S1A
A elección do rural como ámbito de estudo para os seus fillos non é decisión exclusiva dos pais que proveñen do propio ámbito rural. Por un lado atopamos o exemplo de María Rivas que, vivindo na cidade, decidiu levar aos seus fillos a un colexio rural. Por outra banda, Maribel García, que sendo do rural, decide levar a súa filla a un colexio desta zona.
Así, observamos unha variedade de opcións que podemos ver representadas a través do testimonio destas mulleres. Explicando primeiro o xeral antes de pasar ao concreto, cómpre mencionar que tanto as escolas urbanas como as rurais ofrecen tipos de educación e de desenvolvemento social diferentes, o que, xunto co factor “proximidade e transporte”, supoñen o motivo da elección dun colexio rural sobre un urbano, ou viceversa.
María Rivas: a conciencia dos beneficios da escola rural
María Rivas é unha muller de 44 anos que reside dende fai nove anos en Codeseda, no concello da Estrada. María foi criada no centro da cidade de Pontevedra, pero dende pequena tivo contacto co rural de Codeseda, xa que os seus pais tiñan alí unha casa, na que ela actualmente reside, e á que acudían algúns fins de semana. Ten tres fillos, dous deles nados na cidade de Pontevedra, onde recibiron os seus primeiros anos de educación básica.
Ela é unha desas mulleres que, vivindo na cidade, apostou sempre pola educación rural, sendo consciente das súas vantaxes. “Eu cando vivía en Pontevedra xa os levaba a un cole rural. O meu fillo maior, que ten agora 20 anos, estivo dous anos nun colexio do centro da cidade, pero cambieino a un colexio rural preto da cidade porque notaba que estaba estresado, que ía alí e se aburría e se estresaba”, explica María Rivas, que argumenta que o patio era moi reducido e que os rapaces case non dispoñían de espazo.
María explica que o cambio que notou ao trasladarse da cidade á aldea, en canto a educación, non foi tan impactante. “O cole de Codeseda é moi pequeno, hai só 70 rapaces e estamos moi contentos co contacto que existe no centro”, explica a muller respecto do CEIP Cabada Vázquez, colexio situado na aldea de Codeseda. María fai referencia a existencia dunha horta e do comedor escolar, no que “cociñan aí, e ademais potencian o consumo local”, como as principais vantaxes deste colexio. “Este centro ten moitas cousas que a verdade son para valorar”, reflexiona a muller.
Non entanto, quen si notou un cambio impactante foi o seu fillo maior Xiao, que nos comenta que tivo que comezar a empregar o galego como lingua habitual ao ver que no seu novo colexio case case non se empregaba o castelán.
Maribel García: aposta polo rural dende dentro
María Isabel García Lugueiros é unha muller de 46 anos que reside no lugar de As Fontes, unha aldea do concello de As Nogais que conta soamente con dúas casas. Ela naceu e foi criada nunha aldea próxima chamada Foxos, e mudouse ás Fontes ao casarse. Maribel é nai dunha nena pequena que dende o inicio da súa educación asiste a unha escola rural.
Dende que foi nai, Maribel tivo sempre claro que quería que a súa filla fose educada no rural. Sendo consciente das vantaxes que esta educación podía aportar á súa nena, decidiu que compensaba máis pasar os esforzos para que a súa filla poidera ser educada no rural. “A min seríame máis doado dirixirme a un colexio urbano de paso que vou ao traballo, pero prefiro o colexio rural polo trato que teñen os docentes cos alumnos”, explica a muller, que leva a súa filla ao CEIP As Nogais.
O lugar de residencia de Maribel conta con moi poucos habitantes. De feito, a súa filla é a unica nena de todo o lugar. “Vivimos nunha aldea pequena e a única nena que vai ao colexio é a miña. Vai nun taxi e cóllea bastante cedo porque ten que ir a máis aldeas que están apartadas as unhas das outras”. Maribel é consciente do traballo que supón para a súa familia a aposta pola educación rural, pero aínda así continúa a facelo. “A situación é algo incómoda, tanto para ela como para nós, pero eu apoio a educación rural e por iso penso que o máis adecuado é levala; se todos decidimos dirixirnos ao urbano, entón si que cerrarían as escolas”, cóntanos Maribel.
Unha das que máis contenta está por ir a unha escola no rural é Lucía, a súa filla pequena. “A min o que mááis me gusta e que é un cole pequeno no que coñezo a todo o mundo e parece que todos somos amigos. Ao mellor se fora un cole mais grande non tiña tantos amigos porque seía imposible coñecelos a todos”, coméntanos alegremente a pequena.
Na súa experiencia como nai dunha nena que estuda no rural, Maribel recibiu en numerosas ocasións comentarios negativos e prexuízos contra educación no rural. “Moitas veces dinme que a miña filla ten mellores notas que fillos de familiares meus por ir a un colexio rural”. Porén, ela mantense firme nos seus ideais, afirmando que cre que “a solución é quedarse aquí e loitar polos recursos que precisamos, porque se todos marchamos a situación non vai a cambiar nunca e os colexios rematarán pechando”.
Con isto, vemos como Maria Rivas e Maribel García, aínda afrontando situacións distintas, tiveron unha aposta común: a elección do rural como escenario da educación dos seus fillos, defendendo que as oportunidades son as mesmas que en calquera cidade.