Homes recollendo peixe nas instalacións acuícolas

Distintas perspectivas da pesca: Cotas e acuicultura

 

S2A

“É necesario que existan, axudan moitísimo. Anos atrás había demasiadas especies en perigo de extinción pola sobrepesca e as cotas axudaron a remedialo. As cousas fanse sempre por algo. Por exemplo, aquí en Arcade se non tivésemos cotas das amexias acabaríamos coa vida mariña en moi poucos meses, xa que non terían tempo para reproducirse”, declara a expatroa da Confraría de Arcade, Rita Míguez, cando se lle pregunta pola súa opinión sobre o establecemento de cotas de pesca para determinadas especies mariñas. Rita Míguez amósase a favor delas, ao igual que Basilio Otero, Patrón Maior da Confraría de Burela e Presidente da Federación de Confrarías de Lugo, quen defende que axudan a protexer o medio mariño e a manter os prezos: “sempre se esquece a parte socioeconómica e son útiles para iso, axudan a manter as especies”.

As cotas de pesca son límites de captura que se establecen para a maioría de poboacións de peixes de interese comercial. Có obxectivo de protexer as especies mariñas, creouse a Política Pesqueira Común (PPC), para tódolos Estados membros da Unión Europea, que buscaba alcanzar o Rendemento Máximo Sostible (RMS) no ano 2020. Non obstante, Basilio Otero, Patrón da Confraría de Burela, comenta que en Galicia xa chegamos a el no 2019. “Todas as especies con cota no Cantábrico e Atlántico na nosa zona se atopaban no Rendemento Máximo Sostible no ano 2019”.

Malia a necesidade de que as cotas existan, tanto Rita Míguez como Basilio Otero coinciden en que son insuficientes e non se adecúan á realidade da pesca galega. “Por poñerche un exemplo, en arte menores temos o 90% da costa cantábrica e, porén, de cotas temos soamente o 15% de cabala. Están lonxe de ser axeitadas”, explica indignado o Patrón Maior de Burela, Basilio Otero. Pola súa parte, a Expatroa da Confraría de Arcade destaca unha falta de rigor da Unión Europea á hora de fixar as cotas: “antiguamente a xente pescaba como agora, pero para pagar menos imposto non declaraba a metade do que pescaba. Entón, cando se empezaron a fixar as cotas, foron aos datos históricos e non coincidían as cifras. Por exemplo, no País Vasco facían o mesmo que aquí, pero chegou un momento no que comenzaron a declarar todo, o que lles permitiu ter maior cota, xa que nos datos históricos eles pescaban moito máis que nas rías galegas. Nós, que temos a frota máis grande a nivel nacional, temos unha cotas ínfimas debido a que eses datos non concordaban coa realidade”.

Pesca do atún vermello
Efeagro/Arquivo. Ana Cerrud

Este reparto desequilibrado obriga ás confrarías a comerciar coas cotas. “Agora hai anos nos que Galicia ten que comprar a cota dunha Pesqueira do País Vasco ou a outros países mediante unha negociación para adquirir determinados tipos de cotas. En definitiva, aquí en Galicia saímos moi mal parados neste sentido. De non comerciar coas cotas, o máis probable sería que en Galicia se esgotasen nuns poucos días”.

“Os políticos relacionados coa pesca viaxan por Europa para negociar e que os traballadores do mar poidan saír adiante. Así e todo, a última decisión sempre se xestiona en Europa, aínda que primeiro se reúnen en Madrid para acadar un acordo nacional e posteriormente negociar co estranxeiro. Isto sempre vai en función dos datos biolóxicos”, explica a Patroa de Arcade referíndose ao procedemento polo que se establecen as cotas. Con ela concorda o Presidente das confrarías lucenses, Basilio Otero, quen denuncia o establecemento desproporcionado destas cotas, que non se adecuan as distintas zonas mariñas: “Europa é o que ten, quen crea estas desigualdades é a Unión Europea. As Confrarías levamos pedindo cambios inutilmente dende que España entrou na Unión Europea en 1986”.As cotas de pesca son unha das medidas que se toman para evitar a sobreexplotación na pesca. Non entanto, cantidades inxentes de peixes rematan na práctica da acuicultura que se leva a cabo no propio hábitat, alterándoo. Segundo as estadísticas da FAO, a contribución da acuicultura ao suministro mundial de peixe, crustáceos e moluscos está medrando, xa que dende o 1970 ata o 2002 a produción mundial aumentou dun 3,9% a un 29,9% e prevese que esta práctica teña unha tendencia ascendente. Isto pode prexudicar aos ecosistemas mariños debido á cría de especies subacuáticas en cautividade. En relación con isto, Marta Ureña Pérez, licenciada en Bioloxía Mariña, engade que “moitas veces a práctica da acuicultura faise no hábitat in situ, alterando as condicións do medio. Por exemplo, o uso de marismas como lugar para instalar granxas acuícolas é algo común no mundo pero está a transformar a función ecolóxica destes ecosistemas: secuestro de carbono, crianza de moitas especies de animais, terreos de alimentación…”.

Granjas de camarón construidas sobre mangle en Marismas Nacionales (Sinaloa-Nayarit).
Granxas de camarón construidas sobre mangle
en Marismas Nacionais (Sinaloa-Nayarit)

A bióloga Marta Ureña apunta tamén que “outro impacto real é que as especies salvaxes se empregan para operacións acuícolas para elevalas con seguridade e reducir as taxas de mortalidade. Isto tamén repercute no medio ambiente porque está a reducir a densidade de poboación dunha determinada especie. Dependendo de quen estea afectado, isto terá un efecto maior ou menor na súa comunidade en particular e no ecosistema en xeral. Por exemplo, o cultivo de mexillóns con bateas é un método de cultivo común nas Rías Baixas. O acondicionamento destas estruturas na ría pode ter certo impacto, pero a súa instalación e uso non están cambiando totalmente o ambiente nin recrutando individuos para crialas en cautividade. Son criados artificialmente pero no seu medio natural, como farían en calquera rocha. Este é un exemplo de sustentabilidade nesta área.”

Imagen
La voz/ Martina Miser

A produción nas instalacións acuícolas realízase con maior eficiencia que coas unidades de pesca extractiva e o seu uso é para consumo humano directo, cun emprego alimentario máis eficiente. Ademais, constitúe un medio para obter un enorme valor engadido nos produtos e supón un elemento básico para promover o desenvolvemento económico da costa tanto nos países en desenvolvemento como nos países desenvolvidos.

A acuicultura, por tanto, é unha arma de dobre fío posto que beneficia á economía e á alimentación mundial, mais pode danar os mares e, con estes, ás confrarías e mariñeiros que os traballan. Unha das razóns principais é que as augas de descarga dos tanques de acuicultura levan consigo unha gran cantidade de nutrientes e/ou contaminantes que danan as zonas costeiras. Segundo explica a bióloga mariña Marta Ureña, “os nutrientes atraen unha gran cantidade de fitoplancto que, se reciben unha descarga constante das augas contaminadas pode producir un proceso de eutrofización, é dicir, unha abundancia anormal de nutrientes nocivos”.

Por isto, cómpre que a acuicultura sexa realizada dunha maneira sostible xa que, do contrario, podería producir alteracións irreparables na vida subacuática. “Hai xeitos sostibles de facer as cousas, por exemplo, o caso que comentei do cultivo do mexillón en Galicia. O correcto sería facer un estudo de impacto ambiental antes de establecer calquera tipo de infraestrutura. Pero isto para a acuicultura ou para calquera outro campo. O que pasa é que é algo que require tempo, permisos… e a sociedade actual quere todo rápido e agora”, engade Ureña.

Criadeiro de ollomol en cautividade na Ría de Betanzos (A Coruña)
Criadeiro de ollomol en cautividade na ría de Betanzos (A Coruña)
  Óscar Corral

Ao igual que sucede coas cotas, a acuicultura pode ser unha das solucións para acabar coa sobreexplotación pesqueira, xunto coa creación de reservas mariñas e a adaptación da pesca á capacidade de carga de cada comunidade piscícola, respectando as tempadas de pesca. Pero esta acuicultura debe ser sostible.

Sara Marón, Uxía Osorio, Diego Otero (entrevistas), Paloma Luciarte (entrevistas e redacción), Sara Méndez e Laura Paz (redacción e edición).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.