S1D
“Feminismo e igualdade de xénero son valores que me inculcaron dende pequena, na casa, mais tamén no cole e no instituto – dinos Claudia de 19 anos – sempre participei activamente nos obradoiros pola igualdade, en mesas redondas, debates e actividades culturais propostas polos centros educativos”. Estas dúas palabras non son novas, mais o significado que teñen para cada muller e a regularidade coa que as escoitan é moi diferente.
Por unha banda, temos a perspectiva de Tania e Mari, que negaron terse sentido infravaloradas polo feito de ser mulleres, engadindo a última que “o problema non é culpa dos homes, senón da persoa coa que decides pasar o resto da túa vida”. A historia é ben diferente para Rosita, de 81, que tivo que abandonar a escola para coidar do seu avó, ou para Pilar, que “nunca antes falara abertamente da desigualdade de xénero no fogar, sempre asumín que tiña que ser así”. Susana, de 54 anos, confesa que: “non hai moito tempo cando comecei a ser consciente desta situación, quizais antes actuaba como a sociedade me requiría, simplemente debía facelo, sen pensar se era o correcto”.

“Repartímonos os labores en función dos nosos horarios, se eu traballo pola tarde, deixo feita a comida, e el fai a cena” – comenta Tania respecto a repartición das tarefas no seu fogar. Tanto para ela coma para as outras entrevistadas máis novas a división das responsabilidades da casa entre todos os membros é algo totalmente natural. Tamén o é para Mari, de 64 anos, quen afirma: “Sei que a situación do meu fogar non é a que viven a maioría das miñas coetáneas, posto que a comunicación, a repartición das tarefas e o amor de parella forman parte do meu día a día”.
Pola contra Susana, Pili, Rosita e Ana afirman todas que nalgún momento das súas vidas tiveron que renunciar a algo, en xeral a si mesmas, para ocuparse dos fillos ou de familiares dependentes e do fogar. Pilar criou a dous fillos e tivo que coidar 12 anos da súa nai, a cal dependía dela completamente. Ben diferente do día a día de Jeannette: “O meu fogar ten como norma primeira repartir as tarefas para que tanto eu como a miña parella poidamos desfrutar de tempo xuntos e por separado, sen ter que renunciar a nada”.
“Faltábanme horas do día para poder facerme cargo de todo e poucas veces podía descansar”
Pilar, de 76 anos
Ana cóntanos que rexenta unha panadería e este “é un sector plenamente masculinizado”, así que moitas veces se sinte infravalorada no seu traballo. Ademais, di que se encarga do 80% das tarefas da súa casa, sen contar apenas coa axuda dos outros membros dela. Pero engade que: “Afortunadamente, conto coa axuda da miña nai, o que me permite ter certo tempo libre”. Susana, pola súa parte, divorciouse do seu marido fai 11 anos e admite que segue a facer as mesmas tarefas que cando estaba casada.
En canto as opinións que teñen da situación vivida nos seus fogares de novas, Paula e Tania aseguran que tratan de evitar na súa vida a mesma realidade que viviron anteriormente. “Cando eu era pequenna, meu pai traballaba todo o día, e non sei si esa era a razón, ou cal era, pero era miña nai quen se encargaba de todo no fogar”, di Paula na entrevista. Claudia, pola contra, nacida tan só unha década despois, afirma querer para a súa futura familia o mesmo modelo que ten agora na casa, onde todos os membros teñen a mesma carga de tarefas.
Un tema que aflorou ao longo de varias entrevistas foi o da educación, e a “importancia desta na transformación cara unha sociedade máis igualitaria”, como dixeron María e Mari, ambas profesoras, e Tania, que non exerce a dodencia, mais é licenciada en Educación Infantil. Esta última engadiu: “Ademáis de aprender a teoría no cole, o respeto e a igualdade son valores que se deben empezar a inculcar dende o fogar”.
Outra evidencia da fenda xeracional encontrámola na naturalidade coa que as nosas entrevistadas se sentaron fronte á cámara. A entrevista con Rosita levounos tres tomas: “non estou acostumada ás novas tecnoloxías”, admitiu, ao igual que Susi. Jeanette, de 27 anos, confesounos que o temor que sentía non eran tanto polas cámaras, senón polo “respecto que temos que ter cando abordamos temas tan importantes e trascendentais”. Pola contra, Claudia coméntanos despois da entrevista que a cámara non lle produce ningún recelo, posto que sube contido a Instagram e Tik Tok todos os días. Con todo, todas elas teñen algo en común: o feito de ser mulleres marcounas dalgún xeito ou outro. As que máis medo lle tiñan aos focos olvidáronse de que estaban apuntando cara elas pola necesidade de contar as súas experiencias.
“Todas elas teñen algo en común: o feito de ser mulleres marcounas dalgún xeito ou outro”
En conclusión, despois destas dez entrevistas, coas mesmas preguntas pero con respostas tan dispares, voltamos para a casa coa certeza de que, por moi diferente que sexa o contexto destas mulleres, non o é a súa maneira de pensar, nin a súa concepción dunha sociedade á que aínda lle queda moito por avanzar en terreo de igualdade, dentro e fóra do fogar. Con todo, onde está a base do cambio, por onde se debe empezar ou desde que institucións se debería promover a igualdade, son algunas das incógnitas que ainda nos quedan por resolver.
Parabéns pola publicación. Pareceume moi representativa e, sobre todo, moi ilustrativa de como está evolucionando a sociedade. Aínda que debemos seguir camiñando para lograr unha igualdade efectiva entre homes e mulleres, circunstancias como poder estudar ou mesmo a propia creación dun contexto onde poder falar sobre o reparto das tarefas como ben explicastes na publicación, denotan que imos en bo camiño. Por outra banda, gustaríame salientar un dos puntos que expusestes: “afirman todas que nalgún momento das súas vidas tiveron que renunciar a algo, en xeral a si mesmas, para ocuparse dos fillos ou de familiares dependentes e do fogar”; paréceme unha realidade moi triste que asoballou a moitas mulleres, e aínda hoxe está latente esa herdanza patriarcal. Considero que supón unha das motivacións principais do feminismo, conseguir que as mulleres puidamos ser o que queiramos e non deixar de ser por obrigacións alleas (fundamentalmente machistas). Que pensades vós, imos polo bo camiño?
GústameGústame