Mocidade e fogar: as xeracións máis novas cren estar concienciadas sobre a igualdade de xénero

S1D

“A igualdade de xénero é un aspecto que se debe traballar nos centros educativos e no fogar” afirmaron o 92% dos rapaces e rapazas, de entre 12 e 17 anos, que participaron nunha enquisa de resposta anónima e difundida polos equipos directivos de diferentes centros de educación secundaria de Galicia. Con esta declaración reafírmase a importancia de contar coa visión das xeracións máis novas cando falamos de igualdade. Unha palabra que para a maioría deles/as ten que ver coa igualdade de dereitos e deberes entre homes e mulleres, “é que homes e mulleres teñan os mesmos dereitos e fagan os mesmos traballos”, aseguraba un rapaz de 12 anos. 

A igualdade de xénero busca conseguir que a ambos xéneros se lles trate igual.

Aínda que a gran maioría concordaba en coñecer o significado da palabra “igualdade” ou sabían en que consistía esta, só un 56,1% afirmaba falar sobre o tema nos seus fogares. Recalcaban que a conversa se iniciaba despois de ver algunha noticia na televisión, demostrando a gran influencia dos medios na sociedade. Sinalan que “sempre se inicia por cousas que vemos nas redes ou noticias que escoitamos”, ou “logo de ver algunha noticia do número de mulleres asasinadas por violencia de xénero”.

Gráfico creado a partir das respostas á enquisa

Para non quedarse coa visión superficial da igualdade de xénero que puideran ter os/as entrevistados/as as preguntas tornaron camiño cara o fondo da cuestión. Que palabras se lles pasan pola cabeza cando pensan nas tarefas do fogar? Ou na palabra “ama de casa”? As máis repetidas foron “muller”, “nai” e adxectivos en feminino; o que demostra a vinculación das responsabilidades domésticas coa muller. Pola contra, o 82% dos mesmos/as rapaces e rapazas afirmaron ter un fogar no que as tarefas estaban repartidas de forma equitativa entre os homes e as mulleres que conformaban a unidade familiar. Deste xeito, e baseándonos nos datos obtidos, podemos concluír que aínda que no propio fogar as tarefas se vexan repartidas de forma equitativa, a balanza inclínase cara a muller e as xeracións máis novas recoñecen que se trata de “tarefas socialmente asignadas ás mulleres e isto é algo que debe cambiar”. 

Neste sentido, e a pesar de incluír “nai” cando se fala de tarefas do fogar, todos/as os/as participantes negaron que se tratase de responsabilidades que por obrigación as mulleres deben asumir. Aínda que, se ben é certo, o enfoque das respostas deixaba amosar que dita crenza non é de todo real, “son cousas de todos pero é certo que en xeral as mulleres son mellores niso e déixano todo mellor”. Con isto tamén se demostra a sobrecarga que deben asumir as mulleres en determinados fogares onde o reparto das tarefas non é igualitario: “A miña nai encargábase de comprar, da roupa…e o meu pai da comida, do baño, e de nada máis”. 

Nai, coidadora, cociñeira, limpadora e dependente. Resposta dada ante a pregunta – Cita cinco palabras que che veñan á mente cando escoitas ama de casa -.

O outro ámbito dende o que a igualdade de xénero se debe traballar, segundo os/as entrevistados/as, son os centros educativos e é neles onde se realizan obradoiros para favorecer a concienciación en dita materia. Un 62,6% dos/as participantes asistiu no seu centro a un obradoiro de igualdade de xénero, do cal (a maioría) descoñecían os/as encargados/as de organizalo. Aqueles/as que si o facían sinalaban que se trataba do “propio centro de estudos” e da directiva ou profesorado do mesmo. Unha gran parte percibía estas actividades dun xeito positivo e considerábaas necesarias, mentres que unha pequena minoría recoñecía que: “non me ensinaron nada que non soubese”.

Iniciativa do IES Pedregal de Irimia (Meira) para o 25N

Outra das cuestións e aspectos que contiña esta enquisa estaba relacionada co cambio xeracional con respecto á igualdade de xénero. As respostas á pregunta de: “Notas un cambio xeracional entre o pensamento dos membros do teu fogar?”, foron moi diversas. Case un 50% afirmaban que ´si´ e outro tanto que ´non´. Os que si percibían o cambio xeracional coincidían en que os seus avós pensaban diferente a seus pais ou irmáns. Isto é algo que xa comprobamos na nosa anterior publicación logo de falar con mulleres de diferentes xeracións.

Meu avó non axuda nas tarefas da casa, meu pai, como é de outra época si que o fai

Ademais, preguntámoslles se coñecían a alguén que tivera que renunciar á súa vida laboral ou persoal por facerse cargo do fogar e un 80% dos/as enquisados/as afirmaron que eran mulleres quen o facían. Este feito demostra a renuncia habitual das mulleres e a sobrecarga mental e física a que están sometidas. Segundo os últimos datos do INE (Enquisa de Emprego do Tempo do 2010) as mulleres dedican moito máis tempo ao fogar que os homes. Así, en fogares formados por parella e fillos, a dedicación da muller é de unhas 4 horas e 45 minutos, fronte ás 2 horas e 34 minutos dos homes. 

Por último como parte do acordo co grupo S2B, que tamén trata o ODS da Igualdade de Xénero na educación, incluíron nunha das súas actividades uns cuestionarios cunha serie de preguntas sobre o noso tema. Estes foron realizados a alumnos e alumnas de entre 1º e 4º curso da ESO no Congreso pola Igualdade celebrado no IES Maruxa Mallo de Ordes. 

“Un CIM é un centro ao que poden acudir as mulleres que están en perigo por violencia de xénero e precisan axuda “ ou “Non estou moi segura pero penso que é para mulleres que teñen ou tiveron problemas de violencia de xénero”, foron dúas das poucas respostas afirmativas que tivemos ante a pregunta de se sabían o que eran os CIM. Do total de alumnos e alumnas, unicamente un cuarto coñecía a súa existencia e todos/as eles/as de cursos superiores. O que si coñecían eran as actividades levadas á cabo polos seus concellos, destacando “as manifestacións polo 8M” e o apoio a outras entidades, como pode ser ao propio instituto. 

Alumnos do IES Maruxa Mallo de Ordes no Congreso pola Igualdade. Imaxe cedida polo S2D

Cando preguntamos sobre a impartición dalgunha materia relacionada especificamente coa igualdade de xénero comentáronnos que neste instituto existe unha optativa en 2º da ESO chamada Igualdade de Xénero: “(…) viamos vídeos, películas, etc. onde había certo machismo cara a muller co cal debatiamos moito que deberiamos facer para mellorar isto. Tamén tratamos os celos extremos e os micromachismos que nos rodean”. Ademais tamén noutras materias falan desta problemática: historia, valores, relixión, castelán, economía ou xeografía son algunhas delas. Tamén “en horas de titoría fan diversas actividades relacionadas co feminismo”. Con isto vemos a importancia que ten educar en igualdade no fogar, pero tamén nos centros educativos

Datos obtidos a partir da enquisa online de resposta anónima enviada a distintos centros de educación secundaria de Galicia (IES de Brión, IES Rosalía de Castro -Santiago de Compostela-, IES Pedregal de Irimia -Meira-, IES Eduardo Blanco Amor -Culleredo-, IES Rego de Trabe -Culleredo-, IES Monelos -A Coruña-, IES Ramón Otero Pedrayo -A Coruña-, IES Poeta Díaz Castro -Gutiriz- e IES de Curtis) e dirixida a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos. Empregando como días de recollida de datos dende o 19 de abril ata o 28 do mesmo mes. Ditos datos foron recollidos de forma automática pola aplicación Google Forms e analizados polas editoras do grupo de traballo, Lucía Campos e Noemi Fernández. Os cuestionarios enviados ao IES Maruxa Mallo de Ordes e dirixidos a rapaces de entre 12 e 16 anos foron recollidos polo S2D e analizados pola coordinadora do noso grupo de traballo, Lucía María Mendoza. 

Un comentario en “Mocidade e fogar: as xeracións máis novas cren estar concienciadas sobre a igualdade de xénero

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.