“Nunca tiven problema porque cando eu me viñen xa tiña un contrato de traballo”, explica Mercedes Medo, unha migrante que leva no noso país dende o 2007. Chegou a España grazas a un contrato de traballo que unha amiga lle conseguiu como coidadora nunha residencia. Cos papeis para traballar, non dubidou en coller un avión e deixar a súa familia en Ecuador. Coma ela son moitas as persoas que chegan cada ano ó noso país. Concretamente, no ano 2021, estímase que existiu unha baixada do fluxo da migración dun 28.53%. Pero, a pesar deste descenso, das 2.7 millóns de personas que hai en Galicia, 7.900 son inmigrantes asentados na comunidade. Isto obríganos a preguntarnos como debería ser a situación destas persoas dende o punto de vista xurídico atendendo ás testemuñas que recollemos en publicacións anteriores: cales son os seus dereitos?
En publicacións anteriores as experiencias de distintas persoas migrantes deixaban claro que existe unha gran desigualdade entre eles e os cidadáns españois. Testemuñas coma a de Fátima, que se viu na obriga de entrar e vivir no país sen papeis, amosan que hai unha problemática trala inmigración.
Temos que ter claro que a maior parte das veces, cando estas persoas estranxeiras chegan ao noso páis, fano buscando mellores condicións de vida debido a que seus países están en crise, nun conflicto ou en perigo. Pero, para poder estar en España de forma regulada, é preciso ter un contrato de traballo, un permiso de residencia ou a propia nacionalidade. Así que moitos aventúranse nesta tarefa legal que adoita ser complicada e irregular.
Segundo o país do que veñan deben someterse a distintos procedementos para poder ter os mesmos dereitos que os españois de nacemento. As persoas procedentes de Hispanoamérica, lugar ó que pertencen tódalas nosas fontes, precisan ter estado ao menos dous anos de xeito legal no país e logo someterse a un exame. Non obstante, tamén se pode obter adquirindo unha propiedade de determinado valor ou a través do matrimonio, coma sucedeu no caso de Fátima e segundo nos conta Lola Caramés, concelleira de En Marea en Noia. Outro xeito de poder gozar de regularidade é a través do permiso de residencia, para o que estas persoas deben ter un contrato de traballo en España. Deste xeito poden gozar de certos privilexios: como o voto nas eleccións locais ou o acceso á sanidade.
Estamos acostumados a crer que a nosa comunidade é un lugar seguro, xa que non somos capaces de velo dende a perspectiva das persoas foráneas. Segundo relata o avogado José Antonio López Fernández, “o noso país non é o máis favorecedor co inmigrante” aínda que si asegura que da certas garantías que outros Estados non ofrecen a estas persoas. Por outro lado, Lola Caramés cre que, aínda que o Estado cobre as necesidade mínimas, “non se lles dá o trato digno que debería recibir calquera ser humano”.
Igualmente, as políticas e os seus dereitos tenden a respetarse na maioría das situacións, incluso cando se trata de inmigrantes nunha situación irregular, sen ter en conta accións coma as “expulsións en quente” (que son algo moi criticado e pouco común). Ademáis, nalgúns casos especiais como o das mulleres que están de xeito “ilegal”, pero que denuncian sufrir violencia de xénero, o Estado español ofrécedelles protección sen ter en conta a situación de irregularidade. A pesar disto, son moitas as persoas nesta situación que teñen medo as autoridades e prefiren non denunciar o que lles acontece por medo a ser expulsados.
Non obstante, o trato social deixa moito que desexar. A integración das persoas migrantes vese moitas veces dificultada polo trato que reciben da sociedade do país. Incluso partidos políticos, como é o caso de Vox, arremeten contra este colectivo. Isto viuse no 2018, cando expresaron o seu desexo de expulsar a 52.000 inmigrantes. Ademais, promoven políticas moi radicais que criminalizan aos migrantes culpándoos de violacións ou outro tipo de delitos.
No fondo o que se agocha nos discursos discriminatorios e na falta de acción social é a aporofobia que, máis que o medo cara o inmigrante, é o medo a súa situación precaria. O avogado antes citado ilustra isto cun exemplo sinxelo: a ningúen lle importa que Iñaki Williams sexa xogador da Selección Española, a pesar de que seus pais saltaron o balado de Ceuta de xeito ilegal ou que a súa cor de pel sexa negra. Isto débese a súa boa posición económica e social, que non é vista como unha ameaza para o resto da poboación.
Tamén é común escoitar no noso día a día mitos ou falacias arredor dos migrantes que denigran a súa imaxe, pero que nada teñen que ver coa realidade. Unha das frases que máis se adoita escoitar é que “só están aquí para enviar os cartos ao seu país”, pero o certo é que segundo os últimos datos de UGT os inmigrantes aportan á seguridade social o 10% das cotizacións, mentres que só consomen o 1% en pensións. Isto demostra que hai unha a falta de verificación e contraste da información que leva, moitas veces, á extensión de bulos que prexudican aos migrantes.
Todos estes baleiros xurídicos e a falta de resposta por parte da sociedade tamén poden ser apreciados no ámbito laboral. A asociación AMIGA conta como as persoas migrantes, sobre todo as que están nunha situación irregular, sofren abusos por parte dos empresarios. En moitas ocasións mantéñenos sen contrato nin seguro e agóchanos en busca de que as inspeccións de traballo non se decaten desta realidade.
Por outra banda o ámbito sanitario cobra maior imortancia para as persoas en situación irregular e non hai un consenso claro arredor del nas políticas migratorias, por iso as as experiencias de cadaquén son moi diversas. Fátima contábanos que mentres estivo en situación irregular negáronlle a atención médica en urxencias. Non obstante, segundo nos achegan dende a asociación AMIGA, as persoas “ilegais” poden ser atendidas en caso de extrema urxencia ou obtendo unha tarxeta sanitaria por medio de ONGs como Cruz Vermella. Igualmente, en caso de que algunha destas persoas sufrira un accidente laboral o feito de non ter contrato podería complicar a súa situación. Por unha banda, José López asegura que a empresa cargaría coas consecuencias por non dala de alta na seguridade social. Pero por outra, a asociación AMIGA asegura que “se ti non tes os documentos non vas poder dicir que tiveches un accidente laboral, polo que a empresa non cubriría nada diso”.
A situación das persoas migrantes en Galicia ten unha regulación básica, pero aínda queda moito por avanzar. Lola Caramés ve preciso “lexislar para quen queira vir o faga nas mellores condicións e non xogándose a vida para que, por riba, o reciban case a paus”. Polo que, por moito que queiramos pensar que “Galicia protexe e axuda o inmigrante” temos que decatarnos de que isto non é realista e que hai moito polo que loitar. O inmigrante non é o inimigo, senón que é un inocente que fuxe dunha situación de perigo e risco.
Redacción e edición feita por Sabrina Pérez e Adriana Quesada.