Río Lagares ao seu paso pola Avenida de Madrid. Fonte: elaboración propia.
Grupo S1C
“Non pode ser que se dea o río Lagares por un caso perdido, aceptar que sexa o sumidoiro da cidade e normalizar o seu estado deficiente perenne”, sentenza Miguel Leirós, da delegación de ADEGA en Vigo. O río Lagares, denominado antigamente río Sárdoma, é o principal curso fluvial de Vigo, a cidade máis poboada de Galicia. Durante moitos anos estivo entre os peores ríos galegos en relación á súa calidade.
O seu nacemento ten lugar na lagoa de Mol, localizada entre as parroquias de Cabral (Vigo) e de Vilar de Infesta (Redondela), preto do aeroporto de Vigo. Transcorre polas parroquias de Candeán, Lavadores, Sárdoma, Castrelos, Matamá e Santo André de Comesaña, ata a súa desembocadura na ría de Vigo, na praia de Samil. Algúns dos seus afluentes son o rego Cernade, en Candeán, o Eifonso, á altura de Sárdoma, e o Barxas, á altura de Castrelos.
Os últimos oito quilómetros do Lagares pódense percorrer a través dunha senda azul dende a Avenida de Madrid ata as marismas da Carrasqueira, na parroquia de Coruxo.
Mapa do río Lagares. Fonte: elaboración propia.
Senda do río Lagares. Fonte: elaboración propia.
A través deste paseo pódese comprobar directamente a contaminación presente no río Lagares. Para loitar pola súa mellora traballa a Asociación ADEGA a través da delegación en Vigo. Coordinan o Proxecto Ríos, que naceu no 2005 froito dun convenio coa asociación catalá Associació Hábitats. As persoas de cada ámbito local realizan inspeccións do estado dos ríos das súas localidades, como xa descubrimos no caso do río Lamas (A Fonsagrada) ou no río Sar (Santiago de Compostela).
Con estas actuacións que levan a cabo comprobaron que o estado do Lagares é deficiente. Sinalan que os últimos datos amosan niveis de nitratos algo elevados e niveis de osíxeno moi pobres. Miguel Leirós indica que “débese á existencia de verteduras que proveñen dos polígonos industriais que, de xeito incomprensíbel, aínda están situados nas marxes do río”.
Percorrido do río Lagares a carón do polígono de Miraflores, na estrada de Moledo (Vigo). Fonte: elaboración propia.
Apuntan que dende o Concello de Vigo o ano pasado presentaron un proxecto de ampliación e limpeza do paseo do Lagares nuns 17 quilómetros e a reforestación con 140 árbores. Dende ADEGA ven esta actuación como positiva, pero agardan que non quede soamente no superficial.
De nada vai servir para mellorar o estado do Lagares se esta actuación non vai acompañada dun plan real de protección do río e recuperación das marxes atendendo a criterios ecolóxicos, e iso implica a expropiación dos terreos de uso industrial e o desmantelamento das naves e fábricas que se atopan practicamente en riba do leito; o control, dunha vez por todas, das verteduras non reguladas e a eliminación das especies exóticas invasoras, coma a acacia negra, que xa ocupan extensións moi importantes do río.
Miguel Leirós, ADEGA Vigo
Árbore de acacia negra no río Lagares. Fonte: elaboración propia.
Ademais, existen outros problemas en relación ás augas residuais, para os que Miguel Leirós indica que a creación da EDAR de Coruxo supuxo un parche na súa deficiente xestión.
É preciso lembrar que as novas instalacións foron feitas despois dun ultimato da Unión Europea logo de anos da cidade estar na lista negra polo tratamento das súas augas residuais e, malia que foron anunciadas coma a solución definitiva ao problema, o certo é que continúan as verteduras que cada certo tempo son visíbeis no mar, en zonas coma Alcabre ou Teis
Miguel Leirós, ADEGA Vigo
Miguel Leirós di que nos últimos anos obsérvase certa melloría nalgúns parámetros, “pero non se pode falar en absoluto dunha recuperación”. Engade que observaron “como recentemente dende o concello, coa escusa de realizar unha “humanización” do paseo, foron feitas cortas e rozas bastante agresivas da vexetación”.
En relación á cidadanía, explican que deben ser conscientes “da importancia de recuperar un espazo natural coma o río Lagares para a cidade e a melloría na calidade de vida das persoas que isto suporía”. Consideran importante que a poboación esixa ao concello a recuperación eficiente e real do río: “facer presión para elaborar un plan ambicioso e que se deixe de mirar para outro lado cada vez que o río sofre unha agresión”.
Miguel Leirós indica que unha das actividades que realizan en ADEGA para o concienciación do coidado do río Lagares son as xornadas de limpeza. Nos últimos anos, a limpeza foi realizada polos socios e socias de ADEGA ou da Asociación Lagares Vivo, e no último ano pola Asociación Cultural Bidueiro.
Puidemos falar con Rosa Casal Tielas, presidenta da Asociación Cultural Bidueiro. Indícanos que esta asociación constituiuse no 2016 en Vigo cos obxectivos de “divulgar a cultura, conservar o patrimonio e protexer o medio ambiente, así como contribuír ás relacións sociais e interxeracionais”.
Rosa Casal considera que os ríos que atravesan zonas urbanas, como o Lagares, están moi descoidados e contaminados. No caso vigués indica que o tramo en mellor estado é o que se atopa máis próximo ao seu nacemento, e o resto presenta contaminantes de todo tipo.
A implantación nas últimas décadas, tanto dos centros de tratamento de augas residuais como a eliminación de vertedoiros incontrolados, mellorou en gran medida o alto nivel de contaminantes, se ben agora temos un problema grandísimo cos plásticos e vertidos incontrolados en polígonos ou granxas.
Rosal Casal, AC Bidueiro
Pneumático no fondo do río Lagares ao seu paso próximo ao parque de Castrelos. Fonte: elaboración propia.
Ao igual que sinalou Miguel Leirós, para cambiar esta preocupante situación, a involucración da poboación é fundamental. Rosal Casal di que “o Lagares é o río que representa a Vigo e aínda que nos últimos anos a concienciación das persoas e dos vigueses en particular sobre cuestións ambientais están a ter unha notable importancia, aínda queda moito camiño por percorrer, xa que ás veces non vemos ou non queremos ver o que temos diante da nosa casa, parécenos que ese é un problema que non nos afecta directamente e que xa virán outros a solucionalo”. Considera moi positivo que cada vez máis persoas, sobre todo novas, están implicadas na conservación ambiental.
Por este motivo, para aproximar á poboación os problemas existentes no río Lagares, presentes tamén noutros ríos galegos, realizamos unha campaña de concienciación no río Lagares colocando carteis no seu transcurso polo parque de Castrelos e na contorna do estadio municipal de Balaídos. Neles introducimos un código qr cunha ligazón ao sitio web do Observatorio Cidadán de Comunicación, así como varios consellos e recomendacións para o coidado do Lagares.
Un dos carteis colocados a carón do río Lagares no parque de Castrelos (Vigo). Fonte: elaboración propia.
Cartel colocado no transcurso do río Lagares polas proximidades do estadio de Balaídos (Vigo). Fonte: elaboración propia.
Outra actividade que realizamos foi unha mesa redonda sobre a contaminación dos ríos galegos xunto co grupo S3A (Produción e consumo responsables). Nela estiveron presentes Augas de Galicia, a Plataforma Pola Recuperación do Sar, o Concello de Ames e unha membro de Fridays for Future. Nesta xuntanza, Augas de Galicia recoñeceu que das 400 masas de auga galegas, un 77% están en bo estado segundo os parámetros e os indicadores evaluados no Plan Hidrolóxico. Con todo, dende a Plataforma do Río Sar, consideran que os IBMWP (indicadores biolóxicos para ríos) están descalibrados para Galicia, xa que sobreestiman a calidade das augas nalgúns casos. Outros participantes opinan que na realidade os ríos contan con numerosos problemas nos que a principal causa é a acción humana. Porén, consideran que a implicación e concienciación cidadá e institucional é fundamental.
Co río Lagares rematamos o noso percorrido fluvial, e chegamos ás rías galegas. Nas dúas vindeiras publicacións trataremos a contaminación presente nelas xunto a persoas e asociacións coñecedoras da súa situación.
Boas rapazas/es!! Moi boa publi!! E que razón o que comentaba unha das vosas fontes sobre a importancia da presión por parte da cidadanía para que se leven a cabo plans máis ambiciosos para paliar estes problemas. Mais ás veces penso que non se nos escoita. Eu vivo ao lado do río Tambre e en concreto ao carón da praia fluvial de Tapia e durante quince días, en dúas ocasións, pecháronnos a praia polo mal estado das augas. Collían mostras da auga para examinar e nunca nos transmitiron á veciñanza que ocorría no río. De feito, nin se quera cando se notificaba de novo a apertura ao baño. Non sabíamos nada. Non se nos dicía que conlevara que o río estivese así, algo que nos xeraba desconfianza para bañarnos de novo.
Moitas persoas vémonos afectadas por este problema (bañistas, deportistas acuáticos) e ás veces isto esquécese. Non sei como se viu persoalmente afectada a veciñanza destes ríos que tratades na publicación; pero penso que é algo que lles pode afectar. Entendo o que proclama ADEGA con buscar esa presión da poboación para que se coiden os ríos, mais sabedes se xa o fixeron pero son silenciados coma o caso da miña zona? Sabemos algo de como afecta persoalmente a contaminación destes ríos da vosa publicación á súa veciñanza?
Un saúdo e moi ánimo!!!!!!
GústameGústame
Ola, Paula! Moitas grazas polo teu comentario!
Neste caso do río Lagares tanto ADEGA, como a Asociación Bidueiro, como a Asociación Lagares Vivo (coa que non conseguimos contactar) realizan en ocasións denuncias das verteduras que teñen lugar no río, pero descoñecemos se algúns deles viven preto do mesmo. Ademais, como sinalaron os membros de Lagares Vivo nalgunhas entrevistas anteriores, a maior parte das veces os vertidos que aparecen no río non son investigados e non se coñece exactamente de onde proveñen, aínda que a maioría son das fábricas. Polo tanto, moito menos as autoridades lle piden ás industrias que rendan contas polos residuos que verten.
O que si afecta de forma máis directa á veciñanza da contorna do río Lagares son as inundacións que teñen lugar a miúdo na zona. Durante boa parte do percorrido do río, as casas, as fábricas ou o mesmo estadio de Balaídos acaban anegados cando se producen grandes chuvias, xa que están situados practicamente enriba do leito fluvial. Polo tanto, a contaminación que poida estar presente no Lagares nese momento acaba tamén nas rúas e nas vivendas. Sería importante para o futuro que non se construira tan preto do río e respectaran o seu curso natural.
Saúdos e moitas grazas!
GústameGústame