A migración no noso país ten unha cara oculta: a que viven as persoas que comunmente son coñecidas como “persoas ilegais”, pero sen ir máis lonxe da realidade non son máis que xente que busca unha nova oportunidade no noso país sen posibilidade de acceder seguindo os protocolos establecidos. Están condenados a vivir case na marxinalidade, privados de moitos dereitos esenciais e sen apenas protección. As persoas en situación irregular son o lado escuro da migración, a súa voz tamén conta e as súas experiencia narran como é vivir na nosa comunidade sendo, practicamente, invisibles.
Nós quixemos coñecer esta experiencia da man dunha muller que viviu en situación irregular no noso país durante un tempo. Ela é Fátima, que prefire non dar os seus apelidos, naceu en México en 1975 e chegou a España en 2016 logo de que a súa familia a abandonase. Trataba de buscar unha vida mellor e, como así se define no seu país, “lograr o soño europeo”.
—Como era a súa vida antes de chegar a España?
Nacín na cidade de Mérida, Iucatán, México. Teño catro irmáns e eu son a maior. A miña infancia foi un pouco difícil, veño dunha familia de clase baixa: a miña nai era ama de casa e o meu pai traballaba moi pouco porque non conseguía emprego. Estudei ata a secundaria e aos 18 tiven que marchar da casa. Formei unha familia, pero ós 26 deixoume de lado.
—Por que decidiu emigrar a España? Que razóns a levaron a abandonar o seu país? Como chegou?
A miña primeira opción foi Francia, pero tiven unha mala experiencia e entón emigrei a España. En México, as mulleres non temos apoio para os temas de divorcio e cando cheguei a este país aínda seguía casada co que agora é o meu ex-marido. Emigrei para traballar, aforrar e poder separarme definitivamente.
— Como foron os seus primeiros meses no país?
Cheguei en agosto e atopei o meu primeiro traballo de limpeza nunha panadería. Cobraba 20 euros ao día e traballaba 9 ou 10 horas. Estiven catro meses traballando aí ata que me saíu outro emprego limpando pratos e cociña. Tamén me pagaban 20 euros ao día pero o trato era mellor. Eses primeiros meses quedei na casa cunha amiga que emigrara a España dous anos antes, por iso escollín Galiza. Tiven moita sorte porque eu soa non podería pagarme un alugueiro e sen contrato legal de traballo as inmobiliarias ou particulares non perden o tempo en ensinarche unha vivenda, non confían en ti.
Quero explicar que eu en todo momento tentei e fixen todo o que estivo na miña man para poder quedarme legalmente no país, pero estranxeiría non me axudou o máis mínimo. Antes de que pasasen os 90 días que permite o Estado quedar no país, eu atopei un traballo que me quería contratar legalmente pero necesitaba moitos papeis para iso e estranxeiría nunca mos proporcionou. Só sería legal se me casaba, e foi o que fixen despois de vivir 4 anos sendo ilegal.
—Como a acolleu a xente cando chegou a España?
Por sorte tiven unha acollida cálida na súa maioría. Facíanme o típicos chistes dos mexicanos sobre narcotráfico ou prostitución e ao principio molestábanme, pero agora xa estou acostumada. Coñecín xente moi boa que, cando non tiña para comer, convidábame e presentábame aos seus amigos. Aí si me sentía arroupada e dábanme forzas para seguir.
—Sentiuse desamparada ou rexeitada polas institucións xurídicas ou corpos do estado?
Si, si que o notaba. Pero sobre todo tiña medo de que a policía descubrira a miña situación de irregularidade e, a vez, temía non poder pedir axuda se algo me acontecía no país.
—Como foi o seu acceso á sanidade durante os catro anos que estivo en situación de irregularidade?
No segundo traballo, limpando a cociña dun restaurante, lesionei a man. Non tiven ningunha atención médica, negáronma tres veces en urxencias. Dixéronme que non me podían atender e non podía permitirme ir a un médico privado, entón os meus compañeiros de traballo dábanme pastillas para a dor e así poder seguir traballando.
É difícil, porque non tes papeis e tes que axustarte ao que veña, pero aínda así considerei que era peor volver ao meu país.
— Sentiu que ao ser muller era máis complicada a súa situación como inmigrante?
Por desgraza, si. Teño algunhas experiencias, coma cando cheguei ao aeroporto de Madrid e me detiveron durante case 24 horas: unha, por non ter carta de invitación e dúas, porque pensaron que ía exercer a prostitución. Noutras ocasións, algúns dos meus xefes chegaron a ofrecerme comida a cambio de traballos sexuais e non puiden denuncialo para non perder o traballo.
—Despois de todo o vivido neste país, quédalle algo por facer para completar ese obxectivo de ter unha vida mellor?
Poder traer ao meu fillo aquí; é difícil porque necesito facerlle unha carta de invitación para que pase a ser a miña responsabilidade e é unha cantidade de cartos da que non dispoño. Ata que me suban o soldo non vou poder acadar o esixido por estranxeiría.
Entrevista feita por Sara Vera Fernández.
Edición e corrección feita por Sabrina Pérez López e Adriana Quesada Ogando.