mantén coas diversas familias, trátase dun tema que xa se vai falando ó longo do curso, polo que tampouco se lles anuncia formalmente: “se se ve que nun lugar non hai os suficientes nenos, xa se imaxinan que a escola pode pechar”. 

Suso Mosquera temía a posible desaparición do CRA de Santa Comba, pois, pouco a pouco, foi quedando sen escolas logo de que Educación pechara varias delas. No 2019, este colexio quedou soamente coas escolas de San Cristovo e a do Busto: “Con tan só dúas escolas perderíamos o profesorado especializado, como o de inglés ou o de música”. Segundo nos explica o director deste Colexio Rural Agrupado, esas materiais pasarían a impartilas mestres ou mestras dun CEIP. Entón, el mesmo decidiu propoñer a unificación co CRA de Coristanco e coa Escola de Educación Infantil de Lañas nunha reunión da Asamblea de Mestres dos Colexios Rurais Agrupados de Galicia (AMCRAGA). Finalmente, lograron levar a cabo esta unión

          Fotografía cedida polo CRA Coristanco-Santa Comba

Segundo Suso Mosquera, “a antiga conselleira si que nos deu un impulso, pero a Administración Educativa Galega actual non cre nos CRAs”. A pesar disto, o CRA Coristanco-Santa Comba, que pronto se denominará CRA A Tarandeira, segue adiante. Nestes momentos, o director afirma que se atopan nun momento de cambios con respecto ós procesos pedagóxicos, apostando pola aprendizaxe baseada en proxectos e non tanto en libros de texto: “estas escolas son o laboratorio ideal para experimentar novas metodoloxías e pedagoxías”. Alén disto, confirma que están en proceso de remodelar algunhas aulas, como a do Busto ou a de Lañas.

En Galicia cada vez máis unitarias sométense a este procedemento de peche explicado por Suso Mosquera. Por exemplo, a escola unitaria de Campos, que pertencía ó CRA de Teo, deixou de funcionar para sempre hai máis dunha década. Manuel Masaguer era o xefe de estudos do colexio e o profesor que se encargou do seu alumnado os últimos cinco anos de actividade na escola rural: “foi a miña primeira escola unitaria e atopeime con 14 marabillosos alumnos. Xuntos emprendemos unha aventura que durou cinco anos”.

                  Antiga unitaria de Campos, no concello de Teo.

Tras o lustro do que nos fala Manuel Masaguer, “a escola de Campos quedou sen matrícula. É unha zona rural onde non había nenos e ó baixar de cinco alumnos o Inspector comunicounos o seu peche”. Afirma que “era unha realidade á que non podíamos facer fronte”. 

  Alumnado da escola de Campos no 2006.

Este mestre asegura que se trata de “unha situación súper triste”. Como para el unha unitaria é un lugar onde se aprende dun xeito distinto (xa que sostén que “a escola rural é unha escola diferente”), tomou a decisión de seguir apostando por este modelo educativo. A unitaria de Casalonga foi o seu seguinte destino, contribuíndo así a unha educación “onde os nenos e nenas medran en contacto coa natureza, onde experimentan e aprenden case sen libros”. Como vemos, Manuel Masaguer tamén nos fala sobre as innovacións pedagóxicas nestes centros educativos: “conectámonos a Internet, con moitos proxectos e coñecendo alumnos doutras cidades de España, doutros colexios. Utilizamos ordenadores, periódicos, a horta escolar… Trátase dunha ensinaza cos alumnos e para os alumnos”.

Manuel Masaguer concluíu o seguinte: “Falar de escola rural é falar de amizade, familia e cordialidade”. Así é como decide definir a educación no rural, remarcando os devanditos valores que se van perdendo con tódolos procedementos que conlevan o fechamento dunha unitaria ou CRA.

Paula Barreiro Castiñeiras (Actividades)

Carlota Fandiño Carragal (Difusión)

Iria Fernández Calvo (Coordinadora)

Leila Fernández Castro (Edición)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.