A intelixencia emocional, clave na educación das persoas con discapacidade

Un orientador, a nai dunha moza con discapacidade, unha pedagoga e unha psicóloga coinciden na necesidade de potenciar a educación emocional ao longo de todo o proceso educativo, algo moi positivo para as persoas con discapacidade

GRUPO S1E

Unha das grandes carencias do sistema educativo é a falta de educación emocional ao longo das etapas do mesmo, un aspecto de grande importancia para o alumnado en xeral e, en particular, para o alumnado con discapacidade. Garantir o acceso das persoas con discapacidade á educación emocional supón unha necesidade importante para autorgar as ferramentas que lles permitan xestionar as súas relacións sociais e a súa vida máis alá da escola. Para mostrar a relevancia que a educación emocional ten no desenvolvemento persoal deste alumnado compartimos a voz de varias persoas que coñecen ben o eido educativo e as súas carencias neste sentido.   

Rita Iglesias, nai dunha rapaza coa enfermidade de Lejeune e profesora de infantil, pensa que potenciar a educación emocional das persoas con discapacidade é fundamental para avanzar cara unha “sociedade máis xusta e equitativa”. Considera que durante toda a etapa educativa se deberían potenciar outros contidos máis alá dos académicos para preparar ás persoas para a vida adulta. Isto é algo que, segundo ela, debe facerse de xeito individualizado e adaptado e que debe servir para promover a aprendizaxe das competencias que leven a este alumnado a seren autónomos, a participar en comunidade e a xestionar as súas relacións interpersoais.

E é así, de xeito personalizado, como traballan no CEE Juan XXIII. Alí realizan programacións individualizadas e cada dous anos son revisadas para adaptarse ás novas necesidades que xorden nestas persoas. Fano cun ratio de 5 alumnos por docente, o que permite un contacto moi directo coa profesora. “É importante que saiban xestionar emocións desagradables e traballar o autocontrol e a autorregulación”, asegura Sara Diego, psicóloga no centro. Ela pensa que as habilidades sociais son “fundamentais” para que aprendan a relacionarse e para iso desenvolven actividades conxuntas con outros centros educativos inclusivos. Ademais, contan cun piso tutelado onde as rapazas e rapaces se xuntan en determinadas ocasións co obxectivo de “gañar autonomía” manexando o diñeiro, o seu tempo de lecer e demais actividades da vida cotiá.

Porén, aínda queda moito que facer e, recuperando o debate entre educación especial ou inclusiva, Rita asevera que nas escolas especiais si se valora este tipo de aprendizaxe pero que o illamento do alumnado con discapacidade respecto do resto fai que non teña “repercusión a nivel social”. Nesa liña, José A. Sarmiento, orientador educativo, considera que a intelixencia emocional é unha carencia en toda a comunidade educativa, non só entre as persoas con discapacidade. “Ao alumnado fáltanlle recursos para enfrontarse á vida no espazo público”, asegura, lamentando que, tendo en conta a súa experiencia, o obxectivo de plena inclusión marcado pola ONU para 2030 é “imposible de acadar”.

Para avanzar neste sentido faise necesario potenciar os recursos materiais e humanos. Neste senso, a figura da atención psicolóxica en centros ordinarios convértese en fundamental para impulsar a inclusión e a educación emocional. Por iso preocupa que non todos os centros ordinarios conten con este servizo e que o ratio de psicólogos por alumnado está moi por debaixo do preciso. 

Máis alá dos centros educativos, expertos e familias inciden na necesidade de promover a educación emocional e social máis alá da etapa educativa. “A onde van algunhas persoas (con discapacidade) cando rematan a escola aos 21 anos?”, cuestiónase Rita. Ela pensa que se deberían establecer máis centros de día públicos para continuar formando emocionalmente ás persoas e favorecer a conciliación das familias. Neste sentido, considera que os horarios destes centros deberan ampliarse para permitir que esa aposta pola conciliación sexa verdadeiramente efectiva. Rita considera que deberían levarse a cabo tamén talleres para “que se poidan integrar no mundo laboral”, algo para o que son precisos recursos e preparación. 

Exemplo dalgunha iniciativa que se está a levar a cabo nese sentido é o modelo “coop-housing” desenvolvido pola Asociación San Xerome, na Guarda (Pontevedra), baseado na construción de vivendas para persoas con discapacidade. Propoñen que sexan copropietarios dos seus fogares ao mesmo tempo que dende a asociación lles facilitan diferentes recursos como a atención especializada que precisan. 

En definitiva, todas as visións que compartimos falan de que a educación en intelixencia emocional é esencial nas etapas escolares de todo o alumnado pero, se cabe, de xeito especialmente salientable entre as persoas con discapacidade; esta é a que lles permitirá desenvolver as capacidades precisas para lograr a plena inclusión na vida adulta. Ademais, esa educación emocional debe servir tamén para que o alumnado sen discapacidade sexa quen de convivir coas persoas con discapacidade e empatizar con elas, avanzando así cara unha sociedade máis xusta e igualitaria. 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.