Avanzar na educación inclusiva, materia pendente do sistema educativo

Unha profesora, un orientador, unha psicóloga e a nai dunha rapaza con discapacidade aportan luz sobre o debate entre educación inclusiva e especial
Unha profesora, un orientador, unha psicóloga e a nai dunha rapaza con discapacidade aportan luz sobre o debate entre educación inclusiva e especial

Grupo S1E

Cando se fala do alumnado con discapacidade, o principal debate aberto é o que xira en torno á educación especial. Débese camiñar cara unha educación inclusiva que permita a convivencia destas persoas co resto do alumnado? A ONU, na súa Axenda 2030, pide que “as instalacións educativas teñan en conta as necesidades das persoas con discapacidade e ofrezan entornos de aprendizaxe seguros, non violentos, inclusivos e eficaces para todos”. Para valorar se se está a avanzar no camiño axeitado e debatir sobre a educación inclusiva fronte á especial compartimos a voz dunha profesora nun centro inclusivo, unha psicóloga nun centro de educación especial, un orientador e a nai dunha exalumna. 

José A. Sarmiento, orientador no CIFP A Farixa, considera que os centros ordinarios poderían perfectamente adaptarse ás necesidades de grande parte do alumnado con discapacidade. “Moitas veces as familias non optan pola educación especial porque sexa o mellor, senón porque é o que lles queda”, asegura, incidindo no positivo da convivencia das persoas con discapacidade co resto de compañeiros. Un exemplo próximo que demostra que si é posible avanzar cara a integración é o de Euskadi, onde só existe un centro de Educación Especial.

Pero para poder garantir esa inclusión, é necesario coñecer as necesidades específicas de cada persoa. Sara Seijo, psicóloga no CEE Xoán XXIII de Santiago, considera imprescindible un apoio educativo “integral e coordinado” para que as diferenzas co resto do alumnado non supoñan un gran obstáculo. Porque, afirma, que ao “avanzar a cursos onde hai máis esixencia en relación aos contidos académicos”, a frustración e a desvinculación cos compañeiros vai a máis. 

 Flora Estévez, mestra no CEIP Plurilingüe de Ribadavia, enfróntase este curso ao “dilema” de orientar ás familias sobre que facer coas persoas con discapacidade cando pasan á etapa secundaria. Por unha banda, en moitas ocasións as familias son reticentes a separar as súas crianzas do resto de compañeiros pero Flora incide en que moitos centros non están preparados para acoller a algúns destes rapaces e rapazas. 

Un exemplo é o de Rita Iglesias. A súa filla, Ana María, coa enfermidade de Lejeune, viuse na obriga de pasar a un instituto de educación especial, xa que non existían centros ordinarios acorde ás súas necesidades. Pensa que o mellor é un sistema baseado na coordinación dos centros de educación inclusiva e de educación especial para dar unha mellor resposta a este alumnado. Para conseguilo, aposta por unha lexislación clara neste ámbito.
A nova lei educativa que propón o goberno estatal, a LOMLOE, abriu este debate nas últimas semanas. O texto impulsa a inclusión do alumnado con discapacidade nos centros ordinarios, reducindo de forma progresiva a escolarización nos centros de educación especial, que pasarían a ser centros de apoio e referencia. Propón tamén dotar aos centros ordinarios dos “recursos necesarios” para adaptarse pero algúns colexios consideran que é unha visión idealista a curto prazo.

3 comentarios en “Avanzar na educación inclusiva, materia pendente do sistema educativo

  1. Sen despreciar a lexitimidade da súa opinión, non estou totalmente de acordo coa Sra. Iglesias; se entendín ben, subxace tras o que di unha proposta de educación mixta. Para min, o fundamental é solventar o problema dotando ós centros ordinarios dos recursos precisos como prevé a LOMLOE, sen menoscabo da atención daqueles estudantes que polas súas circunstancias precisen atención nun centro separado, con base, obviamente, nas preferencias del e da familia e nos criterios dos profesionais. Non debe establecerse unha relación de coordinación, senón de complementariedade, na que o centro de recursos asista ós ordinarios. Tampouco penso que a solución ideal sexa a lexislación, que si é precisa, pero tamén habería que poñer o foco nos investimentos, como apunta a directora do San Rafael na nova á que ligades, e, máis alá, no interese social de que se transicione cara un modelo inclusivo. Outra cousa é que as familias ou os alumnos digan que en 2030 non ven que os centros ordinarios vaian ter eses recursos, posto que a disposición da LOMLOE só crea un marco de referencia, en concordancia coa súa natureza de Ley Orgánica con carácter básico a desenvolver polas administracións educativas, e son presumiblemente éstas quen teñen que fornecerllos. Non esquezamos, así e todo, que isto, simplemente polo momento no que estamos, non poden ser máis que avisos, xa que dotar a estes problemas coa LOMLOE do carácter de reivindicación implicaría elevar ós reclamantes a pitonisos, cousa que creo que non existe, con perdón a quen se consideren como tal. Avisos cos que, por outra banda, concordo, dado o historial de deixadez do goberno e as CCAA no que se refire á discapacidade, xa que agora o que vende son outros temas, pero ós que penso que tampouco cómpre darlles demasiada relevancia; para 2030, segundo nos demostra a historia, o mais probable é que a LOMLOE sexa substituída por cando menos outra Lei Orgánica máis, doutro ou do mesmo partido que promoveu ésta. Ademais, existen mecanismos para esixir a responsabilidade da administración, ós que quero pensar que o tecido asociativo recorrerá en caso de que, faltando un tempo prudencial para a hipotética entrada en vigor da disposición, se aprecien as faltas de recursos nos centros ordinarios das que diversas persoas veñen advertindo. Ben é certo que querer pensar non é ter a seguridade, xa que levamos uns cantos anos sen que se aproben diversos desenvolvementos do RDL 1/2013 e ninguén di nada, pero, en todo caso, penso que é cedo para anticiparse a un futurible como o da catástrofe total nos centros ordinarios a partir de 2030 e ´ás accións preventivas que podería emprender o famoso terceiro sector.
    Penso que sería acaído contar coa opinión institucional dun CEE, pero polo que levo lido volvemos ao tema de sempre. Moitos deles, incluído o que citades, pertencen a entidades privadas. Entidades ás que polo que sei ninguén lles dixo que ían a perder cartos a partir de 2030, pero que na miña opinión temen igualmente o cambio polo golpe económico que puidere supoñer; falo non dos traballadores nin voluntarios, senón das entidades que controlan os CEE, como institucións privadas. Por iso penso que se está magnificando tanto o tema sen moito motivo. Debe, obviamente, separarse isto do criterio técnico de que, arestora, as propostas da LOMLOE son inviables, pero tampouco se poden analizar cos ollos de 2021 cambios a dez anos vista, como xa debullei no parágrafo anterior. Hai uns meses coñecín a unha persoa con discapacidade das que vos aseguro que un pode dicir que ten éxito na vida, con formación universitaria nacional e internacional, sobre a que no ano 85 unha entidade que daquela controlaba varios CEE dicía que sacrificaban a súa educación por non mandalo ó seu colexio (ben se ve agora). Tamén podedes ver esta noticia (https://elpais.com/diario/1999/12/18/madrid/945519854_850215.html), bendita hemeroteca dixitalizada de El País, na que unha entidade regada polos cartos do Estado e o Cupón se laia de ter que escolarizar a dous nenos estranxeiros, con base nunha das súas máximas aínda agora, “iso é perigoso porque senta un procedente”, perfecta mostra de que canto máis grande é a entidade, por moi social que se diga, máis interesada está polos cartos. O peor é que o xustifican vertendo puras insidias na prensa (polo menos a min algúns argumentos parécenme propios de persoas rastreiras) e, ó final, cren o que din. Como vedes, polo menos nesta entidade levan moitos anos con ese vicio, non é de agora.

    Grazas.

    Gústame

  2. Grazas pola a túa aportación Iván. Rita Iglesias fixo especial fincapé en que debe camiñarse cara a inclusión nos centros ordinarios pero que non deben darse pasos en falso. Neste sentido foi ela de feito quen achegou a información sobre a situación en Euskadi, onde o camiño cara esta inclusión é máis decidido e onde de feito tan só existe un centro de educación especial independente da educación ordinaria.
    Insistimos, en canto a todo o que aportas, moitas grazas por achegar unha visión tan necesaria.

    Gústame

  3. Grazas pola a túa aportación Iván. Rita Iglesias fixo especial fincapé en que debe camiñarse cara a inclusión nos centros ordinarios pero que non deben darse pasos en falso. Neste sentido foi ela de feito quen achegou a información sobre a situación en Euskadi, onde o camiño cara esta inclusión é máis decidido e onde de feito tan só existe un centro de educación especial independente da educación ordinaria.
    Insistimos, en canto a todo o que aportas, moitas grazas por achegar unha visión tan necesaria.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.