A riada do consumo e a produción

S3A

“Sempre digo que non me gustaría xubilarme de Ames sen ver mellor o Sar, pero xa estou dando por perdida a batalla”. Con estas palabras, Patricia Reboreda, técnica de Medio Ambiente no Concello de Ames, móstranos unha realidade que se repite nos ríos galegos, especialmente naqueles próximos á actividade humana. “Canto máis preto está o home, peor está o río”, engade.

Cando pensamos nun río contaminado, tendemos a buscar a orixe desa contaminación nos núcleos urbanos ou na industria. Un claro exemplo disto témolo no Sar: un río que baixa relativamente limpo ata chegar ao lugar da Silvouta, onde se localiza a EDAR (Estación de Depuración de Augas Residuais) de Santiago de Compostela.

A capital galega é unha cidade de máis de 90.000 habitantes aos que hai que sumar turistas e uns 20.000 estudantes, e todos eles verten cada día augas contaminadas a unha depuradora que non é quen de asumir toda esa carga. O resultado? “Quilómetros de río nunhas condicións realmente lamentables, só atopamos algunhas formas de vida moi resistentes nese tramo que chega ata Bertamiráns e bastante máis abaixo”, asevera Patricia.

FOTO: río Sar á altura de Ponte Cabirta. Fonte: propia

O municipio de Ames, ademais de polo Sar, tamén se atopa atravesado por outros cursos fluviais como é o Tambre, na outra punta do concello. Este río tamén se ve afectado pola contaminación, aínda que a diferencia do Sar, o Tambre está afastado dos principais núcleos urbanos e polígonos industriais.  Como é posible entón que estea contaminado?

Enrique Benavides, de Augas de Galicia comenta que “os motivos da contaminación son moi variados” e Pablo Gómez, da Plataforma pola Recuperación do Río Sar, indica: “En Galicia estamos aqueixados de case todos os males”, e dentro deses males, Gómez destaca que “nós sufrimos máis a contaminación orgánica polas actividades gandeiras”.

“Tratamos a da urbe (a auga) e gastamos millóns nesa, pero despois os xurros van directamente á terra”, di Gómez, quen resalta que o abono con xurros sen ningún tratamento crea unha contaminación difusa pero que finalmente chega ao río de xeito case inmediato. Coincide con el Patricia Reboredo: “No Tambre hai malos usos, sobre todo agrícolas”.

FOTO: río Tambre ao seu paso pola aldea de Tapia, na parroquia de Ames, do concello co mesmo nome. Fonte: propia

Considerada como unha das medallas do Concello de Ames, a praia fluvial de Tapia tamén é vítima da contaminación: “A zona de Tapia é moi gandeira, moi agrícola, está recuperándose o rural neste concello, polo que tamén están proliferando eses malos usos que afectan ao Tambre”, afirma a técnica do Concello de Ames.

“Se se pecha o baño en Tapia hai unha revolución no Concello”, di Reboreda. Aínda así non é a primeira vez que este se pecha por mor da contaminación, como sucedeu no ano 2016 ou no 2018

Nestes anos, a Gonzalo Diz Noya, piragüista do Club Ribeiras do Tambre que adestra nos arredores da praia, non lle afectou tanto o peche da área: “Como deportistas fomos adestrar a outra zona”. Porén, agrega que “como bañista, fastidioume pero non tiñamos outra alternativa”. Do mesmo xeito, Andrea Tuñas, do mesmo clube e da mesma zona, finca o que di o seu compañeiro: “Para remar cambiamos de sitio pero como bañista molestoume non poder ir á praia”.

“Cando lle damos un respiro, o río recupera, pero estámolo presionando demasiado” di Patricia Reboredo, que destaca como se percibe cando chega a hora de abonar os terreos. Situación que se dá nos últimos anos polo “abuso dalgunhas cooperativas nos usos agrícolas das beiras do Tambre e que están xerando problemas que antes non había.”

“CANDO LLE DAMOS UN RESPIRO, O RÍO RECUPERA, PERO ESTÁMOLO PRESIONANDO DEMASIADO”- Patricia Reboredo

Ante as múltiples críticas a gandeiros e traballadores agrícolas, o centro do problema está na outra cara da moeda: “gustaríame quitar o foco dos gandeiros, porque eles fan o que lles piden e o que dita o mercado, e iso implica a intensificación da agricultura” explícanos Pablo Gómez da Plataforma pola Recuperación do Sar.

“OS GANDEIROS FAN O QUE LLES PIDEN E O QUE DITA O MERCADO”- Pablo Gómez

Así, a primordial das causas podemos atopala na sobreprodución de alimentos. Óscar Rodil, doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, comenta que o actual sistema económico ten efectos moi nocivos para o medio ambiente debido á sobreprodución egoísta e ao intento de maximizar os beneficios.

Mais non só é a cantidade que se produce senón a forma na que o facemos. Ao abono con xurros que nos comenta Patricia Reboreda ou á falta dunha lexislación para os mesmos que nos menciona Pablo Gómez, hai que sumarlle o uso de pesticidas. 

Todos estes refugallos que atopamos nas ribeiras do río e no propio Tambre son a máxima representación da pegada ecolóxica. Estamos a falar do impacto das accións humanas na natureza e o tempo que vai a necesitar a terra para producir recursos e absorber as consecuencias da súa actividade.

Solventar esta situación de contaminación empeza por coñecer a orixe do camiño: os nosos hábitos, o que comemos, como chega ao noso prato, que refugallos deixa polo camiño, que envolve os produtos que inxerimos e onde van a parar.

Neste senso Uxía Dorado, estudante de bioloxía e integrante de Fridays For Future, recalca que “a contaminación orgánica que se dá en Galicia por xurros ou augas residuais é moi importante, pero o plástico tamén, xa que a súa produción aumentou exponencialmente nos últimos anos e está a ser un dos grandes problemas medioambientais”.

A non-inclusión de aditivos ou pesticidas de síntese, o respecto aos ciclos naturais de crecemento, a rotación de cultivos ou a redución de contaminación ligada ao transporte son algúns dos elementos que unha produción sostible e ecolóxica pode aportar á conservación dos ecosistemas.

Imaxe: Mercado da Biosfera de Allariz

Estas formas de producir habitualmente están ligadas a unha economía circular, cun comercio xusto no que se loita contra a pobreza dos produtores por parte das grandes cadeas de distribución. Quizais hoxe 17 de abril, Día da Loita Labrega, sexa un bo día para comezar a transcender nos nosos actos e as consecuencias dos mesmos; da diferenza que pode supoñer realizar un consumo e unha produción máis responsables e ecolóxicas.

Patricia Reboreda lanzaba a pregunta: “Queremos estar encima da natureza e ao mesmo tempo queremos tela ben?”. Quizais é unha boa forma para comezar a reflexionar.

Paula Pérez Cantelar (difusora; entrevistas a Óscar Rodil, aportación de preguntas para a mesa redonda de expertos e contacto cos piragüistas; redacción), Iria Ramos Mesía (responsable de actividades; entrevistas a Óscar Rodil, preguntas e realización da mesa redonda); Martín Rei Leis (editor; entrevistas a Óscar Rodil, aportación de preguntas para a mesa redonda; redacción), Uxía Sánchez Lorda (coordinadora; entrevistas a Óscar Rodil e preguntas para a mesa redonda; redacción), Iria Tojo Aldariz (editora; entrevista Óscar Rodil; redacción).

3 comentarios en “A riada do consumo e a produción

  1. Boas tardes!
    Unha publicación moi interesante sen dúbida.
    A reflexión que lanzades debera recalar dende a cidadanía ata as institucións, que en definitiva son as que ditan as normas que se deben cumprir. Con todo, os cidadáns temos gran parte de culpa de que as nosas augas estean contaminadas, xa que aínda hoxe fanse campañas para non tiran residuos como toalliñas hixiénicas polo WC. Non é de recibo maltratar a natureza e despois queixarse porque está en mal estado cando queres desfrutar dela. Vós que pensades que deberían facer as administracións públicas para concienciar de verdade ás persoas? En ocasións parece que calquera campaña non produce efecto na sociedade.
    Un saúdo!

    Gústame

    1. Moitas grazas polo comentario! Dende o noso punto de vista o que falla é a comunicación, trátase sempre de concienciar a base de campañas publicitarias pero non de actividades que favorezan que a poboación en xeral coñeza a situación actual e que nos levou a ela, ademais é habitual que en moitas ocasións se nos fale de problemas como por exemplo o desxeo, que pode ser moi grave pero que son situacións que á xente lles quedan moi lonxe. O seu sería comezar pola contorna máis inmediata e para iso debera traballarse máis dende as administracións máis locais.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.