S3D
“Que ben, temos un compañeiro novo!”. Así de contentos reaccionan os nenos e nenas do CEIP Apóstolo Santiago cando chega un novo compañeiro á súa aula. A realidade do centro non lles convida a dicir “ti es de aquí” ou “ti es de alá”, senón que lles convida a incluír a todos os compañeiros e compañeiras no grupo.
“Na miña aula teño 16 alumnos e alumnas. Só hai catro que a súa orixe sexa galega”, explícanos a directora do centro María Delfina Bañobre Durán. Ao ser un curso escolar marcado pola pandemia, tivéronse que levar a cabo moitos cambios. Un deles foi a reestruturación dos grupos para reducir os ratios das aulas, que varía en función do nivel e do ciclo.
Por exemplo, de haber dous grupos de 3º de Educación Primaria e un de 4º pasou a haber tres grupos do segundo ciclo de Primaria. De este xeito, mestúranse cativos de terceiro e cuarto de Primaria para que haxa ratios equitativas e reducidas. Así, é máis sinxelo que os nenos migrantes adquiran a linguaxe para que poidan seguir a dinámica da aula.
O que se pretende é que os novos compañeiros se sintan “ben recibidos”, tanto a nivel “emocional” como a nivel “material”. A realidade é o que centro é, como a directora di, “unha pequena ONU”. Contan con alumnado de etnia xitana, algúns de Galicia e outros de Romanía. Tamén, dentro de España, contan con alumnos de procedencia catalá. Algúns alumnos teñen parte da súa familia que é de Hungría e outros veñen de países como Italia, Vietnam, Australia ou Siria.
Por último, destácase todo o alumnado procedente de Latinoamérica representado nestes países: Venezuela, Perú, Cuba, Guatemala, Arxentina, Brasil e Puerto Rico. Moitas das súas familias chegan “co posto” e proporciónaselles material básico, como pode ser a roupa do roupeiro solidario.
Primeira toma de contacto
O procedemento que leva a cabo o CEIP Apóstolo Santiago á hora de inserir un alumno migrante consiste, en primeiro lugar, na visita do novo alumnado ao centro e a presentación do seu profesorado. Normalmente, coñecen por primeira vez aos seus compañeiros na hora do recreo e está 2-3 horas con eles para avanzar na súa adaptación. Ao día seguinte, xa se incorpora a tempo completo.
Unha vez están totalmente incorporados, inténtase falar, ben sexa dende dirección ou dende titoría, coas familias para saber se hai algún tipo de necesidade de carácter socio-económico.
Para solventar o desnivel que poda existir é imprescindible o reforzo. Nesta tarefa implícanse sobre todo a profesora que imparte a materia e o titor. Tamén pódese chegar a botar man do profesorado de PT (Pedagoxía Terapéutica) ou AL (Audición e Linguaxe). Aínda que o alumnado poida saír da aula para algún traballo específico, prímase sempre o traballo na mesma.
Este curso académico, os grupos de 4º, 5º e 6º de primaria están dentro do proxecto ARCO, un plan no que se dota ao centro dun profesional que atende dun xeito máis individualizado a este tipo de alumnado, facilitando tamén o traballo do persoal PT.
Sobre isto referíase o profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Anxo Santos Rego: “Temos que mellorar a relación entre profesionais do ensino e outros profesionais que, non sendo directamente do ensino, si son profesionais da mellora da calidade educativa, como por exemplo poden ser educadores e traballadores sociais, psicólogos e sociólogos, persoas do mundo da información que contribúen a dar unha información de calidade sobre o que pasa no mundo educativo”.
Como funciona o departamento de orientación?
Por outro lado, dende a AMPA encárganse do acollemento ás familias fóra do ámbito educativo. Ofréceselles un apoio mediante actividades extraescolares nas que se traballa a interculturalidade. De este xeito, reciben axuda á hora de salvagardar o benestar dos nenos e nenas. Segundo Bañobre Durán, este é o punto que máis “inflúe” para que todo “salga adiante”.
Mentres que nos anteriores cursos o profesorado do centro só recibía formación en inclusión e igualdade a través dos contratos-programa, este ano engadiuse a formación nas emocións. As actividades tamén van dirixidas ao alumnado, aparte do profesorado, como ben explica a orientadora Mercedes Carballal López: “Son nenos que veñen cunhas situacións moi adversas. Aquí temos en conta moito o tema emocional e necesitan o apoio dos seus novos compañeiros, polo que a acollida é fundamental”.
“Nós estamos cumprindo o obxectivo a nivel lexislativo (ORDE do 20 de febreiro de 2004 pola que se establecen as medidas de atención específica ó alumnado procedente do estranxeiro) e o plan de acollida do centro” afirma Mercedes. Ela é a encargada de facer unha valoración do nivel de competencias do recén incorporado a nivel curricular e dentro do Plan Xeral de Atención á Diversidade para decidir en que curso se lle escolariza. A continuación, establece as medidas para atender ao alumnado. Despois, determina que alumnos van a grupos de adquisición de linguas (traballo de léxico, semántica e sintáctica de maneira moi lúdica) ) ou de apoio e cales necesitan profesorado AL ou PT.
Ante a dificultade de organizar grupos de adquisición de linguas durante o trimestre por mor da COVID-19, os profesores AL son os encargados de axudarlles porque, en palabras da orientadora, “a linguaxe é fundamental para a inclusión”.
O departamento tamén se ocupa de contactar cos Servizos Sociais. Dun curso a outro xa se establece o alumnado que está levado por eles, polo que se mantén o contacto. “No caso de que un neno veña nunha situación de vulnerabilidade, temos o deber de actuar e poñernos en contacto cos Servizos Sociais”, afirma Mercedes.
A orientadora, porén, limítase a complementar a labor do profesorado, que é quen realmente guía a actividade educativa dos alumnos. A traxectoria do alumnado séguese constantemente mediante a acción titorial, as sesións de avaliación e os informes finais de curso e de ciclo.
A visión do alumnado
“Non hai ningún tipo de discriminación por parte de ningún profesor, dirección… Somos todos iguais”, afirma Mariam Khayrou á hora de falar do CEIP Apóstolo Santiago.
Mariam é unha moza de vinte anos de pais marroquís que naceu en Santiago de Compostela, igual que os seus cinco irmáns. Os seus pais chegaron a Galicia fai uns 35 anos, e pese a que o seu pai xa tiña familiares vivindo na zona, os comezos dos seus proxenitores foi duro.
Instalados no pequeno e familiar barrio de Sar, do que ela mesma resalta a súa “boa inclusión”, a pequena Mariam foi escolarizada na Colexiata de Santa María do Sar ata primeiro de primaria. Ao curso seguinte, cambiouse ao Apóstolo. “Ves de outro sitio, outra cultura, tradición, maneira de pensar… é diferente”, subraia Mariam.
Asegura que cando chegou ao centro e presentouse aos seus compañeiros, notou que a profesora marcara “certa distancia”. Iso activou unha especie de “alerta” ao resto de alumnos, porque ela era unha persona “nova e diferente”: “Insistiu moito en que viña doutro lugar e iso ao final faiche sentir incómoda”, asegura Mariam. De feito, recoñece que ás veces chamábanlle “morita” ou outros nomes moi desagradables.
Despois deste primeiro ano de dura adaptación, Mariam nunca máis volveu a ver a esta profesora que tan mal lle fixo sentir. “A partir do cambio de profesores foi todo moi ben, unha marabilla”, aclara. Non lle comentou nada aos seus pais respecto aos comentarios da súa profesora: “Ás veces, xa o tes como normalizado. Dinche esas cousas e non está mal visto. Eres ti a que ven de fóra e a que ten que aguantarse. Vaste acostumbrando”, declara Mariam.
Finalmente, eses nenos e nenas, que ao principio a rexeitaban pola influencia de esa profesora, acabaron aceptando como unha amiga: “Teño amistades coas que aínda me levo hoxe en día. Os profesores foron moi bos. Estiven como unha alumna máis”, comenta cun sorriso.
Mariam considera que o traballo do Apóstolo Santiago por dar a coñecer outras culturas foi clave neste aspecto: “Xente migrante vai haber sempre. A clave está en abrir a mente, respetar e coñecer”.
A interculturalidade na educación
“Falar de interculturalidade en termos educativos supón falar da necesidade de clarificar determinadas cuestións que teñen que ver na influencia da cultura en sociedades plurais”, explica Miguel Anxo Santos Rego.
O que realmente se busca é xerar un nivel elevado de sensibilidade (e dun certo grao de pedagoxía social) para que a xestión da diversidade contribúa a un benestar que pasa pola mellor convivencia entre todos. De este xeito, o intercambio e a conexión xeran proxectos. Precisamente, o CEIP Apóstolo Santiago é un exemplo de esta posta en práctica.
Volvendo á definición en si do termo, a interculturalidade é un concepto enormemente amplo e que necesita de certa concreción no marco da vida cotiá e, sobre todo, no da realidade global, pero tamén europea e española. “Fai alusión a unha concepción ideal da convivencia entre os seres humanos que están situados en coordenadas culturais e antropolóxicas diferentes”, sostén Santos Rego.
A relación entre culturas maioritarias e culturas minoritarias é a dialéctica da diversidade cultural. Neste caso, é destacable como o centro aproveita o amplo mapa cultural co que conta para conseguir unha comunicación bilateral que reforce a calidade de educación considerando a diferencia educativa como unha vantaxe.
Peza elaborada polo grupo S3D. Coordinación e revisión: Antonio Rico Álvarez; Redacción: Sandra Rey Méndez e Pablo Rodríguez Roldán; Documentación: Clara Rodríguez Rejes; Imaxes: Alba Rodríguez Pérez e Cristian Romero Rodríguez.
Un comentario en “CEIP Apóstolo Santiago: un camiño cara a escola inclusiva”