S3D
Kateline de Jesus Brito Tavares: “Para que haxa inclusión fai falta un traballo conxunto. Non só é integrar aquí ao alumnado migrante, senón que tamén hai que facer que o alumnado de aquí se integre coa xente migrante, que haxa unha acollida”.
No marco da materia ‘Pedagoxía Intercultural’ do 2º curso do Grao de Pedagoxía da USC nace Olladas, unha revista en liña cuxos principais obxectivos son sensibilizar sobre cuestións que pasan desapercibidas en torno á diversidade cultural e mostrar a importancia do papel dos pedagogos e pedagogas na xestión destes temas. Goretti González Lago, Cristina Iglesias Arenas e Cristina Muñiz Santalla, tres alumnas de Pedagoxía e responsables da xestión das redes do proxecto, déronnos a súa visión sobre este.
O proxecto orixinal naceu no curso 2010/2011 coa intención de facer un servizo á comunidade ao tempo que se aprendía e desenvolvía o oficio con entidades do terceiro sector, como ONGs ou asociacións. O alumnado ía a estas entidades a preguntar que necesidades tiñan en relación á figura do pedagogo e botaban unha man ao longo do cuadrimestre. Coa chegada da COVID-19, as ONGs e asociacións non admitían que este curso os alumnos fosen colaborar con elas, o que propiciou que houbese que darlle unha volta ao proxecto e nacese Olladas: “O proxecto é un labor do alumnado no que tamén está implicado o coordinador da materia, Miguel Santos, e David García, que está botando unha man na xestión do blog e na coordinación das diferentes temáticas”, aclara un dos creadores do proxecto, o profesor Alexandre Sotelino.
Actualmente, atópase en mans de 24 alumnas e alumnos de Pedagoxía, organizados en equipos segundo as seis temáticas principais que tratan: prexuízos e pedagoxía intercultural; muller e inmigración; mediación intercultural e xestión da convivencia; xestión da diversidade cultural nos centros educativos; pedagoxía intercultural, social e civil; o papel das entidades do terceiro sector; e redes sociais e medios de comunicación. Hai un equipo de xestión de redes sociais e dinamización para que haxa unha liña común, e estes comparten os contidos a través de Instagram, Twitter e Facebook. O proxecto tamén conta cun blog, pero este non é público e está coordinado polos profesores detrás do proxecto.
Goretti González manifesta que querían que Olladas fose un medio de comunicación paralelo aos demais, para así poder contrarrestar a información e tamén lanzar unha importante mensaxe de ”non só te fíes do que ves na televisión”, pois nos grandes medios existen numerosos bulos e controversias respecto á diversidade cultural. “Desta forma, a xente pode sacar as súas propias opinións”, di Goretti.
Os medios de comunicación xogan un papel moi importante no desenvolvemento da inclusión na sociedade. Aínda existen moitas trabas que dificultan este proceso: prexuízos, estereotipos, actitudes xenófobas, etc., e os medios teñen un papel fundamental á hora de influír na opinión pública: “Si que é certo que hai veces que por descoñecemento ou por unha cuestión de empresa, hai titulares capciosos ou veces que se pon o énfase nun determinado colectivo e se asocia a unha determinada conducta. Por exemplo: romaneses-ladróns. Entón, débese tratar máis a cuestión da diversidade cultural, pero en positivo”, explica Sotelino.
Cristina Iglesias comenta que estas iniciativas son una boa forma de aprender e visibilizar estes temas dunha forma más dinámica. Pola súa parte, Goretti afirma que “son primordiais para que a xuventude poida dar a súa opinión, sempre dende o respecto”, pois cre que esta está pouco motivada a dicir o que realmente pensa ou, no caso das aulas, condicionada pola figura do profesor, cousa que non pasa nas redes sociais.
Ademais, as tres concordan en que este proxecto non só lles serviu para dar visibilidade a estes temas, senón para mesmo elas darse conta de certas actitudes ou comentarios moi normalizados na sociedade e que en realidade atentan a un colectivo. O feito de tratar directamente coas persoas que sofren este tipo de comportamento, como foi o caso de Kateline, fíxolles abrir os ollos.
En canto ao recibimento do proxecto, Cristina Iglesias comenta que nun principio foi un auténtico boom, sobre todo os primeiros vídeos sobre pedagoxía e pedagoxía intercultural, pero que pouco despois foi en descenso. Cristina Muñiz di que as interaccións dependen moito en función da rede social que se use: “Hai moitas más interaccións en Instagram que na páxina de Facebook ou en Twitter. Twitter utilizámolo máis para retwittear cousas que nos chamen a atención… pero a interacción é nula. En Instagram si que temos porque facemos enquisas, que é onde a xente máis participa, pero cada vez menos”; as persoas participan máis canto menor sexa a interacción.
Cren que a falta de participación pode deberse ó fin do auxe inicial do proxecto e tamén ó temor a ser xulgados, pois as temáticas que se tratan non adoitan estar moi controladas no público xeral e suponse que diante hai un equipo de “expertos” ou xente informada. “Queremos debate. Non pasa nada porque alguén non estea de acordo cun tema dunha temática non todo o mundo vai pensar igual. (…) Queremos que a xente de a súa opinión. Ninguén o vai tachar de nada”, declara Goretti González.
Sotelino tamén nos deu a súa perspectiva en canto ao recibimento do proxecto: “As interaccións son moi boas e os temas que se tratan están moi ben. Hai unha parte moi crítica detrás, de seleccionar a información que imos transmitir para que sexa o máis veraz posible e estean ben dimensionadas”.
O papel dos pedagogos na Interculturalidade
Outro obxectivo do proxecto é mostrar o papel dos pedagogos en relación á xestión da interculturalidade. Os pedagogos son expertos en aprendizaxe e educación, e, por tanto, teñen a obriga de buscar e aplicar diversas formas de ensinar as competencias interculturais: “Un pedagogo ou unha pedagoga nese sentido é esencial. Media entre dúas realidades culturais diferentes”, destaca Sotelino.
No caso dos centros escolares, os pedagogos adoitan formar parte do departamento de orientación, desde onde se fan os plans de acollida dun novo alumno ou alumna, fanse adaptacións a partir dunha liña de avaliación inicial de recepción do alumando e despois aténdese ás necesidades que teña. As tres alumnas de pedagoxía, en relación a isto, denuncian a infravaloración que sofren os departamentos de orientación cando en realidade son pezas moi importantes para a xestión destes temas.
Asemade, afirman que non hai unha suficiente formación no sistema educativo para a atención á diversidade. Precísanse máis recursos, un cambio na mentalidade, fomentar o traballo en grupo, non só pola realización de traballos, senón para saber coexistir e manter un bo clima de convivencia nas aulas. Tamén mencionan unha gran falta de empatía cara estes colectivos, así como de información, e que é preciso que se aposte máis e mellor pola educación, pois esta é a base de calquera sociedade.
A sociedade é pouco inclusiva?
As tres estudantes respondían a esta pregunta afirmando que aínda queda moito camiño para que a sociedade sexa inclusiva. “Polo que responden nas redes sociais parece que non, pero na realidade queda moito camiño por percorrer. Aínda segue habendo prexuízos e estereotipos.”, conclúe Cristina Muñiz.
Seguindo a mesma liña do que a pedagoga e migrante caboverdiana Kateline de Brito nos dicía, o profesor Alexandre Sotelino incide en que a inclusión é un proceso bidireccional e, polo tanto, esta é unha cuestión moi difícil de responder: “A inclusión dase cando dous grupos ou dúas persoas queren estar os uns cos outros. A nivel macro, nun grupo social, pasa exactamente o mesmo. Se nos interesa que un colectivo se inclúa e hai vínculos históricos ou cuestións que nos interesan, será máis fácil. (…) Teñen que querer ambas partes, ambas ceder e chegar a un entendemento“.
Peza elaborada polo grupo S3D. Coordinación e revisión: Antonio Rico Álvarez; Redacción: Sandra Rey Méndez e Pablo Rodríguez Roldán; Documentación: Clara Rodríguez Rejes; Imaxes e gráficos: Alba Rodríguez Pérez e Cristian Romero Rodríguez.
Dende o grupo #3SB, analizando o trasfondo da vosa publicación: as dificultades reais da integración e relacionándoo co noso ámbito; as unitarias, cremos que éstas serían un ambiente moi propicio para que se leve a cabo calqueira tipo de integración. A fusión e cooperación entre os máis grandes e os pequenos fai que se olvide calquer motivo de sexo, idade ou raza.
Moi bo traballo!
GústameGústame