Praia da localidade pontevedresa de Baiona. Fotografía: elaboración propia.
Grupo S1C
“As rías galegas son ecosistemas privilexiados e moi ricos, xeran moitos recursos naturais, manteñen unhas poboacións numerosas e tamén podemos pasear pola súa ribeira para o noso benestar físico e mental. Polo tanto non as debemos maltratar, porque a nosa experiencia é que maltratamos o mar”, afirma Xosé Manuel Barros, presidente da asociación Mar de Fábula.
Segundo o Plan de ordenación do litoral de Galicia, a lonxitude da costa galega é de 2.555 quilómetros que se compoñen de 1.659 quilómetros de perímetro costeiro, 432 quilómetros de illas e 464 quilómetros de marismas. Contando as súas illas, Galicia é a comunidade autónoma española con maior lonxitude de costa, case triplica a lonxitude de Andalucía, a segunda comunidade peninsular.
Por ese motivo, en Galicia existen numerosas asociacións que se dedican ao coidado do mar. Unha delas é Mar de Fábula, situada en Camelle (Camariñas), na provincia da Coruña. Xunto ao seu presidente, Xosé Manuel Barros, realizamos un percorrido virtual polo seu local. Nel atesouran as obras artesanais que crean cos residuos plásticos que recollen. Comezaron Mar de Fábula no 2014, cando un grupo de amigos pensaron que tiñan que facer algo ante unha serie de cicloxéneses explosivas polas que o litoral galego invadiuse de lixo mariño. O nome de Mar de Fábula foi proposto por unha das compoñentes da asociación, e Xosé Manuel considera que é un nome que lles inspira a coidar o mar.
Logo de Mar de Fábula formado por tapóns de plástico de bebidas. Fotografía: Mar de Fábula.
Xosé Manuel sinala que en Mar de Fábula “levan sete anos realizando limpezas na ribeira, no litoral da Costa da Morte e na área metropolitana da Coruña”. Aproximadamente realizan unha media de dúas/tres limpezas ao mes. Por exemplo, este 2 de maio realizaron unha limpeza en Camariñas, na Punta do Corgo.
Outra actividade que realizan na zona é un proxecto de augas limpas da ría de Camariñas xunto á Cofraría de pescadores e mariscadoras de Camariñas. O seu obxectivo é que a ría de Camariñas sexa un exemplo de progresión e recuperación da biodiversidade, un referente para o resto de rías galegas.
Tamén colaboran coa Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña nun proxecto de recuperación da praia de Bens, unha das praias máis contaminadas de Galicia, segundo sinala Xosé Manuel.
Outro campo importante de actividade son as charlas que imparten nos colexios, ou as actividades que realizan no local cando veñen os escolares. Como este 3 de maio, que visitaron o seu local os alumnos da Escola de Infantil e Primaria de Camelle.
Actividade ambiental de Mar de Fábula xunto aos escolares do CEIP de Camelle. Fotografía: Mar de Fábula.
Con todas estas actividades queren concienciar da importancia do coidado do mar, xa que Xosé Manuel sinala que o mar galego está moi contaminado. Indica que un 80% do lixo plástico vén de terra firme e un 20% vén do mar, da actividade pesqueira que tamén xera lixo plástico.
Tedes que imaxinar que as costas de Galicia teñen unha dobre fonte de agresión: por un lado os residuos que proveñen da terra e os residuos que proveñen do mar, da actividade pesqueira e do corredor marítimo de Fisterra. E non só a contaminación plástica, en Mar de Fábula estamos moi preocupados pola contaminación orgánica.
Xosé Manuel Barros, Mar de Fábula
Unha das composicións que realizan en Mar de Fábula co lixo mariño. Fotografía: Mar de Fábula.
Neste sentido, dende a administración tamén traballan para manter o mar galego en bo estado. Dende a Consellería do Mar da Xunta de Galicia indícannos que participan e participaron en distintas iniciativas “co obxectivo de atallar e avanzar na prevención e control do lixo mariño”. Sinalan que entre as accións que están en vigor atópase o Proxecto Marlimpo, ligado ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Con el pretenden “facer fronte ao lixo mariño e contribuír a mellorar o estado dos recursos e a situación dos milleiros de galegos que viven do mar”.
Proxecto Mar Limpo, desenvolvido pola Consellería do Mar. Fotografía: Consellería do Mar.
Outros proxectos que desenvolven son o CleanAtlantic ou o OceanWise. Entre os xa finalizados están o ML Style, Nada pola borda ou Pescal. Ao igual que Mar de Fábula, dende a Consellería do Mar a través de Portos de Galicia, realizan limpezas nos peiraos de titularidade autonómica.
No ámbito medioambiental cabe destacar que Galicia conta con tres ferramentas que a sitúan á vangarda da xestión dos residuos e que son a nova Lei de residuos e as estratexias de cambio climático e economía circular, que teñen como principios inspiradores e obxectivos principais converter os residuos en recursos e impulsar o seu aproveitamento a través da reciclaxe para evitar o consumo de novos recursos ou materias primas.
Consellería do Mar
Dende a entidade da Xunta de Galicia sinalan que “todo é mellorable pero podemos dicir que se avanzou moito nos últimos anos na loita contra o lixo mariño pois a concienciación do conxunto da cidadanía sobre este problema é cada vez maior”. Apuntan que o problema da contaminación no mar é global. Din que “para atallalo hai que actuar en todos os eidos, tanto en alta mar como nas rías e especialmente en terra, pois a maior parte do lixo mariño que aparece no mar procede de terra”. Gran parte deste lixo son plásticos, xa que tardan séculos en degradarse e desaparecer. Ademais, manifestan que “a maioría deles flotan e móvense polos mares e océanos de todo o mundo supoñendo un importante risco para moitos animais acuáticos que poden morrer en caso de inxerilos”.
Residuos plásticos na praia de Muros. Fotografía:Mónica Ferreiros, La Voz de Galicia.
Outro dos colectivos que traballan directamente vinculados co mar son os mariñeiros. Rogelio Santos, patrón de pesca, mariscador e mariñeiro de baixura de Queiruga, Porto do Son (A Coruña) comezou a súa relación co mar dende cativo, xa que gran parte da súa familia e veciños dedicábanse a ese oficio. Rogelio sinala que a riqueza dos mares descendeu moito nos últimos anos, porque durante moito tempo estes recursos foron extraidos e conformaron unha riqueza monetaria que contribuiu a que en Galicia houbera mellores infraestructuras. Tamén fixo que os fillos dos mariñeiros puideran estudar e que os traballadores do mar tiveran mellores ferramentas para desenvolver este emprego.
Rogelio Santos durante o seu traballo no mar. Fotografía: Rogelio Santos.
Galicia sempre foi punteira no mar. Non só a nivel de baixura como traballo eu, senón a nivel de altura. A xente do mar en Galicia foi pioneira abrindo lugares de pesca en absolutamente todo o mundo e producindo unha gran riqueza.
Rogelio Santos, mariñeiro
Con todo, esta actividade tamén tivo consecuencias. Rogelio indica que “os océanos están realmente sobreexplotados ou estiveron realmente moi sobreexplotados”. Para mellorar esta situación considera que as institucións e a sociedade, mariñeiros e persoas en xeral, deberían facer máis. Manifesta a súa gran esperanza na xente nova, pensa que en moitas ocasións “os rapaces teñen máis conciencia da necesidade de coidar da natureza e do mundo natural, que é un patrimonio de todos, do que teñen moitos adultos”.
Debuxo realizado por escolares do Colexio de Nebra, Porto do Son (A Coruña) con motivo dunha charla impartida por Rogelio Santos. Fotografía: Rogelio Santos.
Estamos nunha especie de límite, dándonos conta que temos que volver para atrás porque senón imos quedar sen nada. Eu intento dende a miña humilde posición tentar empuxar para mirarnos a nós mesmos e ver o que acabamos facendo co mar, coa natureza, coas nosas vidas e ca vida da xente.
Rogelio Santos, mariñeiro
Considera que dende o comezo a pesca debera ser xestionada doutra maneira para non chegar ao punto de contaminación que hai na actualidade.
Rogelio Santos comezou a ser coñecido a través das redes sociais, nas que amosa aspectos variados da vida no mar. “O eu que conto nos vídeos é natural non ten dobres intencións, é o que eu son, o que eu sinto”, declara Rogelio. Entre os factores que influiron para que comezara a difundir o seu traballo están o alento dalgúns dos seus mestres da ESO (Educación Secundaria Obrigatoria) que observaron o seu talento na escritura, e tamén a súa intención de dignificar a profesión de mariñeiro. Con esta actividade considera que hai un aspecto positivo porque a xente ve que é posible vivir doutra maneira diferente ao que se amosa xeralmente en redes sociais.
A actividade que desenvolven persoas que traballan no mar, como Rogelio Santos, a das asociacións que velan pola boa saúde das augas galegas, como Mar de Fábula, e a das institucións que vixilan o cumprimento das normas, como a Consellería do Mar, é fundamental para o mantemento dos recursos naturais en bo estado. Ben sexa a través de pezas artísticas, campañas ou vídeos en redes sociais, é importante amosar as consecuencias que a acción humana provoca no mar. Todos eles poden ou deben facer reflexionar á sociedade. Como manifesta Xosé Manuel Barros, presidente de Mar de Fábula: “Vós, os xornalistas, e a poboación en xeral, temos que ser conscientes que temos un planeta e temos que coidalo porque ten recursos moi limitados”.