MAPA: a accesibilidade nos Campus Histórico e Norte

S1E

No ano 2019, a Universidade de Santiago de Compostela, COGAMI e representantes do Concello de Santiago reuníanse para anunciar o inicio dos traballos para a mellora da accesibilidade nos Campus da institución. Nesta ocasión, visitamos facultades do casco histórico e do Campus Norte para comprobar cal é a situación actual e como se está actuando.

  1. Facultade de Filoloxía.

Óscar Freiría, alumno da Facultade de Filoloxía con mobilidade reducida, axúdanos a comprender cales son os problemas de adaptación non só nesta Facultade, senón na Universidade. Unha cuestión que sinala é a falta de comunicación entre a USC e os estudantes con discapacidade : “En tres anos, ninguén me chamou para falar das miñas necesidades nin adaptacións e sempre tiven que informar eu aos profesores”.

As barreiras físicas tamén están presentes neste edificio de relativamente recente construción. Óscar indica que a porta xiratoria de acceso é, para as persoas con mobilidade reducida, unha barreira que “grazas á COVID-19 quedou inutilizada”. E malia a existencia de ascensores, hai grandes carencias: aulas en pendente ou escaleiras para acceder ao salón de actos son algunhas das limitacións que Ócar sinala.

Antes da pandemia, a porta da esquerda estaba sempre pechada, dificultando o acceso a persoas como Óscar

2. Facultade de Medicina.

As aulas da Facultade, aínda que maioritariamente accesibles, presentan elementos que dificultan a accesibilidade á totalidade dos espazos: escenarios elevados, corredores estreitos e, nalgúns casos, imposibilidade de acceso de cadeiras ás propias aulas. Tan só nalgunhas delas hai dous asentos dianteiros reservados para persoas con problemas de visión, que levan aí dende que Susana Rodriguez,  ex-alumna con visión reducida, estudou nesa Facultade. 

O acceso principal está integrado por unhas escaleiras de pedra que dificultan o acceso a cadeiras de rodas. Neste sentido, o feito de que o acceso adaptado se sitúe no lateral esquerdo da mesma, fai que os percorridos para chegar á ala esquerda sexan longos para persoas que teñan dificultades de mobilidade.

Ao ser un edificio con características arquitectónicas e históricas complexas, as modificacións no relativo á accesibilidade son complicadas, aínda que se están acometendo obras con vistas a mellorar este e outros aspectos, despois de que se rexeitase a idea de construír unha nova Facultade. Só se dispón dun único ascensor que non dá acceso á totalidade das áreas, habendo niveis que non son accesibles. Do mesmo xeito, hai un único aseo adaptado.

Os dous asentos dianteiros están reservados para persoas con discapacidade

3.  Facultades de Enfermaría e Ciencias da Educación.

Hai anos unha persoa que estudase Maxisterio e tivese mobilidade reducida tiña que acceder ao centro pola Facultade de Enfermaría, xa que ata hai relativamente pouco tempo, non había ramplas de acceso á mesma. E é que os problemas nestas dúas Facultades son moi similares.

Na Facultade de Enfermaría hai dous ascensores en activo e dous anulados que non están adaptados completamente. Do mesmo modo, a de Educación tan só conta con un, que tampouco está adaptado, e ningunha das dúas ten aseos adaptados. Como punto positivo, as aulas da Facultade de Enfermaría permiten o acceso de persoas con mobilidade reducida e doutras persoas con condicións semellantes: as mesas son móbiles, polo que se permite establecer unha distribución o máis adaptada e accesible posible. 

A situación na Facultade de Ciencias da Educación é diferente. A propia Elena Vázquez Abal, profesora nesta Facultade, admite que “as cousas son máis complicadas” para as persoas con mobilidade reducida, sendo exemplo o Salón de Actos.

Na Facultade de Enfermaría atopamos aulas completamente accesibles pero con carencias para persoas con dificultades auditivas ou de visión

4.  Facultade de Historia. 

A entrada principal desta histórica Facultade limítase a unhas escaleiras e a única entrada pola que se podería acceder mediante rampla está situada na parte de atrás do edificio, cunhas condicións pouco accesibles xa que todo está cuberto de grava.

Por outra banda, as aulas, na súa maioría, non son accesibles debido á existencia de diferentes niveis dentro das mesmas. 

A Facultade conta con dous aseos adaptados en dúas plantas distintas e un único ascensor que, segundo o conserxe, non cumpre coa normativa. Do mesmo xeito, o bedel da Facultade comentou que, debido ao Plan Director desta Facultade, é complicado levar a cabo actuacións para a mellora da accesibilidade. 

Como no resto de Facultades, non hai paneis en Braille, nin adaptacións para persoas xordas ou con dificultades de visión.

Aula da Facultade de Historia completamente inaccesible. Non obstante, hai aulas en que non hai división por niveis

Pé: Aula da Facultade de Historia completamente inaccesible. Non obstante, hai aulas nas que non hai división por niveis. 

5. Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

A entrada principal á Facultade está formada por un camiño empedrado que pode dificultar o paso para algunhas persoas, pero unha vez no interior do edificio, hai xa ramplas accesibles. Por outro lado, no aparcadoiro para persoas con discapacidade, non existe unha rampla totalmente adaptada e hai bancos que entorpecen o paso a persoas con discapacidade visual ou física.

A facultade conta con ascensores antigos que ás veces non están ao nivel do chan, senón que teñen un pequeno chanzo, pero que levan a todas as aulas, aínda que non chegan aos despachos. Para acceder ao Decanato, por exemplo, hai que subir escaleiras ou atravesar varias aulas. Por outra banda, os aseos están adaptados, pero para chegar a eles no edificio novo, hai que percorrer moita distancia e abrir portas que adoitan estar entornadas. 

En diversas aulas quitáronse tarimas ou puxéronse ramplas, algo que non ocorre no Salón de Actos, que conta con ramplas móbiles

Entrada interior adaptada da Facultade de Economía, que conta cun ascensor para chegar a todos os andares

Nas Facultades dos Campus Histórico e Norte volvemos atopar obstáculos importantes para as persoas con discapacidade, o que convida a emprender accións efectivas e decididas para mellorar a accesibilidade dos espazos académicos e cumprir así o obxectivo marcado polas Nacións Unidas de que en 2030 se garanta “o acceso igualitario” das persoas con discapacidade ao ensino.

3 comentarios en “MAPA: a accesibilidade nos Campus Histórico e Norte

  1. En relación co indicado por Oscar Freiría, anotar que o SEPIU é un servizo reactivo, é dicir, responde ás solicitudes dos estudantes. entendo que se esté acostumado a que a un lle veñan a ofrecer as cousas á casa, pero o seu é un modelo igualmente válido e estou empezando a pensar que mesmo máis conveniente có outro, ben distinto é que esteamos afeitos a el ou non, porque é moi cómodo que te chamen para ofrecerche as cousas en vez de chamar ti para preguntar o que ofrecen. Eu non precisei axuda do SEPIU e nunca a pedín; se el quere que lle avisen eles aos profesores, digo eu que o lóxico será escribir un correo para informar de tal interese, porque ese servizo cónstame que o prestan.
    Entendo que non se fala da Facultade de Comunicación por impedimento da superioridade, pero xa que na miña esfera persoal podo comentar o que queira, permitirédesme que vos faga ese anexo por medio deste texto. A facultade non está adaptada: as aulas non son accesibles nin para persoas con mobilidade reducida, que con sorte poden poñerse na última fila, nin con discapacidade auditiva, entre outros; a acústica fóra das aulas é horrible; lévase anos reclamando varandas nalgunhas escaleiras exteriores que non se dan posto; e así moitas cousas. Algún día saberemos se a falta de dilixencia nos arranxos é desinterese ou, tal e como din eles, impedimento do contrato co arquitecto da Facultade, Álvaro Siza.

    Un saúdo.

    Gústame

    1. Por certo, que non o mencionades, supoño que por ser un centro adscrito: ten narices que a Escola de Traballo Social estea nun edificio inaccesible…ríete ti da de Comunicación, que a todo hai quen gañe.

      Gústame

      1. Óscar contábanos que sempre fai a solicitude ao SEPIU, pero que ou os profesores non son informados das súas necesidades, ou ben non fan caso desa notificación; xa que é o propio Óscar quen, ao comezo de cada cuadrimestre, debe ir a falar con cada profesor persoalmente.

        A escolla destas facultades é simplemente representativa, igual que no caso do campus sur. Iso si, en canto á Escola de Traballo Social, puidemos saber gracias a Patricia Veiga, actual traballadora social de COGAMI, que o edificio non está adaptado e que a súa condición de edificio histórico fai moi complicado a súa adaptación; ademais, o camiño para chegar a ela está cheo de dificultades para as persoas con discapacidade.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.