Cada vez que unha escola pecha deixa unha especie de baleiro nas vidas dos rapaces e rapazas escolarizados nela, pero o que verdadeiramente queda baleiro é o propio colexio. Esas catro paredes que antes acollían ao alumnado agora carecen de sentido, deixan de servir á súa función.
Só hai dúas opcións de futuro para esas vellas escolas: darlles un novo uso ou abandonalas á súa sorte. Nos últimos 15 anos en Galicia pecharon máis de 200 unitarias, que se suman a tódalas anteriores que foran quedando en desuso, dando como resultado centos de edificios exentos de utilidade. Segundo a Encuesta de Infraestructuras y Equipamientos Locales do Ministerio de Hacienda, de entre os edificios públicos sen uso en Galicia, hai máis de medio millar de antigas unitarias que caeron no olvido e permanecen sen uso e desatendidas. Moitas destas construcións foron deteriorándose co paso do tempo, sen que ninguén mirara por elas, agravado polos actos vandálicos.
Afortunadamente non todas corren a mesma sorte, nalgúns casos dótanse dunha nova función. No momento en que se lle bota o peche a unha unitaria, habitualmente, o local pasa a pertencer ao Concello, que deberá encargarse da súa xestión e mantemento. É o caso da Escola de Campos, en Teo. Tras o fechamento do centro escolar no curso 2010-2011, o grupo de goberno de Teo solicitou desafectar a escola, de maneira que o inmoble deixaría de ter uso educativo e os veciños e veciñas poderían utilizalo para actividades de tipo cultural e social. Mayte Argibay, a concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo, asegura que actualmente no seu municipio existe unha normativa municipal que regula o uso destes locais, de maneira que “todos los locales municipales pueden ser utilizados para actividades organizadas por el Concello, por las asociaciones y por los particulares”.
Antiga casa da escola de Campos
Xa hai dez anos dende que tomaron esta decisión, e, durante esta década, Mayte Argibay cóntanos que a planta superior da antiga casa da Escola de Campos serviu de sala de ensaio da Banda de Teo, ademais de desenvolverse no primeiro andar actividades organizadas pola asociación de veciños. A concelleira engade que “también se ceden para la celebración de cumpleaños y otros eventos que se soliciten, siempre previa petición al Concello”, remarcando a posibilidade de que calquera veciño ou veciña poida facer uso deste ben inmoble público. Con todo, a pandemia mudou este servizo, paralizando o emprego da antiga unitaria: “a día de hoy, y debido a la pandemia, no tiene uso, como ninguno de los locales municipales de uso cultural y vecinal”, afirma a concelleira.
No Concello de Teo, Mayte Argibay afirma que están revisando todos os locais e procederán a remodelar aqueles que teñen máis uso, confirmando a importancia de conservar estes edificios nun estado óptimo, algo que depende do labor do Concello. Por exemplo, na que o seu día foi a Escola de Campos procedeuse a retirar o parque infantil ubicado dentro do recinto, coa intención de evitar danos aos usuarios, “respecto a los objetos que se retiraron de este parque, si estaban deteriorados, que es lo más probable, o no cumplían la normativa, se tiraron”, en palabras da propia concelleira.
O Concello non é sempre o primeiro en preocuparse acerca do aproveitamento dunha antiga casa da escola que corre perigo de abandono tras o seu peche. No 2019, parte da veciñanza de Boaña de Arriba, unha aldea de Castriz (Santa Comba), decidiu fundar a Asociación Castro de Boaña tan pronto como se enteraron do fechamento da unitaria que acollera ós nenos e nenas do lugar durante décadas. Contactamos coa presidenta da agrupación, María José Calvo Álvarez, quen nos aclarou os obxectivos fundamentais da mesma: “decidimos crear a asociación para aproveitar o local e poder unir un pouco a veciñanza, facendo actividades para os nenos e nenas e intentar que os maiores tamén participasen”. Asegura que, sen a Asociación Castro de Boaña, a situación sería distinta: “Se non botáramos man da escola, supoño que acabaría abandonada, xa que as condicións non eran moi idóneas”.
Para lograr esa unión entre veciños e veciñas, leváronse a cabo diversas actividades na propia casa da escola: “de momento, impartíronse clases de bailes de salón. Ademais, fixemos obradoiros cos nenos e nenas, preparando cabazas, decorando polo Nadal… Tamén organizamos unha pequena cabalgata e unha comparsa de entroido onde participou casi toda a aldea”. Iso si, o coronavirus afectou ó desenvolvemento desta ociosidade: “Tivemos que parar todo, as clases que tiñamos empezadas houbo que paralas, e as previstas non as puidemos empezar porque as condicións son difíciles de cumprir.” A pesar disto, cando regresemos á normalidade, María José Calvo asegura que xa teñen pensado engadir novas actividades: “cursos de informática, poda e insertos, cestaría, ximnasia, pandeireta e gaita”. Co fin de poder levar a cabo todas estas clases e cursos, a presidenta da Asociación Castro de Boaña expón o seguinte: “Ata onde nós sabemos, a casa é propiedade do Concello. Temos que solicitar permiso para cada unha das actividades que queremos facer no local, pero nunca nos puxeron ningún impedimento”.
Tal e como nos conta María José Calvo, o estado do inmoble non era o ideal. Entón decidiron iniciar unha remodelación: “A escola tivo varias reformas levadas a cabo polos veciños. O Concello fixose cargo do gasto económico e os veciños puxeron o traballo. Illouse toda a fachada e pintouse, lavouse e pintouse o tellado, pintouse todo o interior e aínda estamos a traballar nalgunhas cousiñas máis”. Aparte destas reformas, o local precisa dun mantemento continuo: “Da limpeza somos responsables nós, cando nos conceden permiso xa firmamos que nos facemos responsables da limpeza e da chave.” Así e todo, se se produce algún tipo de avería relacionada coa auga ou coa luz, “diso encárgase o Concello”, afirma a presidenta da asociación. A casa da escola conta cun patio con columpios e un areeiro. Esta zona está rodeada dun céspede que tamén hai que manter nun estado óptimo: “ás veces tamén o cortamos nós, pero se chamamos ó Concello mandan cortalo sen problema”.
Veciños de Boaña de Arriba reformando a fachada da casa da escola (fotografía cedida pola Asociación Castro de Boaña).
A presidenta da Asociación Castro de Boaña apunta que xa se impartían clases e cursos no local antes de que esta agrupación se constituíra dende o punto de vista legal. Non obstante, considera que a formación consolidou o feito de darlle unha segunda vida a un lugar que, doutro xeito, correría o risco de abandono. Non sería de estrañar, pois vendo os datos salta á vista que centos de vellas unitarias atópanse nesta situación, perdéndose a oportunidade de outorgarlles unha nova función.
Parabéns pola publicación, paréceme moi interesante.
Cando cerra unha escola pérdese unha parte do pobo e, que os veciños, concellos ou asociacións desa zona queiran darlle, a ese espazo que quedou baleiro, un novo uso paréceme unha boa iniciativa. Ao fin e ao cabo é moito mellor que teña un novo uso a que quede como un lugar en ruinas. Gústanme as iniciativas que levaron a cabo tanto o Concello de Teo como a Asociacíon Castro de Boaña.
Deste xeito, penso que moitos concellos ou lugares deberían de tomar estes dous de exemplo, xa que en moitas zonas, tras pechar un colexio, deixaron o edificio en ruinas, incluíndo o material, e non pinta nada no concello. Converter unha escola nun lugar de ocio ou como unha cultural paréceme unha boa iniciativa.
Que opinades vós dos colexios que pechan e abandónanse?
GústameGústame