“Eu non son consciente do que sentiron os meus pais cando abandonaron o país en busca de novas oportunidades porque nacín en México, pero o certo é que o meu pai era un home de tradición e fixo todo o posible para que eu non me esquecera de que era española”, relata María del Carmen Ogando. “Hai cousas que un non se pode permitir perder“.
A realidade socioeconómica dos países de Latinoamérica, dos que falamos ó longo destas publicacións, amosa como estas persoas foxen dos seus países a Galicia, entre outros, en busca dunha mellor vida e novas oportunidades. Estas persoas proveñen de países con fortes culturas e tradicións para terminar en lugares con crenzas similares ou totalmente diferentes. Tendo en conta que a cultura é identidade, poderían as persoas migrantes sentir unha perda ó verse nun entorno totalmente novo e diferente?
O fenómeno da migración afecta á identidade cultural dos pobos, pero tamén afecta de forma individual as persoas dependendo de onde se atopen. Adorno e Horkheimer falan na súa obra, Dialéctica da Ilustración, das industrias culturais como un modo de transmitir os valores da clase alta a poboación. Pero tamén amosaban distintos tipos de cultura diferenciándoos en: élite, alta cuna, popular, de masas e de novas identidades dependendo do suxeito que contole os valores que se transmiten nestas culturas. Neste caso estamos a falar da cultura popular e da dificultade das persoas migrantes a desprenderse ou incluirse nunha nova cultura que, en ocasións, transmite uns valores totalmente diferentes ós da súa cultura familiar. No caso da familia Ogando, que emigrou a México no 1941, as cousas foron sinxelas xa que, tal e como recorda María del Carmen, vivían en comunidades de españois e alí as tradicións continuaban dentro duns límites. Aínda que non foran capaces de celebrar tradicións moi concretas que so eran levadas a cabo nalgúns pobos, xeralmente continuouse coas grandes festividades e, incluso, adaptáronse a algunhas como a celebración do 1 de novembro, Día de Difuntos. Este día en Galicia é o chamado Día de Tódolos Santos e celébrase asistindo ós cemiterios a visitar a familiares xa falecidos destacando un ambiente fúnebre e triste. Pola contra, en México é un día para celebrala vida e comer nos cemiterios a carón dos familiares que xa non están canda eles de forma física.
María del Carmen Ogando destaca que, ó estudar con xente mexicana, era inevitable terminar formando parte da súa cultura aínda que viviran en comunidades de españois. Pon como exemplo a seguinte foto, onde aparece coas roupas tradicionais dos indios mexicanos.
No ámbito das tradicións, Teresa (pseudónimo) conta que si que hai un gran cambio de Honduras a Galicia. Ela e a súa familia celebran certas tradicións e crenzas dentro do seu fogar e unicamente entre a familia, sobre todo festas relixiosas como a celebración de certos santos que aquí non están dotados da mesma importancia, pero tamén se unen as celebracións propias da comunidade. Por exemplo, conta como o 31 de outubro do primeiro ano que estivo en Galiza descubriu que non se celebra Halloween senón que existe o Samaín que ten as súas propias costumes e historias.
As diferenzas culturais son algo común nos procesos migratorios. Non obstante, aínda non están moi asimiladas e este é o motivo polo que aparecen os chamados choques culturais. Este termo refírese ós sentimentos de confusión que unha persoa pode experimentar despois de comezar a vivir dentro dun espazo cunha cultura diferente á súa. Este tipo de sensacións prodúcense durante a etapa de introdución á cultura, antes de que estas persoas se adapten ás crenzas da súa nova comunidade. Tal e como sinala a profesora Marta Torres Falcón no seu artigo, La migración y sus efectos en la cultura: “Ser migrante significa ser outro. Máis especificamente, o outro”. É dicir, as persoas migrantes quedan reducidas a un mero estigma o que significa que non se tratan coma suxeitos cunha historia e cultura, senón que se antepón a crenza que hai ó redor deles e a súas formas de vida.
Teresa (pseudónimo) foi vítima do que interpretou coma un choque cultural. Isto ocorreulle nunha ocasión cando un compañeiro da súa clase a pisou cunhas botas de montaña e ela respondeulle cunha frase típica do seu país: “Pisa nun sitio máis grande, que tes sitio”. O compañeiro enfadouse moito e perseguiuna polos corredores. Cando a colleu agarrouna do brazo para dicirlle que marchara para o seu país porque aquí (en Galicia) ninguén a quería. Teresa nunca interpretou este feito como unha discriminación ou agresión, senón como un choque cultural alegando que o seu compañeiro non entendera a frase.
Este tipo de xustificacións, coma a de Teresa (pseudónimo), poden vir dadas ó normalizar comportamentos que son discriminatorios ou, incluso, abusivos. Tal como di o xornalista Barcia Magaz, redes sociais de moda como TikTok carecen dun control real para evitar a difusión de comentarios e conductas discriminatorias que son percibidas por xente xove e influenciable que termina por asumilas como algo normal.
Cando unha persoa está nun espazo cultural diferente, poderiamos dicir que entra proceso de aculturación, que é o cambio da cultura dun grupo ou persoa baixo a influencia doutra cultura. En socioloxía este termo refírese á adaptación do individuo a un grupo e non ten porque ser entendido como algo precisamente negativo xa que está presente, por exemplo, cando persoas como Teresa aprenden galego para comunicarse coa xente da comunidade. O investigador Ángel Badillo, comenta que o propio concepto da aculturación como perda da identidade cultural a favor doutra máis dominante é algo inevitable, posto que “eses zoolóxicos culturais onde unha cultura vive illada e non se relaciona con outras son cada vez máis difíciles de atopar”. Ademais, apunta que a aculturación non é un proceso tan indesexable, senón que é o camiño inevitable do proceso de globalización que levamos vivindo varios séculos.
Por outra banda, a pesar de que os países latinoamericanos e España poidan parecer próximos culturalmente, isto non é de todo certo. Ángel Badillo destaca que existe un substrato cultural común coa linguaxe, pero a pesar disto a lingua que se fala nestes países ten termos moi diferentes ós que usamos en España. É certo que este nexo lingüístico facilita a comunicación das persoas migrantes de México, Honduras e outros países cos españois, pero “incluso os substratos similares non o son tanto”. Dende o punto de vista moi estrutural tamén temos tradicións en común, pero dende un punto de vista máis específico non está claro que isto sexa así: “Os pobos latinoamericanos teñen liñas comúns, pero con culturas moi diversas”. Temos que ter en conta, tal e como relata Ángel Badillo, que as grandes ligazóns españolas cara América Latina foron fai moito tempo e as últimas grandes migracións producíronse na Guerra Civil e posterior ditadura, o que supón que “a distancia á que están esas conexións culturais xa son dunha ou dúas xeracións atrás”.
A nosa sociedade, moitas veces, non percibe as diferenzas como algo bo; senón que existe certo temor a que eclipsen a nosa cultura propia. No fondo os problemas veñen dende a infancia, na enquisa que realizamos durante a semana pasada, o 73% considera que detrás da visión de superioridade da cultura española por enriba da Latinoamericana débese á educación. Isto sumado ao avance das redes sociais, que dan voz aos estigmas negativos sobre a migración, provoca que as diferenzas culturais sexan vistas coma unha ameaza á nosa identidade en vez de coma un enriquecemento.
Redactado e editado por Sabrina Pérez e Adriana Quesada.