Igualdade de xénero: a voz experta

S1D

Non soamente se trata de empoderar ás mulleres, porque iso non vale de nada se non conseguimos que os homes participen neste proceso e non conseguimos que entendan que hai moitas maneiras de ser home igual de válidas”. Isto foi o que nos dixo Rocío Fanego, a Educadora Familiar do Concello de Guitiriz, un dos seis municipios galegos que se adheriron ao programa ‘Intercambios Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS’ organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que a día de hoxe seguen fomentando actividades relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Cartel do Concello de Guitiriz. Fotografía de elaboración propia.

Para unha opositora como Alba Fernández, contar cun Máster de Estudos Interdisciplinares de Xénero da Universidade de Salamanca, ademais doutro de Profesorado, ofrécelle unha visión diferente para “loitar por incluír este ámbito na educación”. Para ela a base para o cambio está na educación, pero entendida no seu aspecto global: “a educación é na escola, na familia, nos amigos, na rúa… o cambio conséguese cunha educación integral”. Do mesmo xeito que Rocío Fanego considera que está “na sociedade en xeral, aínda que os medios de comunicación teñen un papel importante, pero sobre todo as redes sociais”.

“Na escola xa é algo que se traballa un montón e está demostrado que se realmente non hai unha motivación desde a familia ou desde a casa, a escola soa non o logrará”.

Rocío Fanego

Cando lles mostramos os datos obtidos na nosa anterior enquisa, un dos máis salientables a comentar foi a asociación que ten a mocidade do termo “ama de casa” co xénero feminino. Rocío sinalaba que a día de hoxe “a sobrecarga dos coidados e das tarefas da casa segue recaendo nas mulleres, a propia palabra o di en feminino e non está xeneralizado o seu uso en masculino”. Alba propoñía o uso de “empregados do fogar”, e recoñecía que o problema segue moi presente na actualidade, posto que “cando a muller se incorporou ao merado laboral seguía facendo as tarefas do fogar facendo unha dobre xornada”.

Nesa mesma enquisa tamén puidemos observar que na maioría dos fogares non se fala de igualdade de xénero, Alba cre “que entrar no ámbito privado é moi difícil dende o ámbito público”, pero tamén considera que se pode conseguir a través de campañas de concienciación de xénero, dende as propias escolas e centros educativos, asociacións de veciños ou municipios… No Concello de Guitiriz, onde traballa Rocío, ofrecen apoio a aquelas mulleres que viven unha situación de desigualdade no seu propio fogar e queren denunciala: “Nós desde o Concello o que facemos é estar ao lado, cando elas decidan facelo vamos a apoialas, vamos a acompañalas no que necesiten”. 

A xornada no fogar non pode ser ilimitada (…) Posiblemente poñerse límites sexa unha dificultade porque non hai os valores de igualdade necesarios para conseguir tal reparto e tan exacto, pero deben conseguir que o seu traballo se valore”.

Alba Fernández

As palabras “corresponsabilidade” e “conciliación” repetíronse en numerables ocasións nas conversas que tivemos con Alba e con Rocío, pero tamén saíu á luz cando falamos con Ana Camiño, licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e colaboradora habitual de distintos medios de comunicación. “Na norma tes todas as posibilidades para conseguir conciliar a túa vida laboral e familiar con redución de xornada, con adecuacións de horarios… a realidade é que moitas veces as empresas non teñen a flexibilidade suficiente para poder facelas e aínda que, teoricamente, ese tipo de norma non está limitada a home ou a muller, a maioría das persoas que a solicitan son as mulleres”, comentábanos Ana, avogada de familia e acordos matrimoniais. 

Algo no que estas tres mulleres estaban de acordo é que a repartición das tarefas tende a ser cada vez máis igualitaria, pero aínda queda un longo camiño por recorrer. Rocío dicía que “o ideal é o 50% entre homes e mulleres e Alba que, incluso facéndoo deste xeito, había unha segregación destas tarefas por culpa da sociedade patriarcal posto que “sempre se relaciona a figura masculina co ámbito público e a muller asígnaselle outras tarefas máis privadas”. Rocío sinalaba tamén que no relacionado cos coidado de menores esta repartición “tende a ser máis equitativa, pero non ocorre o mesmo co coidado dos maiores”.

Outros concellos tamén se suman ás iniciativas contra a violencia de xénero. Cartel do Concello de Cospeito. Fotografía de elaboración propia.

Tanto Alba como Ana, apuntaron que existen moitas políticas de conciliación por parte do Estado e sobre todo pequenas modificacións que foron axustando a normativa á realidade. Ámbalas dúas destacaron o permiso por nacemento e coidado do menor, anteriormente coñecido como permiso por maternidade ou paternidade, que neste ano 2021 se conseguiu que fose igualitario en España. Ana considera que esta reforma “vai a ser moi positiva porque xa non vai haber diferencia entre a muller e home a efectos de empresa”, posto que en moitas ocasións existía certa reticencia por parte das empresas á hora de contratar mulleres pensando na posibilidade de que estas se quedasen embarazas ou tiveran fillos/as.

Tamén lles preguntamos pola brecha xeracional que observamos cando falamos con mulleres de a pé nunha das nosas anteriores publicacións. Rocío considera que “en xeral a situación mellorou, aínda que o neomachismo tamén está facendo o seu traballo e buscando argumentos (..) é por iso polo que é moi importante traballar cos homes”, ademais de que este é un aspecto que require sensibilización, tempo e traballo. As mulleres das xeracións máis novas tamén sinalaban que recibían comentarios cosificadores ou machistas cando camiñaban pola rúa e Ana recordounos que “esas situacións están penadas como abuso sexual no grao máis leve”. De todos os xeitos, Ana destaca que “o problema do acoso atópase sobre todo nos centros de traballo, aí é onde as situacións son máis duras, onde as mulleres habitualmente aguantan máis tempo sen denunciar”. 

Unha das conclusións que sacamos logo de falar con Alba, Rocío e Ana é que todas as iniciativas son positivas, desde calquera entorno. Para conseguir a igualdade real teñen que participar todas as institucións de todos os ámbitos. O obxectivo é acadar unha situación de plena corresponsabilidade doméstica e dunha plena paternidade, que implique que tanto homes como mulleres asuman por igual a responsabilidade e as tarefas que supón o mantemento do fogar e o coidado dos/as fillos/as ou maiores, e que remate coa tradicional división sexista das funcións.

Elaboración do texto: Lucía Campos // Edición do vídeo: Noemi Fernández // Gravación: Noemi Fernández, Lucía Campos e Antía Viqueira.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.