Que papel xogan os medios de comunicación na integración das persoas migrantes?

“Nosa sociedade cada vez é máis heteroxénea e parece que algúns medios de comunicación non son capaces de adaptarse a esta realidade”, sentencia Teresa (pseudónimo), que emigrou de Honduras ós 15 anos. 

Os procesos de migración no noso territorio veñen de lonxe e os fluxos de persoas sempre foron obxecto de noticia.  Non obstante, dependendo do contexto, a visión cambia case por completo. Galicia é unha comunidade autónoma que destacou polo seu intenso fluxo migratorio cara Latinoamérica durante o século XX con motivo da Guerra Civil e consecuente ditadura. Por este motivo, antes de analizar os medios de comunicación galegos, queremos botar unha ollada ó pasado e descubrir como os medios mexicanos trataban ós inmigrantes. 

María del Carmen Ogando, cuxa familia emigrou a México no 1941,  conta que non recorda ler noticias que buscaran crear prexuízos cara os españois. Segundo o que conta, isto podería deberse a que as familias migrantes como a súa non pretendían atopar traballo en ningunha das industrias do país senón que, normalmente, abrían as súas propias empresas e eran portadores de novos postos de traballo. 

Non obstante, nas hemerotecas de México podemos apreciar que si se trataba o tema da migración aínda que dende un punto de vista diferente ó español. No 1939, medios coma a revista La Reacción, publicaban caricaturas coma a seguinte: 

Neste debuxo podemos ver o que a migración española non era criticada como tal, senón que era empregada por algúns medios para atacar ó goberno e tentar convencer á poboación de que antepuñan os intereses dos españois. 

A situación que sofren hoxe os migrantes que veñen ao noso país dista moito da que recolle a hemeroteca da época. Concretamente este 2020 a inmigración acadou gran importancia na prensa debido a que a pandemia da Covid-19 destapou situacións que a xente descoñecía: como a precariedade laboral do persoal sanitario estranxeiro e as condicións dos migrantes no campo. As novas sobre a poboación migrante sempre provocan certo debate na sociedade sendo, nalgúns casos, acusadas de difundir estereotipos e discursos de odio. Pero, ata que punto é esta afirmación realista? 

Un estudo realizado por Inmigracionalismo amosaba que en máis da metade das novas sobre migración do 2020 non se citaba a palabra “persoa” e que, no 80% das informacións, non se tiñan en conta fontes migrantes. Esta é unha realidade que nos confirma Isabel García, presidenta de PEstudio (Asociación Xornalística, Estudos e Comunicación), alegando que: “Sempre se fala deles, pero nunca con eles”. Esta xornalista social asegura que, si as novas se realizarán doutra forma, as noticias serían completamente diferentes. O problema reside en que os medios atópanse nunha guerra por conseguir lectores sen ter en conta os dereitos das persoas.

A deshumanización da poboación migrante nos medios de comunicación e algo latente e demostrado en estudos como no antes citado. O xornalista José Vicente Barcia conta como son deshumanizados para xerar medo e convertelos nunha ferramenta política. Estas persoas son encasilladas dentro dunha serie de termos, coma inmigrante, MENA, ilegais… E os medios non teñen a iniciativa de mostrar as historias agochadas detrás desta xente para humanizalas novamente. “Cando os medios reducen a figura humana das persoas que teñen que marcharse das súas casas, dos seus países a meras cifras e os relacionan coa delincuencia e pobreza. Nese momento os estamos deshumanizando”. 

A propia prensa galega pode ser un exemplo destas prácticas discriminatorias cara á poboación migrante. Algunhas publicacións son polémicas pola súa criminalización cara determinados colectivos ou, incluso, racistas. Recalca o xornalista Barcia Magaz que as palabras non son inocentes, tendo en conta que os medios de comunicación son os espello no que se mira a sociedade e toda a información, dun xeito ou doutro, acaba repercutindo en toda a sociedade. Un exemplo disto é a publicación do Correo Gallego na que se observa perfectamente esta situación:

Por este motivo, aínda que cada vez é menos común, a xornalista social Isabel García aporta que a nacionalidade do agresor non ten valor informativo e non debe destacarse na nova. Ademais, alega que isto é causado pola irresponsabilidade dos xornalistas e pola falta de formación destes profesionais en Dereitos Humanos. Este titular tamén amosa o que nos relataba José Vicente Barcía ó asegurar que os migrantes poucas veces aparecen relacionados con feitos informativos como tal, senón que tenden a estar ligados a cousas negativas: a pobreza, agresións sexuais, roubo de traballo… 

As veces é a propia sociedade a que denuncia as faltas éticas dos xornalistas. Isto foi o que aconteceu recentemente cun artigo da Voz de Galicia publicado cinco días despois da morte de George Floyd, que perdeu a vida a causa dun arresto en Mineápolis. No subtítulo da publicación apórtanse datos que os usuarios consideraron que eran racistas e discriminatorios, ademais de estar xustificando dalgunha maneira o asasinato dese cidadán afroamericano. Tras a polémica o subtítulo borrouse, pero a noticia continúa na páxina do medio a pesar das fortes críticas que recibiu.

Dende o punto de vista estritamente xornalístico, todo o que sexa informar debe ser publicado, aínda que non sexa do agrado da poboación. Non obstante, neste caso a noticia carece do contexto necesario e está publicada nun momento de extrema sensibilidade social. José Vicente destaca que “as informacións noticiosas tamén poden violar os dereitos humanos e xerar un discurso de odio” e, aínda máis, cando neste artigo non se expón toda a problemática e parece estar escrito para conseguir a atención de certos sectores sociais. 

Ultimamente están dándose casos onde os medios de comunicación potencian prexuízos cara á poboación foránea e facilitan a transmisión de informacións falsas, que acaban por asentarse na sociedade. Como xa destacamos en publicacións anteriores, existe a crenza de que os migrantes só están aquí para enviar os cartos ó seu país, pero segundo os datos da UGT aportan á seguridade social o 10% das cotizacións, mentres só consumen o 1%. Este tipo de situacións obríganos a preguntarnos se os medios teñen algún tipo de responsabilidade á hora de desmentir fake news. Isto pode aplicarse á campaña do partido Vox, na que suxire que os MENAS custan 4.700€ ó mes. Neste caso, Isabel García, opina que non é responsabilidade dos medios denunciar o que fan outros. Sen embargo, si que botou en falta unha resposta mediática que explicara esa información como é debido para “amosar o que custan os rapaces e rapazas do sistema de protección, sexan de onde sexan”.

As situacións que se sofren acotío cos bulos cara as persoas estranxeiras ou incluso as criminalizacións deron lugar á creación de plataformas como Maldita Migración, encargada de desmentir fake news ou aportar nova información para explicar como é realidade. Non obstante, con estas ferramentas de verificación, a poboación prefire quedarse co bulo, informacións que acaban por prexudicar aos migrantes. Barcia Magaz di que a verdade é complexa e custa un dobre esforzo: o do xornalista e o da sociedade; pola contra, a mentira é simple, por iso é o que permanece na poboación.

Existe a crenza de que os medios de comunicación son un reflexo da sociedade, en cambio parecen ser un reflexo das empresas informativas que teñen os seus propios intereses co poder xa establecido. Ante esta reflexión coinciden os dous xornalistas citados e invítannos a pensar en como conseguir unha profesión máis xusta e acorde cos dereitos humanos. Para iso o xornalismo debe contar informacións veraces, respectando os códigos éticos. Mirando ao futuro máis próximo, o xornalista Barcia Magaz agarda que o xornalismo manteña a capacidade de contaxiar cousas boas.

Redactado por Adriana Quesada.

Editado por Sabrina Pérez.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.