S2B
María Aguiar participou en 1º da ESO nunha actividade teatral titulada Sen loita non hai conquistas interpretando a Olympie de Gouges, a muller que foi decapitada en 1793 por defender os mesmos dereitos para as mulleres que para os homes. Agora, está en 4º e participou activamente no deseño da nova actividade En memoria das mulleres loitadoras: “quería que aquela muller fose protagonista tamén neste acto, e, ademais, quería ser eu quen homenaxease a súa memoria”.
Paula Cornes está en 4º de ESO e leva participando dende primeiro en todas as actividades que realiza o IES Maruxa Mallo arredor da igualdade de xénero. Sempre se carecterizou polo seu entusiasmo e compromiso, implicándose non so na realización senón na preparación dos actos. “Gústame que o meu traballo sirva para que as performace queden bonitas, xa sexa coa maquillaxe, co decorado… porque así os nosos compañeiros e compañeiras tómanas máis en serio”, que para ela é o máis importante.

Marwa Karim, de 1º da ESO, que interveu na actividade na memoria das mulleres loitadoras –realizada durante o III Congreso Escolar polas Igualdades-, interveu en público para salientar a necesidade de defender ás mulleres e nenas que son maltratadas, violadas, humilladas…, non só na rúa senón tamén na súa propia casa. “Eu pertenzo a unha familia de orixe magrebí na que o papel da muller sempre estivo supeditado ao do home e esa é a educación que recibo na miña casa. Para min descubrir que había mulleres musulmás feministas foi moi importante e isto non sería posible de non existir esta actividade ou a que realicei o 25 de novembro contra a violencia de xénero”.

Clara Sanjurjo, que estuda a materia de igualdade de xénero en 2º da ESO -na que se matricularon arredor de corenta estudantes- protagonizou xunto cunhas compañeiras unhas curtametraxes nas que denunciaban os micromachismos e as relacións tóxicas. Clara dalle moita importancia á materia de igualdade e ás actividades de igualdade en xeral: “permítenme identificar actitudes ou situacións nas que moitas veces caemos sen decatarnos e ao final acaban sendo macromachismos”. Na clase realízanse debates nos que descubre que existe o teito de cristal, a fenda de xénero, a feminización da pobreza… e, nas súas propias palabras, “permíteme valorar a importancia do feminismo para loitar contra a sociedade patriarcal na que vivimos”. María Lavandeira, compañeira de Clara, insiste nesta mesma idea cando lle preguntamos se considera que o profesorado fai visible o papel da muller en todas as materias: “coñecemos a moitas mulleres que destacaron nos seus campos pero non todo o profesorado se esforza por igual nesa liña”.
A medida que van medrando e xorden as relacións de parella, preocúpanse polas actitudes que poden ter os homes con respecto a elas: se son controladores, se son celosos, se xulgan a súa forma de vestir, de relacionarse cos seus compañeiros, se buscan illalas dos seus amigos e amigas… Alba Veiga, que protagonizou unha das curtametraxes, expresou claramente esa necesidade de empoderamento e de igualdade nas relacións de parella cunha frase lapidaria: “As mulleres non somos territorio de conquista de ningún home”.

En xeral as alumnas do IES Maruxa Mallo consideran que se creou un espazo de convivencia igualitario e valoran positivamente a relación cos seus compañeiros, que xustifican como consecuencia da educación en igualdade que están a recibir. Na conversa que mantivemos coas alumnas de 4º de ESO dixéronnos que todas elas viñan participando dende primeiro ou segundo nas actividades relacionadas coa igualdade de xénero e consideran que son moi necesarias porque “nunca serán suficientes mentres haxa desigualdades”, segundo Nerea Blanco. Falando con elas obsérvase unha gran madurez neste tema, manexan conceptos con moita fluidez, analizan correctamente situacións nas que se pode ver o machismo da sociedade, coñecen feministas e encontran nelas inspiración. María Aguiar reflicte isto nas súas palabras cando di que “sen igualdade non hai liberdade”, o que amosa a súa ollada feminista.
Estudo dos cuestionarios
Analizadas as enquisas que se realizaron aos alumnos do IES obsérvase que maioritariamente o alumnado do instituto, indistintamente do sexo ou da idade, identifica as actividades que arredor da cuestión de igualdade de xénero se realizan no centro. De todos os xeitos, á hora de tomar parte activa nesas actividades algúns alumnos, principalmente nenos, non consideran necesaria a súa participación, aínda que valoran positivamente o feito de que haxa esas actividades.
En 2º de ESO o alumnado xa madurou algúns conceptos que ao mellor no curso anterior aínda non comprendía, e recoñecen que o profesorado emprega unha linguaxe inclusiva e realiza un esforzo por visibilizar o papel da muller na súa materia. Ademais, vemos unha aprendizaxe progresiva, vemos como a medida que suben de curso a súa fluidez, as súas preocupacións e as súas inquedanzas son cada vez son máis comprometidas, máis feministas.
En 3º de ESO obsérvase unha necesidade de organizar algún evento coa visibilización do colectivo LGBTI+, de fomentar máis o feminismo entre os compañeiros… xa que recoñecen certa preocupación porque siga habendo compañeiros que non vexan o problema do machismo.
Fronte a ese pesimismo ou preocupación das alumnas de terceiro, en 4º mostran máis optimismo, están máis confiadas e amósanse máis activistas. Valoran moito as actividades e son capaces de propoñer moitas máis, entenden os problemas da sociedade e buscan solucións. Froito de toda esta educación en igualdade e dos esforzos do profesorado, unha boa parte do alumnado que finaliza os seus estudos neste centro é capaz de recoñecer actitudes machistas, identificar estereotipos, as diferentes formas de violencia que se poden exercer sobre as mulleres, e sobre todo, son conscientes de que sen loita non hai dereitos.
Creación de enquisas: Nadia Iglesias e Jaime Pena. Redacción: Nadia Iglesias e Adriel Mateo. Deseño das imaxes en redes sociais: Adriel Mateo. Edición: Carlos Menéndez. Maquetación e publicación: Adriel Mateo.
Un comentario en “Educar para crecer: As respostas do IES Maruxa Mallo”