Unha ruta pola oferta ecolóxica en Compostela

S3A

O da alimentación é un ámbito que constitúe unha parte fundamental do noso volume de consumo. Todos os días adquirimos produtos alimentarios, e o certo é que adoitamos facelo dun xeito que non contribúe en absoluto á meta do consumo responsable.

Acotío mercamos máis do que precisamos: non cociñamos todo o que pensabamos que iamos cociñar e tampouco comemos todo o que pensabamos que iamos comer. Rematamos por tirar comida, e este desperdicio vén dado pola eiva de previsión que temos á hora de adquirirmos os alimentos, así como da tendencia cara a sobreprodución por parte das grandes produtoras.

Na práctica optamos por produtos importados que son, amais, os que máis abundan nos supermercados e os que máis presenza teñen nos medios de comunicación e na súa publicidade. Aquí, no caso dos alimentos de orixe agrícola, quedan fóra os de proximidade e incluso os de tempada, polo que se xera o pico de contaminación que implica o transporte do produto que finalmente levamos para a casa. 

E non só o transporte. Para abastecer os estantes das grandes superficies, o ritmo de produción agrícola increméntase mediante o emprego de sulfatos químicos de síntese e grandes cantidades de abonos que aceleran e aseguran o crecemento dos alimentos. Ámbolos dous, sulfatos e abonos, acaban deixando o seu impacto na contorna, na terra e mesmo nos ríos, ata chegar ao noso propio organismo unha vez inxeridos.

Deste xeito, unha opción que se debuxa interesante no camiño cara a produción e mailo consumo responsables é o da alimentación ecolóxica e de proximidade. É dicir, prescindir de químicos de síntese e da importación como primeira opción.

Nas últimas décadas comezaron a aflorar distintos postos de venda deste tipo de produtos. En Compostela, especialmente no centro e na zona histórica podemos atopar varias tendas dedicadas ao ámbito da alimentación ecolóxica. Hoxe propoñémosvos un paseo pola capital a través da súa oferta comercial para este tipo de produtos.

Delas, o Xardín dos Soños, A tenda das herbas e algúns postos do mercado Entre Lusco e Fusco, ofrecen unha cantidade ampla de oferta de produtos veganos, un modo de vida moi achegado ao consumo responsable coa flora e fauna. Loxicamente, noutras das tendas que presentaremos, ofértase moito produto de proximidade e comercio xusto, polo que neles poden mercarse verduras, legumes, froitas, etc, produtos que poden ser consumidos por persoas veganas. Vemos pois como o veganismo e o consumo responsable están altamente relacionados

Así, a carón da Praza de Galicia, na rúa Pitelos atopamos a primeira tenda vegana. Estamos a falar de A tenda das herbas, un comercio dirixido, como comentabamos, ao público vegano onde tamén se venden produtos ecolóxicos e de comercio xusto

Cati, a súa propietaria, afirma que unha das súas motivacións á hora de poñer en marcha este proxecto foi a de “dar a coñecer ao público a dieta vegana”. Dende a súa apertura, a prioridade foi ofrecer produtos veganos porque “a través dese estilo de vida xa estás a contribuír ao coidado do medio ambiente”, afirma.

De entre a oferta alimentaria que podemos atopar na tenda destacan as especias, un elemento esencial para os pratos veganos e que dan ao local un agradable cheiro ben característico: “Eu xa estou afeita”, comentaba a dona. Tamén aquí podemos adquirir todo tipo de alimentos como hamburguesas pero feitas a partir de vexetais, así como infusións e condimentos varios.

Isto non implica que nas súas baldas non haxa produtos ecolóxicos. Porén non son unha prioridade para ela. Por que? “Teño clientes que son estudantes cun poder adquisitivo limitado, polo que non se poden permitir pagar máis por un queixo vegano”, asegura Cati. Dentro do mundo vegano hai moitos estudantes cunha situación económica precaria. É por iso que, cando vai facer un pedido que inclúa produtos ecolóxicos, procura que estes sexan vendibles.

FOTO: A Tenda Das Herbas en Rúa Pitelos, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

E situada en pleno Casco Histórico de Santiago de Compostela, o Xardín dos Soños é unha tenda tamén vegana que, ademais, conta cun espazo onde reunir á persoa local co peregrino. “Sempre tiven claro que se teño fillos e quero un futuro para eles hai que cambiar o chip”. Con estas palabras, Isabel Calabria define a filosofía coa que a día de hoxe rexenta a súa tenda de produtos ecolóxicos. 

SE QUERO UN FUTURO PARA OS MEUS FILLOS, HAI QUE CAMBIAR O CHIP

Isabel Calabria

Dende fai cinco anos ofrecen produtos naturais, de calidade e de proximidade: “A min paréceme súper importante que os produtos sexan ecolóxicos, primeiro, por un respecto á natureza; abúsase tanto dos recursos naturais… Pero despois nós comemos iso. E aparecen moitos problemas de saúde pola alimentación” explica Isabel referenciando por que vende este tipo de produtos e non outros.

Ademais de alimentos veganos e ecolóxicos, nesta tenda podemos atopar deterxentes e lavazoulas a granel e ecolóxicos, e produtos de hixiene e coidado íntimo que non testan en animais, ademais de máscaras de tea.

FOTO: Tenda O Xardín dos Soños en Rúa das Casas Reais, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

A dous minutos andando do Xardín dos Soños e sen saír do casco histórico, atopamos Legumia, unha tenda de alimentos a granel de quilómetro 0. Katia Mera, a actual dona do establecemento  comezou nel dun xeito particular: “É un caso curioso porque eu collín o relevo do negocio”, confesa a dona. “A idea viña dunha parella que vivía fóra de Compostela, en Barcelona, onde este tipo de negocio si que estaba bastante”.

Katia era clienta habitual e cando a parella decidiu deixar o negocio ela viu unha oportunidade de traballo e “de facer algo que estaba dacordo coas miñas conviccións”. Así, en Legumia, atopamos produtos de campo a granel que son dietéticos, biolóxicos e de proximidade. Hai dende cereais e froitos secos a legumes e fariñas, todos artesanais e ecolóxicos.

Ao igual que Isabel do Xardín dos Soños, Katia Mera é optimista sobre a boa tendencia neste tema: “Sí, eu creo que sí. A xente é moito máis consciente do que consome, xa non só polo tema da saúde senón tamén polo beneficio da comunidade”, asevera a dona.

FOTO: Tenda Legumia en Rúa da Algalia de Arriba, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

Na zona nova da cidade, en metade da rúa de Ramón Cabanillas, atopamos A Cesta da Saúde. O seu propietario, Xosé Manuel Durán, fai parte de NonÉoMesmo, unha asociación de produtores agrícolas da comarca que cultivan de xeito ecolóxico e que tentan pactar o prezo das pezas cos distribuidores -tendas e restaurantes- tamén membros do colectivo. 

“Chegamos á conclusión de que a grande distribución non era a saída para os alimentos, os mellores alimentos ou os de máis alta calidade, e que había que buscar unha comercialización alternativa, de máis contacto cos consumidores”, explica Durán. No seu local podemos atopar froitas, hortalizas e produtos elaborados coma o queixo artesanal. Tamén hai a disposición do consumidor algúns envases de pasta italiana e doutros alimentos importados e especializados de cara ao público vegano.

E na procura destes mesmos produtos adoitan ir persoas que se preocupan pola saúde: “Sobre todo mulleres”, segundo sinalaba o dono. Trátase, amais, dun tipo de cliente “cunha formación media ou media-alta e cun nivel adquisitivo tamén medio ou medio-alto”, dicía Durán, aínda que tamén hai estudantes e labregos. Mariña Rodríguez, estudante de 20 anos, adoita ir de cando en vez por determinados produtos, como o café ou alimentos perecedoiros.

FOTO: Tenda A Cesta da Saúde en Rúa de Ramón Cabanillas, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

Se nos desviamos na nosa ruta pola Avenida de Rosalía de Castro, habemos dar con D’Aldea. Raquel e mais seu home fundaron o local no contexto da crise do 2008 e dalgún xeito segue o que é a súa filosofía de vida. O coidado polo medio ambiente e a escolla polo produto de proximidade son os leitmotiv desta tenda. É por isto que nela pódense atopar froitas e hortalizas de produtores locais así como produtos específicos da alimentación vexetariana.

A respecto das importacións, a propietaria sinala que alén do impacto que ten o seu transporte sobre o medio, tamén supoñen un transtorno a nivel económico: “a verdade é que ti non podes competir cos prezos que veñen de China ou cos prezos que veñen de Perú”, asevera.

Tamén salienta Raquel que, malia estar aumentando a oferta de alimentación ecolóxica na cidade, polo xeral, “hai que collelo un pouquiño entre comiñas, porque si é verdade que se empeza a vender moito produto ecolóxico, pero non produto ecolóxico de calidade”.

FOTO: Tenda D’Aldea en Av. de Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

De volta no centro e na rúa de Alfredo Brañas damos co Colmado da Vila, un establecemento que aposta polos produtos naturais e mais venda a granel. Isto último, cunha intención ben clara, segundo nos explica a súa propietaria, Gabriela Fernández: “para que o consumidor poida coller a cantidade que desexe, e non desperdiciar parte do produto se o merca en paquetes”. Unha maneira de evitar, dende a súa adquisición, a perda do alimento.

Colmado está especializada en froitos secos e repostaría, unha disciplina culinaria acotío esquecida cando se trata do emprego da produción ecolóxica. A respecto da auxe da oferta deste tipo de establecementos, Fernández teno claro: “hai mercado para todas. Non é competencia. Deberiamos facer un gremio ou asociarnos para gañar tráfico de clientes”.

FOTO: Tenda Colmado da Vila en Rúa de Alfredo Brañas, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

Tirando cara o barrio de Fontiñas, atopámonos Seiva de Abril, na rúa de Concheiros. Aínda que inclúe produtos de cosmética, a maior parte da súa oferta céntrase na alimentación. Ofrecen gran variedade, con cereais, hortalizas, lácteos, viños, xiropes ou marmeladas.

“Somos persoas que nos gusta a natureza e non só para disfrutala senón para coidala”, di Suso, un dos propietarios de Seiva de Abril. Tamén nos conta que unha das motivacións que levaron á apertura dunha tenda deste tipo é o comercio xusto, “que os produtores teñan un prezo xusto polo que producen, que non se lles explote”.

Parte dos produtos non son de proximidade, pola dificultade de ter variedade, pero a intención é que “ os produtos que sexan o máis posible de proximidade, para que tampouco se contamine ao traelos á nosa terra”. A visibilidade forma parte tamén deste cometido, “pretendemos dar a coñecer os produtos e que a xente se dea de conta de que se ten que alimentar ben”.

No seu percorrido valora tanto oferta e demanda de produtos ecolóxicos como pequenas, porque lle gustaría “que houbese máis oferta e máis competencia, porque a competencia tamén te leva a ser mellor”.

FOTO: Tenda Seiva de Abril en Rúa dos Concheiros, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

Un pouco afastada do centro e fronte á grande superficie de El Corte Inglés, podemos atopar dende fai 18 anos no barrio de Pontepedriña a tenda As Cabaciñas. Eva e Lola venden cosméticos ecolóxicos, froita, verdura, leites, pastas, etc. Non decidiron especializarse.

Ademais, comenta Lola que a produción e o consumo responsable e ecolóxico son unha filosofía de vida: “agora hai moito produto ecolóxico de peseta e o ecolóxico non pode funcionar movido polos cartos. Vémolo con marcas que ven un nicho e venden produtos ecolóxicos pero esquilmando recursos e tendo a nenos a traballar. Iso non é ético. Producir en ecolóxico é unha filosofía de vida con moitos matices, non se pode vender ecolóxico buscando obter cartos”. Así, consideran que quen vende en ecolóxico debe facelo por compromiso co medio.

PRODUCIR EN ECOLÓXICO É UNHA FILOSOFÍA DE VIDA, NON SE PODE VENDER ECOLÓXICO BUSCANDO OBTER CARTOS

Lola

Comentan que a súa clientela está moi concienciada e acoden ben por saúde ou por compromiso co medio.

FOTO: Tenda As Cabaciñas en Rúa do Restollal, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

E de xeito menos habitual pero todos os martes das 17.00h ás 20.00h lévase a cabo o mercado agroecolóxico de Entre Lusco e Fusco no parque de Belvís, moi preto do casco antigo da cidade. Leva 10 anos funcionando e a día de hoxe, comentan as produtoras que aínda hai quen pasa e se sorprende de non ter constancia da súa existencia. Alí poden atoparse numerosos postos de venta de produtos ecolóxicos e de quilómetro 0; e a eles adoita acudir Rocío Martínez de 27 anos e habitante de Compostela, a súa razón: “estou moi sensibilizada”. 

Un destes postos é o de Maureen, que produce e vende marmelada de framboesa e falafel, todo vegano. Prefire producir deste xeito porque “non ten nada de contaminantes o que estou comendo sei que está ben e que é de pura cepa”, finca.

E a escasos metros dela, no posto de Anabel o que se venden son distintos tipos de produtos feitos a partir de cereais de orixe 100% galega: graos ancestrais, trigo cabeiro e centeo. Salienta como positivo do mercado que está autoxestionado: “todas as produtoras toman as decisións sobre como devaluar, por exemplo”. E de feito, teñen as súas propias normas. 
Así nolo explica María, do posto de María Cereza, que a pesares do que semelle o nome, vende tamén empanadas e marmeladas (todo vegano): “Houbo xente que se puxo aquí a vender produtos que facían eles mesmos pero con produtos mercados nos supermercados pero iso non o permitimos”. A solución a estas condutas téñena clara: “se atopamos que alguén non cumple as normas, botámolo”. E isto ten a súa razón: “aquí hai que ter un compromiso”.

FOTO: Mercado de Entre Lusco e Fusco no Parque de Belvís, Santiago de Compostela, A Coruña. FONTE: elaboración propia

Con isto temos unha situación na que hai oferta e variedade, con tendas que ofertan o preciso para cubrir as necesidades do día a día e mesmo con tendas que se especializan. Aínda así o seu número segue a ser pequeno se o comparamos cos supermercados convencionais e as grandes superficies.

O ecolóxico está en auxe, podemos velo en que tamén os supermercados ofertan cada vez maior cantidade de produto ecolóxico, pero respecto disto hai que ter en conta que as grandes distribuidoras moitas veces só se centran na forma en que foi producido, pero non cumpren cos requisitos de produto de proximidade ou o de salario xusto dos produtores e produtoras.

Así, animámosvos a botarlle un ollo a esta andaina ou a descubrir que tendas de produtos ecolóxicos e de comercio xusto tedes máis cerca das vosas casas e comezar a consumir dunha forma máis responsable co medio, a saúde e a economía local.

Paula Pérez Cantelar (difusora; entrevistas a As Cabaciñas, produtoras de Entre Lusco e Fusco e Seiva de abril; fotos e redacción), Iria Ramos Mesía (responsable de actividades; entrevistas a D’Aldea, A Cesta da Saúde e A Tenda das Herbas, fotos e redacción); Martín Rei Leis (editor; entrevistas a As Cabaciñas, produtoras de Entre Lusco e Fusco, A Cesta da Saúde; fotos e redacción), Uxía Sánchez Lorda (coordinadora; entrevistas a Legumia, Colmado da Vila e O Xardín dos Soños; fotos e redacción), Iria Tojo Aldariz (editora; entrevista A Tenda das Herbas; redacción).

Un comentario en “Unha ruta pola oferta ecolóxica en Compostela

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.