A aparición e propagación da COVID-19 afectou a todos os ámbitos da sociedade e, para a magnitude da crise humanitaria, engadiuse unha interrupción económica xeneralizada. Para analizar a situación económica en España trala Covid-19, imos falar con Roberto Bande e Gonzalo Rodríguez, profesores de economía.
Segundo Roberto Bande, decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo e experto en economía laboral, o teletraballo é unha nova modalidade que se vai ir consolidando no mercado laboral. Para as empresas o teletraballo é un beneficio, xa que poden reducir os custos fixos asociados aos postos de traballo, mais tamén supón un risco, xa que a maior parte da produtividade relaciónase coa interacción dos traballadores. Todo isto vai depender do sector, do tipo de empresa e do tipo de traballo, pero o teletraballo chegou para quedarse.
En España, máis do 13% dos traballadores realiza actividades co sector do turismo, algo que ten os seus riscos, xa que calquera tipo de “perturbación” que reduza a visita de turistas vai impactar no conxunto debido a que o turismo afecta a outros sectores. A pandemia vai pasar, polo que os turistas volverán, mais hai que decidir entre turismo de cantidade ou de calidade. E precisamente, segundo Roberto Bande, este é o momento indicado para facer un cambio de modelo, un cambio ben meditado e planificado, xa que, de non facelo ben, podería xerar efectos negativos.
Outro cambio importante que se debería facer na economía española é no sector terciario. Roberto Bande considera que houbo un retraso na adaptación das novas tecnoloxía dentro do mercado, así coma o retraso da transición enerxético cara un modelo máis sostible, etc. Nesta situación de “stop and go” que nos ofrece esta pandemia, debemos aproveitar as axudas europeas co fondo de recuperación para poder modernizar a nosa economía e afrontar o “retrasado cambio de modelo produtivo”.
Nestes tempos de pandemia, os baixos salarios son un dos principais problemas aos que se enfrontan os traballadores. A produtividade é moi reducida debido a pouca modernización dos procesos produtivos. Outro problema son as institucións do mercado de traballo, que son moi ríxidas. Por exemplo, un número excesivo de tipos de contrato favorece á precariedade a través da temporalidade.
Aínda que a que máis sofre é a xente nova. Non pode aspirar a salarios dignos cos que poder comezar un proxecto de vida. Isto retrasa decisións como as de ter fillos e agrava así o problema demográfico que levamos arrastrando dende fai anos. Roberto Bande aposta porque as empresas aumenten a produtividade e facerlles ver que “investir en traballadores é rentable”.
A previsión dunha gran crise económica trala pandemia non é algo que lle preocupe moito a Bande. Segundo el explica, vaise superar xa que o final da pandemia reactivará a economía. Está máis preocupado pola crise política que estamos a vivir e que deriva cara os extremos, cousa que non favorece ao crecemento económico.
Segundo o Goberno, o crecemento económico deste ano está cifrado nun 6,6%, cifra coa que Bande está dacordo, xa que a reactivación da actividade económica vai supoñer un forte aumento do PIB. O problema é se dito crecemento vai ser sostido no tempo ou non. Dende o Goberno tamén se puxo sobre a mesa o “plus” aos traballadores que retrasen a súa xubilación, medida que sería favorable a curto prazo para a baixada de custos de pensións. Segundo Roberto Bande, hai unha preocupación ao haber máis traballadores que non se xubilan, xa que haberá menos oportunidade para os que queren incorporarse ao mercado laboral. A resposta de Bande a este problema é un rotundo non, xa que este argumento baséase na cantidade de traballo fixo, o cal non é certo. Se somos capaces de medrar, todos os traballadores que retrasen a súa xubilación terán un sitio, igual que as persoas que se queiran incorporar ao mercado laboral.
Gonzalo Rodríguez, ao igual que Roberto Bande, opina que o teletraballo vai ser máis frecuente, mais non todos o traballos poden facer uso desta nova ferramenta. Non imos ter un mercado laboral baseado no teletraballo. Hai unha serie de traballos que son esencialmente presenciais como os sanitarios, a educación primaria, os transportes ou a seguridade, polo que o alcance do teletraballo está limitado. Ao mesmo tempo hai que ter en conta que somos animais sociais, polo que poden xurdir unha serie de problemas de produtividade.
Segundo Gonzalo Rodríguez, a gran dependencia que ten España co turismo vai facer que a crise que nos vai golpear sexa maior que noutros países por varias razóns. Unha delas son as restricións de mobilidade. Non poden vir turistas estranxeiros e nós recibimos máis de 80 millóns de turistas internacionais cada ano. Este impacto vai ser moi significativo. Outra das razóns é que o “turismo está definido pola precariedade”.
O problema que ve Rodríguez co sector terciario é que a nosa economía está baseada na estrutura que se fixo a finais da ditadura, polo que o paso a sectores máis actuais é insuficiente. A nosa economía depende de tres grandes sectores: o turístico, o automóbil e o da construción. Os problemas neste sector son anteriores a esta crise que, de non facerse ben, poden agravalos.
Agora mesmo, segundo Gonzalo Rodríguez, o principal problema ao que se enfrontan os traballadores é a desaparición de emprego. Cada vez hai menos traballos, que ademais están nun mercado laboral incentivado pola baixada do valor salarial. Estanse a dar incentivos ou estanse producindo orientacións inadecuadas ao mercado laboral español. Mais hai un problema xeral: o dominio do financeiro sobre a economía. O diñeiro é utilizado para producir máis diñeiro, xira en torno dunha esfera financeira, retirándose diñeiro da produción e do consumo, acentuando así, aínda máis, a falta de postos de traballo.
Gonzalo Rodríguez opina que hai un exceso de predición en canto a unha futura crise económica pola Covid-19. Segundo explica, non hai tantos factores para unha crise como a do 2008 xa que as familias están aforrando cartos. A recuperación económica non vai ser rápida, pero esta crise non vai ser tan profunda. Apunta a un posible problema: non saber onde está o límite da expansión cuantitativa que están a defender os bancos centrais. Moi probablemente, asegura Rodríguez, ao superar a recuperación inicial, entraremos nunha etapa de estancamento económico similar ao que sufriu Xapón nos anos 90.
En canto ao plus aos traballadores que atrasen a súa xubilación, Gonzalo Rodríguez opina que é “necesario mirar as cousas noutra dirección”. Un exemplo que nos ofrece é a través da renda básica universal, que conleva una maior contribución do máis ricos aos que seguramente sexa necesario subirlle os impostos, recuperar o pacto social no que as empresas e ricos contribúan á sostibilidade da economía e establecer unha renda básica universal. Todo isto non é só para garantir a cobertura de necesidade e dereitos básicos, senón que tamén como colchón para emprender, ter seguridade e confianza.
O Goberno tamén fala dun crecemento económico do 6,6%, un crecemento que, segundo Gonzalo Rodríguez, é probable que vexamos un repunte significativo da actividade, sobre todo un repunte interanual. O problema plantéxase a medio prazo en cales son as condicións para o crecemento e se finalmente entramos nunha estapa de estancamento económico, como xa mencionou anteriormente.
Aarón González Fernández e Alba López Buján (fontes), Marta García Pérez e Andrea López Ramos (edición e fotos), Marta Penedo Custodio (revisión ortográfica e formal, edición)
Un comentario en “O futuro económico tras a pandemia”