Dous percebeiros faenan nas rochas de Lira, na Costa da Morte

Furtivismo na Costa da Morte

S2A

“A pesca furtiva inflúe a todos os niveis, non so á pesca profesional. Falamos de especies vetadas, de tamaño ilegal, da pesca de recreo encuberta ou de superar os 5 quilos para consumo propio, que acaban no mercado, aumentando a oferta de produtos, o que provoca unha baixada de prezos e unha competencia totalmente desleal.”, di José Manuel Martinez, Patrón Maior da confraría de Fisterra.

A pesca furtiva afecta a toda a costa galega, tanto ás rías baixas como á costa da Coruña. A Costa da Morte sofre a presenza de numerosos pescadores furtivos que, baixo o disfrace de afeccionados á pesca, se dedican a sacar decenas de quilos de cefalópodos e outras especies para a súa posterior comercialización fraudulenta en restaurantes. A Xunta, a través da Consellería do Mar e de Portos de Galicia, pretende dar cumprimento á prohibición desta práctica deportiva. Moitos dos lugares afectados contan con paneis informando das prohibicións, aínda que algúns foron arrincados, como é o caso do de Muxía.

Panel alertando sobre a prohibición de mariscar

Panel alertando sobre a prohibición de mariscar / Alba Tomé. Público

Nacho Castro, Patrón Maior da confraría de Muxía, comenta a falta de pesca furtiva no referente a especies mariñas capturadas no mar, xa que están sometidas a cotas de pesca. “Hai furtivismo nos recursos específicos, no marisqueo: por exemplo en especies como percebes, navallas ou ourizos”, destacaba Castro. As incautacións de marisco procedente do furtivismo no litoral galego aumentan ano tras ano e consolídanse como un problema xeral da pesca galega. No 2017, as autoridades elevaron tramitadas 3.600 denuncias coa correspondente incautación de 175.000 quilos de pescado e marisco, cifras que superan en máis do dobre ás do ano anterior.

Mariscadores furtivos faenan nas Rías Altas

Mariscadores furtivos faenan nas Rías Altas / Víctor Echave. La Voz de Galicia

“A maior parte deste furtivismo é interno, é dicir, son os mariscadores das propias confrarías que capturan exceso de cota. Hai que diferenciar furtivismo interno, o dos propios mariscadores, do furtivismo externo. En porcentaxe podería dicirse que un 95% é interno”, precisa Nacho Castro. Pola súa parte, José Manuel Martinez, Patrón Maior da confraría de Fisterra, comparte esta indignación e expón o caso da pesca profesional que non utiliza as canles establecidas de comercialización.

Por outro lado, o fisterrán tamén comenta sorprendido o uso de novas tecnoloxías por certos pescadores furtivos: “recordo unha anécdota sobre un furtivo que viña a extraer percebe cun submarino portátil”. Esta noticia foi moi comentada polo mecanismo de propulsión que lle permitía ao buzo desprazarse con maior rapidez e somerxerse a maior profundidade.

Martínez denuncia tamén a captura de especies protexidas: “se traes especies ovadas, obviamente xa non se van reproducir, o furtivismo afecta á supervivencia das especies”. Existen moitos exemplos de capturas ilegais de especies prohibidas nas Rías Altas, datos alarmantes como os 180KG de cigala ilegal incautados nesta zona, e que fan temer pola supervivencia destas clases de peixes.

Ante esta dificultade á que se enfronta a pesca galega é necesario un control potente destes delitos. As confrarías de Muxía e Fisterra non contan con recursos propios para loitar contra o furtivismo, polo que dependen das autoridades. “As tarefas de control son realizadas por gardacostas mariños que están a disposición das confrarías de pescadores. Estes gardas traballan conxuntamente co Servizo de Gardacostas de Galicia e, en ocasións, coa Policía Autonómica”, indica o Patrón Maior da confraría de Muxía. A confraría de Fisterra segue a mesma liña, non contan con persoal de vixilancia, polo que esas labores son realizadas polo Servizo de Gardacostas da Xunta, a Garda Civil e os inspectores comunitarios que actúan de acordo á lexislación vixente.

Un axente vixía a Costa de Fisterra

Un axente vixía a Costa de Fisterra / El Progreso

Sumado ao control do furtivismo, outra das técnicas para previr a sobrepesca e garantir a supervivencia das especies, son as cotas de pesca. Con todo, estas son obxecto de controversia. “As cotas son irrisorias. Dende fai xa moitos anos a frota de palangre desta confraría esgota a cota de pescada no primeiro trimestre. A cota son 8.000 quilos anuais por buque, buques normalmente de vinte metros ou máis e con oito traballadores a bordo. As cotas obedecen a intereses económicos dos lobbies en Bruxelas e están tremendamente mal repartidas. Non se teñen en conta aspectos socioeconómicos. É un desastre. Volvendo ao exemplo anterior, os países nórdicos teñen máis cotas de pescada que o noso, e eles non teñen frota. Utilizan a cota para especular”, di o Patrón Maior da confraría de Muxía, Nacho Castro. O mesmo admiten dende Fisterra, denuncian que nalgunhas especies as cotas contan con moi pouca cantidade.

Para finalizar, ambos patróns avogan pola pesca artesanal. “Dende Europa impónsenos un modelo mercantilista da pesca (compra cota para sobrevivir). Todas estas cotas, na súa maioría, rematan en poder de grandes grupos pesqueiros, ou acábase comerciando coas mesmas. Se queremos que a pesca sexa sostible, obrigatoriamente temos que desmercantilizar este sector, o que suporía a eliminación da pesca industrial, para volver ás prácticas sostibles como a pesca artesanal”, revindica Nacho Castro, Patrón Maior da confraría de Muxía.

Paloma Luciarte (entrevista), Sara Marón (documentación), Sara Méndez (edición), Uxía Osorio (redacción), Diego Otero (coordinación), Laura Paz (entrevista e edición).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.