MAPA: a accesibilidade no Campus Sur

A USC, no seu protocolo de atención a persoas con discapacidade, establece varias recomendacións para adaptar os espazos ao alumnado con discapacidade. Desta volta, percorremos varias facultades do Campus Sur para comprobar de primeira man cales son as principais eivas neste sentido tendo en conta que este é un problema global que afecta non só á Universidade de Santiago.

  1. Matemáticas

Nesta facultade atopamos unha arquitectura complicada chea de escaleiras con cinco niveis xa só na entrada. Para salvar ese obstáculo, hai elevadores pero son antigos e as persoas con discapacidade precisan de axuda. O mesmo pasa cos ascensores, xa deteriorados.

Elena Vázquez Abal, que foi vicedecana da facultade e móvese nunha cadeira de rodas eléctrica, asegura que sempre que se puido adaptar o edificio, “se fixo”, sempre cando Reitorado é receptivo diante das propostas. Destaca deste edificio tamén o difícil acceso ao salón de graos. Polo interior só se pode acceder por escaleiras, o que obriga a saír do edificio e dar un rodeo para poder acceder.

Pero moi positivo é o feito de que todos os baños que hai na facultade están adaptados para as persoas con discapacidade, algo que non ocorre na maior parte dos edificios da Universidade.

Escaleiras de acceso á facultade de Matemáticas con elevador
  1. Física

As portas á entrada son o primeiro obstáculo. Non son automáticas e é preciso abrir as dúas follas para que entre unha cadeira de rodas, obrigando a que as persoas con mobilidade reducida soliciten axuda a conserxería. 

Ademais, só existe un baño adaptado en toda a facultade e atópase no primeiro andar, o que obriga aos seus usuarios a baixar dende as plantas superiores para ir ao servizo.

Non obstante, dentro das aulas os obstáculos redúcense xa que non existen tarimas e as clases son chás.

Portas de entrada á facultade de Física
  1. Educación e Psicoloxía

Laura Castro García, estudante de 2º de Educación Social con discapacidade física, móvese en cadeira eléctrica. Vive ademais na residencia Monte da Condesa, polo que coñece ben os obstáculos que aparecen no campus. De camiño á facultade, destaca o dificultoso que supón moverse na cadeira por algunha costa cuxo material é esvaradizo. Xa no edificio de Educación asegura que a facultade está bastante adaptada, con ascensores e facilidade para entrar nas aulas.

Tamén hai varios baños adaptados pero existen algúns obstáculos. En primeiro lugar, as portas. Laura contounos que tivo un accidente porque a apertura manual das portas fixo que se lle enganchara o mando da cadeira ao manobrar e o cristal rompeu sobre ela ao intentar entrar. Ademais, hai unha rampla nun dos módulos con demasiada pendente e cunhas varandas moi altas, impedindo así o seu uso por parte de persoas en cadeira de rodas. 

Varandas nunha rampla no interior do edificio e camiño exterior
  1. Políticas e Relacións Laborais

Nesta facultade voltamos ao problema do acceso, xa que para ir da entrada ao aulario de Ciencias Políticas atopámonos unha longa rampla con demasiada pendente e é por iso que o alumnado con discapacidade acaba preferindo acceder polo exterior a través dunha porta situada a medio camiño da rampla. 

Os ascensores están tamén vellos e atopamos os  “baños postureo”, como os describía Elena Vázquez en Matemáticas. Chámaos así porque contan coa distinción de baños adaptados pero é case imposible manobrar dentro dos mesmos, nin sequera podendo pechar a porta ao acceder ao interior. 

En canto ás aulas, todas son chás e de fácil acceso pero non pasa o mesmo co salón de graos. Ten unha tarima e non conta con ramplas fixas para acceder a ela. Tamén nos comentaron os problemas que poden xurdir en caso de emerxencia, destacando que no último simulacro de evacuación un alumno con discapacidade física tivo que agardar dentro do edificio xa que as saídas de emerxencia daban á escaleira. 

Rampla de acceso ao aulario de Ciencias Políticas, pouco accesible
  1. Dereito

A Facultade de Dereito comparte coas demais a problemática das tarimas nas aulas, onde non hai espazo para colocar ramplas aínda que hai mesas especiais e sitio na fronte. Ademais, no salón de graos habilítanse ramplas temporais se son precisas. Nun deles, mesmo se instalou unha camilla a petición dunha alumna que a necesitaba. Para acceder ao edificio existe tamén unha rampla adaptada para as persoas con discapacidade que está integrada no espazo urbanístico aínda que dá acceso a unha única entrada lateral.

Aula con tarima na facultade de Dereito

6 comentarios en “MAPA: a accesibilidade no Campus Sur

  1. Paréceme, canto menos, interesante o concepto de accesibilidade dende o que abordades este artigo. Extráñame moitísimo que só haxa estudantes en cadeira de rodas na USC, e aí o deixo.
    Tamén é interesante o rápido que se esquece a hemeroteca por parte dos entrevistados. En 2019 a nosa prezada Universidade publicaba isto: https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/universidade-concello-cogami-estudan-accesibilidade-campus-sur-santiago-compostela
    Xa preguntei a varias persoas que se supón que deberían ser sabedoras do estado desta auditoría, incluído o gabinete de comunicación, e ninguén me soubo dar razón. Se cadra en Xerencia teñen o mesmo mal cós entrevistados deste artigo, non sei. Entretanto, a USC e o Concello seguen a argumentar que a competencia de arranxar temas como o das beirarrúas non é súa, senón da outra parte. E así, coma sempre, o un polo outro, a casa sen varrer. É como o Siza, que o pobre estará xordo de tanto que lle pitan os oídos, pero agardo á vindeira entrega para falar sobre iso.

    Saúdos.

    Gústame

    1. Ben é certo que nesta publicación centrámonos nas barreiras físicas e na súa accesibilidade no referido á arquitectura. Desta volta as fontes atopadas polos nosos medios coincidiron en ter a mesma discapacidade física, aínda que te reocrdo que unha delas é actual profesora en varias facultades da USC e ex-vicedecana de Matemáticas.
      A accesibilidade tratada hoxe encádrase no eido físico para persoas con dificultade de mobilidade, aínda que tamén tratamos algún aspecto doutro tipo de discapacidade. Por exemplo, Elena Vázquez contábanos que existe un programa de software libre da ONCE que permite aos estudantes cegos ler as fórmulas matemáticas.
      Sen embargo, na nosa última publicación trataremos un pouco máis a accesibilidade noutros aspectos, xa que adaptamos a publicación ás testemuñas que temos.
      Non entendemos a que te refires coa hemeroteca das nosas entrevistadas, xa que nós simplemente compartimos a súa voz e experiencia persoal.
      En canto ás beirarrúas do campus sur, as nosas entrevistadas piden un maior coidado e limpeza, xa que, como nos dicía Laura Castro, o material é esvaradizo (condición que se incrementa coas follas molladas do outono) e as beirarrúas rómpense por culpa das grandes raíces das árbores. Isto fai que ela e outras amigas cegas da residencia deban ir con especial coidado. De feito, a nova do enlace é dunha destas compañeiras.

      Un saúdo.

      Gústame

      1. Xa sei que só compartides o que din, por iso digo que o esquecemento é seu, porque se a min me veñen a entrevistar e me preguntan diría “mire, ademais dixeron que ían facer unha auditoría da que hoxe ninguén sabe”. Non parece que ningún dos entrevistados volo dixese. A iso me refiro.

        Gústame

      2. Perdón, non respondín a todo.
        Para que teñades a información completa, fun eu un dos que promoveu o artigo ó que ligades, coñezo á persoa que participa e vós tedes o seu teléfono tamén.
        O programa da ONCE para matemáticas non é software libre. Antes usábase un software italiano financiado con axudas da UE que costaba os seus bos 400€. A ONCE tiña un stock de licenzas para préstamo a estudantes. Agora a ONCE fixo o seu e mellor que non o fixera, mellor non profundar, pero non é software libre, non é compatible coa maioría de tecnoloxías de asistencia e con cada versión nova que sacan sube o pan da de erros que ten.

        Gústame

  2. Boas! Quería comentarvos que a vosa publicación paréceme realmente interesante e moi ven tratada.
    A Universidade de Santiago de Compostela (USC) non pode ir presumindo de ter boa accesibilidade para axudar en todo o posible a calqueira persoa que sofra dalgunha discapacidade, cando comprobamos perfectamente coa vosa publicación que non todas as facultades están adaptadas para facilitarlles o seu acceso.
    Como ven decides ao comezo da vosa publicación, este é un problema global, e como tal, deberíase tratar máis en profudidade. Non é normal que persoas con algunha discapacidade teña que facer esforzos “de máis” para acceder as súas aulas, cando a que realmente debería de esfrozarse para axudalos en todos os ámbitos e espazos e a propia Universidade. Están pagando unha matrícula como todos para estudar aquí, e como mínimo, a Universidade non debería poñer máis obstáculos. Non todas as facultadas están adaptadas a isto, e deberíase solucionar canto antes.
    Moitas grazas pola vosa publicación! Noraboa!

    Gústame

    1. Paréceme moi oportuno e estoy de acordo co teu comentario, salvo polo feito de que non pagamos matrícula. Só 1,12€ do seguro. Sempre e cando se teña a discapacidade recoñecida, claro. Por dicilo todo, que é o xusto. Non sei se como no caso das becas isto se lle compensa á Universidade, pero penso que non, polo menos directamente por ese concepto, igual si mediante subvencións e demais. Non entendo por que existe esa discriminación positiva sendo que o que fai falta é que se subvencione material, dentro do que se inclúe o material protésico, entre outras necesidades máis importantes que a universidade gratuita, que debería ser para todos, para quen menos recursos teñen e así o acreditan ou para ninguén, ou unha cota de reserva no acceso ás titulacións. Ó final isto favorece que a xente con discapacidade estea repetindo ano tras ano (porque as sucesivas matrículas non custan cartos) sen que garde necesariamente relación esta circunstancia coa discapacidade, ou que xente polo só feito de ter discapacidade poida entrar nunha titulación cun 5 na nota de acceso á universidade. Entendo que ambas son situacións que non resultan xustas nin son recomendables para ninguén. Eu entrei pola cota de discapacidade pero tería igualmente a nota de acceso na cota xeral, e obviamente acóllome á exención de matrícula como calquera, xa que teño que pagar outro material, pero non é un sistema nin axeitado, nin proporcionado nin equitativo. Outro problema que isto xera é o das matrículas de honra, que se ben temos exención de matrícula, entramos no cupo xeral de MH, de xeito que se me permite aforrar o prezo dduns créditos que xa non ía pagar igualmente, e, pola contra, posiblemente se deixe a outro estudante que o necesite máis e non teña exención de matrícula sen recibir esa MH; obviamente non vou desprezar unha matrícula de honra, pero a cousa é así e moléstame por quen puidese quedar fóra e se beneficiaría máis ao estar dentro.

      Grazas.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.