A educación como orixe da inclusión intercultural na sociedade

S3D

Migrar do teu fogar é moi difícil, e máis cando eres pequeno. Non só é chegar a un lugar novo e descoñecido para ti, senón que é facer fronte a uns costumes, unha cultura e unha forma de vida diferentes. Atópaste cunha adaptación obrigada a un ambiente novo, unida á incerteza propia do comezo dunha nova etapa e, ás veces, sen ninguén ó teu carón.

Cando chegas, non queda outra que adaptarte á cultura que hai porque é na sociedade na que vas a vivir queiras ou non. (…) A xente de aquí non se vai meter na túa cultura, non vai facer as cousas que ti facías, pero ti, que acabas de chegar, si que vas formar parte da súa.

Kateline de Jesus Brito Tavares

Situámonos de novo en Burela, un municipio lucense pertencente á comarca da Mariña Central. Nesta localidade hai unha ampla incidencia de migrantes, sobre todo procedentes das Illas de Cabo Verde. Esta comunidade leva uns anos asentada na zona, pero iso non quere dicir que estea totalmente incluída; poderíase dicir que a relación entre nativos e migrantes é: xuntos pero non revoltos. Si que se dan condicións como a asimilación cultural e a aceptación, pero, como analizamos noutra publicación, por agora a inclusión é unha cuestión que se pode poñer en dúbida.

Entón, a pregunta é: que se pode facer para que sexa posible esa inclusión? A educación e o ambiente no fogar son aspectos claves.

Interculturalidade na Educación Primaria

Isabel Abella, orientadora do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, ofreceunos a súa visión ó respecto. Isabel chegou ó centro no curso 1998/1999, cando se creou a praza do Departamento de Orientación. Nos primeiros anos non tiñan moito alumnado caboverdiano, pero co paso do tempo comezou a vir cada vez máis, o que supuxo en certa medida un problema para o centro debido á falta de recursos: “Tivemos un ano unha profesora que nos permitiran para traballo de nivel de competencia curricular e aprendizaxe de linguas. Si que tiñamos PT (Pedagoxía Terapéutica) e AL (Audición e Linguaxe), entón fomos tirando: no ensino de linguas procurábamos ter unha atención máis específica e despois a nivel curricular ir coas aprendizaxes básicas e dándolles tempo, para que puideran ir entendendo o máis básico”.

O CEIP Plurilingüe Virxe do Carme é un centro que xa ten certa vantaxe no ámbito educativo da interculturalidade debido a súa gran afluencia de alumnos estranxeiros. Isabel comenta que sobre o curso 2005/2006 produciuse unha masificación de caboverdianos nas aulas, factor que propiciou a creación dun Plan de Acollida no centro: “O primeiro plan que tivemos creo que data do 2006. Foi cando empezamos a tratar de estruturar un pouco a atención a ese alumnado. Logo seguiuse mellorando, cambiando e adaptando ese plan de atención ao alumnado procedente do estranxeiro, xa que non era particular para o alumnado caboverdiano”. Neste plan diferenciábanse factores como o nivel de dominio da lingua autóctona ou se o alumnado chegaba con algún atraso escolar. 

No momento en que un neno migrante se matriculaba no colexio, dende orientación realizábase unha avaliación inicial para ver as condicións escolares nas que chegaba: se dominaba o galego e o castelán, se tiña algún tipo de dificultade en específico, etc. “Moitas veces colaboraba comigo a profesora de AL (…). Para que o neno non se sentira só alí ao ser examinado, deixábamos que estivera algún membro da familia ou alguén que o coñecese (…). Unha vez determinada a escolarización, realizábase unha reunión de coordinación coa profesora que lles fose impartir clase”. Onde máis fincapé se fai é no ensino de linguas, pois a falta de dominio do idioma adoita ser a traba principal coa que chegan estes alumnos, por tanto, nese ámbito realízase unha especial atención; no resto de materias inténtase adaptar o temario de forma que vaian ó mesmo ritmo que os demais, a non ser que haxa grandes dificultades. 

Actualmente, o centro conta con alumnado estranxeiro de diferentes lugares e culturas (América Latina, Senegal, Madagascar, etc.), pero os caboverdianos seguen sendo os predominantes. “Ó alumnado caboverdiano nótaselle moito cando se incorpora tarde ao noso sistema educativo polo desfase curricular que ten. Trae unhas aprendizaxes básicas moi precarias e veñen cun nivel lector, escritor, de coñecementos e cultural moi baixiños. E despois o descoñecemento das dúas linguas e o inglés que temos para aprender”, explica Isabel.

Importancia do entorno familiar

Así mesmo, a inclusión dos migrantes nos centros escolares -ou mesmo na sociedade- non só radica no ámbito educativo, senón que tamén depende moito do ámbito familiar. Os nenos pequenos caracterízanse por ser moi inocentes e influenciables; a esas idades son como esponxas: absorben todo o que ven e escoitan. A súa inocencia débese ao descoñecemento pola falta de experiencia, o que en parte beneficia á non discriminación cando un neno migrante chega novo a un centro. Lamentablemente, cando os pais destes nenos teñen noticia disto, a situación pode dar un xiro de 180º: “Aí vén o problema, cando estes lle din ós seus fillos que teñan coidado. Os nenos pequenos, coa súa inocencia, son meros altofalantes do que a sociedade permite: que existan estereotipos (…)”, afirma Isabel. O ámbito familiar é esencial para que se de a inclusión intercultural, e pese a que quizais agora é máis difícil incidir nel porque certas crenzas xa están moi enraizadas, dende os centros escolares débese tentar educar ós nenos na interculturalidade para que nun futuro ensinen estes valores ós seus descendentes.

Comunicación bidireccional entre culturas

Ademais destes problemas, están as habituais dificultades dos nenos migrantes para ter novos amigos, pois o proceso de migración non é fácil e simplemente queren sentirse acollidos. Kateline comentounos que se sentira acollida grazas ó resto de rapaces caboverdianos cos que coincidira no IES Monte Castelo pero que, respecto ós nativos, non sentira esa acollida. A isto cabe engadirlle que o ambiente dun instituto xa non é o mesmo ca o dun colexio.

En ocasións cando un alumno migrante pasa da primaria á secundaria, acaba por abandonar os estudos por motivos que teñen que ver co familiar, por exemplo cando non se lle da valor ós estudos no fogar ou cando os rapaces se ven na obriga de comezar a traballar por dificultades económicas. 

Mais non só é iso. Por que é máis difícil na Secundaria? En idades máis avanzadas nótanse máis as diferenzas culturais que pode chegar a ter un neno migrante dun nativo. Tamén é moi difícil conseguir a comunicación bidireccional da que tanto se fala. “Creo que nos colexios é máis fácil, xa que nos institutos xa están os grupos formados. Isto supón que a xente se  desmotive”, expresa Kateline. Cando un neno migrante chega é máis fácil que a súa integración sexa plena na Primaria que na Secundaria, xa que canto máis maiores son os rapaces, tamén o son os seus prexuízos e estereotipos. 

Todos os docentes cos que contamos ao longo deste proxecto afirman con rotundidade que a ensinanza intercultural na primaria é fundamental, xunto cunha formación adecuada do persoal docente e psicopegagóxico dun centro. Sempre queda en vista o entorno familiar, no que os centros escolares xa non poden inmiscuirse directamente, pero a incidencia destes valores nos colexios, así como unha axeitada convivencia intercultural neles, pode facer que se chegue a incorrer nas familias.

Esta última cuestión é primordial: imaxinarse que os colexios son unha sociedade en pequeno, na que todas as interrelacións que se dan vinculan a nenos, pais e docentes, trasladando esa comunicación bidireccional e implicación na diversidade cultural das aulas ás rúas, de forma que sexamos conscientes no noso día a día da relevancia da compresión e inclusión das culturas alleas á nosa. Como dicía Kateline, son os migrantes os que se teñen que adaptar ás nosas forma de vida; pois fagamos nós o esforzo para que ambos estilos de vida convivan en sintonía sen ter que esforzarse un en adaptarse ó outro.

Peza elaborada polo grupo S3D. Coordinación e revisión: Antonio Rico Álvarez; Redacción: Sandra Rey Méndez e Pablo Rodríguez Roldán; Documentación: Clara Rodríguez Rejes; Imaxes e gráficos: Alba Rodríguez Pérez e Cristian Romero Rodríguez.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.