«Temos normalizados os microrracismos»

S3D

Mariam Khayrou e Marina Zurita Díaz teñen claro que as microagresións están totalmente integradas no noso día a día. Pero, que son exactamente estas atitudes aparentemente “normais” dentro da nosa sociedade e que podemos facer para erradicalas?

O termo «microrracismo»

O microrracismo é un termo que alude ás cotiás, e normalmente inconscientes, atitudes racistas. Son comportamentos de discriminación racial desgraciadamente frecuentes e arraigados en boa parte da sociedade; eses comentarios que carecen de violencia explícita pero que exemplifican moi ben o significado desta palabra.

Pode que a persoa que di o microrracismo non o faga con mala fe, pero á súa vez pode estar creando un abismo para a persoa á que vai dirixido. En consecuencia, o proceso de inclusión vése mermado por esta estereotipación. Ademais, encasíllase a esa persoa sen coñecela.

Ao tratarse dunha norma xeral e non de excepcións, é moi necesario levar a cabo campañas de sensibilización máis eficaces para deter o ritmo de crecemento deste problema social. Hai que facer fincapé na educación intercultural durante a etapa de formación dos rapaces para ir erradicando paulatinamente certos comportamentos. 

Os comezos de Marina

Como mencionábamos ao principio, nesta ocasión temos o pracer de contar coas voces dunhas mozas que, nalgún momento das súas vidas, tocoulles sufrir nas súas propias carnes isto que estamos a tratar. Primeiro, expoñeremos o caso de Marina, unha moza nacida en Arxentina cuxa nai é arxentina e cuxo pai é chileno.

“Aos meus pais téñenlles dito que non terían que cobrar nada por traballar ou que non valen para nada polo simple feito de ser latinos”, asegura Marina indignada, quen chegou a Lugo cuns catro anos

A súa experiencia cursando a educación primaria foi positiva ao estar matriculada nun colexio que traballa moito a interculturalidade. É unha especie de centro gueto onde conflúen moitos rapaces migrantes ou de etnias distintas. Polo tanto, sempre estivo bastante acostumada aos entornos con xente migrante. Iso facilitaba que as dinámicas de inclusión estivesen bastante establecidas. 

Porén, en 6º de Primaria si que tivo un encontro racista cunha profesora. A mestra dixo que os migrantes “só veñen aquí polas axudas”. Se temos en conta que este incidente produciuse na materia de Valores Éticos e Cívicos e que a maior parte do alumnado eran migrantes, a situación agrávase aínda máis.

Cando Marina chegou a casa e contou o acontecido, a súa nai dirixiuse de inmediato ao centro reclamando explicacións polo que ocurrira. A profesora negoulle absolutamente todo e non lle permitiu defenderse. “Este tipo de profesores sempre se acaban saíndo coa súa porque están na posición de poder do docente fronte a unha nena de once anos”, explica Marina resignada.

O paso á ESO

Despois de finalizar a etapa no colexio, chegou a hora de marchar para o instituto. Pese a seguir estando en entornos tolerantes nos que adoitaba haber xente migrante, repetíanse cada vez con máis frecuencia os típicos comentarios que explicabamos antes. Son as denominadas microagresións.

As cousas que se aprendían en materias como Historia eran utilizadas na súa contra. Por exemplo, as diversas culturas latinoamericanas: “Chámanche «inca» e cousas así. En 3º da ESO eres pequena e non te das conta de que te están encasillando, entón acéptalo e ris”, sinala Marina.

Ela sempre pon o exemplo das clases de francés: “Sempre tiñas que facer a mítica presentación de dicir como te chamas, cantos anos tes, de onde eres…”, comeza explicando. Marina sempre trataba de facer ver que non era de fóra. Con todo, os seus compañeiros sempre estaban a dicir “aquela é de Arxentina”. “Non o dicían por mal, obviamente, pero marcábante. Ademais, era nesa fase na que estás a tratar como de  desligarte, pero non cho permiten”, recalca.   

Estas experiencias axudárona na actualidade a recoñecer e actuar cando vive ou presenza certas microagresións. “Grazas a facerme maior e ao activismo en redes (como é o caso de Olladas) sei o que é unha microagresión. Aí é cando te das conta de que o que che pasou é algo xeral, non illado”, subliña.

Estas microagresións das que falamos son o instrumento que emprega a sociedade para remarcar constantemente que o migrante non é do lugar. Marina cre que, pese a que a persoa de fóra se está “insirindo nunha nova sociedade” con outros costumes que van empezar a rexir a súa vida, é “bo” que manteña a súa “identidade” e as súas “raíces”. “Non tes que verte obrigado a perder a túa identidade cultural ou sentirte atacada por iso”, afirma.

Casos paralelos

Por outra banda, temos a Mariam, unha moza nada en Santiago de Compostela e filla de dous migrantes marroquíes. Xa presentamos e expuxemos en publicacións anteriores algunhas das súas vivencias.

A raíz do que xa nos comentara sobre o seu incidente cunha das súas primeiras mestras, nesta ocasión nárranos un bo exemplo de traballo docente. Refírese á labor de Madó, profesora que tivo no último ciclo de Educación Primaria e da que garda moi bos recordos: “Interesáballe moito a educación intercultural. Non lle gustaba marcar diferenzas, éramos todos iguais. Facía actividades para coñecernos entre nós é gustáballe saber da cultura de cada neno”, lembra con cariño.

Despois, continuando co proceso de adaptación á Ensinanza Secundaria Obligatoria que nos explicaba Marina, ela tamén recoñece que no instituto nótase “moita diferenza” a nivel racismo. E apunta directamente aos profesores que se dedican a separar o alumnado: “Se un profesor te está xulgando, obrigas ó resto da clase a facer o mesmo. Aparte de ensinarche, deberían empatizar contigo”, indica Mariam. Por iso considera que a clave é “dar clase a todos por igual” para evitar marcar diferenzas.

Ademais, fóra das aulas vése con moita máis facilidade a “marxinación”. Por exemplo, no recreo hai moitos nenos que poden pasarse meses sós nunha esquina e sen atención do profesorado, que está vendo a situación e debería ser consciente do problema. Neste aspecto, Mariam pensa que a ela pode resultarlle “máis fácil” adaptarse que, por exemplo, a Marina, porque o feito de nacer aquí axuda.

Ao igual que dicía Marina, o paso dos anos curtiu a Mariam e agora xa sabe defenderse destas microagresións: “Antes non estaba cómoda en clase. Non quería ir e non me gustaba porque sabía que ao día seguinte ía escoitar outra vez o mesmo”, expresa.

Mariam opina que a adaptación debería ser “mutua” porque a persoa migrante é a que está a cambiar de contorna e sempre se agradece que che boten unha man cando enfrontas tantas dificultades.

A educación, en todas as súas formas, é a chave que abre o camiño para inculcar valores máis aló dos libros e do temario que hai que cumprir: o apoio dos compañeiros e compañeiras en clase, a atención dende o centro, preservar as identidades culturais e a súa riqueza, aprender a valoralas e asumir que certas actitudes, aínda que sexan simples comentarios, poden chegar a vexar á persoa que os recibe.

Peza elaborada polo grupo S3D. Coordinación e revisión: Antonio Rico Álvarez; Redacción: Sandra Rey Méndez e Pablo Rodríguez Roldán; Documentación: Clara Rodríguez Rejes; Imaxes e gráficos: Alba Rodríguez Pérez e Cristian Romero Rodríguez.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.