Limpeza da Praia de Broña, Serra de Outes. Fotografía: Mar de Fábula.
Grupo S1C
Chegamos ao final do curso hídrico polos ríos e mares de Galicia. Durante cinco publicacións a través de axentes implicados coñecemos os problemas presentes no río Lamas (comarca da Fonsagrada), no río Ulla (transcorre polas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra), no río Sar (comarca do Sar e comarca de Santiago), no río Lagares (Vigo) e no mar galego.
No río Lamas, dende o Instituto Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada desenvolveron actividades de limpeza do río xunto aos seus alumnos. Este tipo de actividades serven para concienciar á xente nova da importancia do mantemento adecuado dos recursos naturais. No río Ulla, a asociación medioambiental AMABUL tamén desenvolve xornadas de limpeza de plantas invasoras do bosque de ribeira do río. En canto ao río Lagares, a delegación de ADEGA en Vigo e a Asociación Bidueiro realizan limpezas das augas e da contorna das mesmas.
Alumno do IES Fontem Albei da Fonsagrada durante unha limpeza do río Lamas. Fotografía: IES Fontem Albei.
No río Lagares, o grupo S1C desenvolvemos unha campaña de concienciación ambiental para o seu coidado. Colocamos carteis por varios puntos do percorrido do río: no parque de Castrelos e nas proximidades do Estadio de Balaídos.
Nestes carteis, baixo o lema de “Coida o Lagares!” figuraban consellos como “pensa antes de causarlle danos”, “evita que as augas negras se vertan no río” ou “non maltrates a flora e a fauna”.
Cartel colocado polo grupo S1C na contorna do Estadio de Balaídos. Fotografía: elaboración propia.
Nesta caso do río vigués, a bióloga Romina Álvarez-Troncoso sinala que durante moitos anos o Lagares “foi un lugar onde se botaban os refugallos e se facían verteduras incontroladas”. Pola súa experiencia propia apunta que a situación recentemente está mellorando.
Na Mesa Redonda sobre a Contaminación dos ríos galegos realizada xunto aos compañeiros encargados no OCC do ODS 12 (Produción e consumo responsables), Patricia Reboreda, bióloga do Concello de Ames, sinalou que “debemos arrancar un traballo de concienciación social para intentar cambiar a sensación de que todo o que temos é para o noso uso e disfrute. E valorar a auga, que eu penso que se valora moito máis do que se valoraba. Somos un todo, e como un todo non podemos abusar dos usos nin dos malos usos. Gustaríame poñer máis fincapé nos asuntos positivos que estou vendo nestes últimos tempos”.
No mar de Galicia, entidades como Mar de Fábula tamén realizan actividades de limpeza dos litorais. Ademais, cos residuos plásticos que recollen conforman esculturas e composicións artísticas de forma artesanal. Tamén dende a Consellería do Mar da Xunta de Galicia desenvolven limpezas nos peiraos de titularidade autonómica.
É moi importante ser responsables no día a día para evitar que o lixo chegue ao mar e tamén cando facemos algunha actividade neste medio, retirando todos aqueles residuos que atopemos.
Consellería do Mar
Xosé Manuel Barros, de Mar de Fábula, sinala que “ao final da limpeza todo o mundo está cun sentimento de satisfacción de que teñen feito algo útil”, xa que ás veces o escenario que atopan nas ribeiras é arrepiante. O presidente de Mar de Fábula engade que “as persoas participantes nas limpezas marchan para as súas casas con moita información, entonces mobilizan e sensibilizan á súa contorna”.
Limpeza de lixo mariño realizada polos voluntari@s de Mar de Fábula na praia do Lago, Camariñas. Fotografía: Mar de Fábula.
O consello que eles dan e no que sempre insisten é en utilizar o mínimo de residuo plástico posible.
É un problema complexo a contaminación do mar, que ten que abordarse dende a óptica de catro fontes: por unha banda a lexislación (nacional e internacional), por outro lado os fabricantes dos plásticos, por outra banda a gran distribución que teñen a tixola polo mango e por último, e máis importante, a cidadanía.
Xosé Manuel Barros, Mar de Fábula
Rogelio Santos, patrón de pesca, mariscador e mariñeiro de baixura de Queiruga, Porto do Son (A Coruña), considera que a poboación galega non está menos concienciada do coidado do mar que noutros lugares de España, Europa ou o mundo. Engade que en parte se debe ao sentimento de apego pola terra e polo mar dos galegos. Cre que o nivel de concienciación é alto, pero que tamén sempre se pode mellorar.
Manifesta que a través do exemplo hai que tentar sumar a máis xente para o coidado do mar. “Todos estamos conectados con todas as criaturas que hai no mar como as que eu ensino nos vídeos, dende o cabaliño de mar ata as baleas azuis, a través dos sumidoiros das nosas casas”, engade Rogelio. Declara que ten collido centolas con toallitas pegadas. “Non é unha cousa contaminante que vaia perxudicar a quen o come, pero é bastante triste e penoso ver iso”, sentencia.
Unha das capturas que Rogelio Santos comparte en redes sociais. Fotografía: Rogelio Santos.
Non é vergonza recoller un plástico cando vas á praia, vergonza é tiralo. Eu nin sequera lle pido á xente que recolla, pídolle á xente simplemente que non tire.
Rogelio Santos, mariñeiro
Neste sentido, unha das campañas que se están a desenvolver a nivel mundial para visibilizar o coidado dos mares é Clean seas (Mares limpios), unha iniciativa da ONU (Organización das Nacións Unidas) baixo o lema “cambia a marea do plástico”. Dende o seu inicio no 2017, o seu obxectivo é involucrar aos gobernos, ao sector privado e á sociedade en xeral na loita contra a contaminación plástica nos mares. Nun dos seus vídeos sinalan que anualmente oito millóns de toneladas de plásticos vértense aos océanos, e que no 2050 podería haber máis plástico que peixes nos mares.
Un dos últimos proxectos de Clean seas foi a construción da primeira embarcación do mundo feita totalmente de plástico reciclado.
Logotipo de Clean seas. Fotografía: Clean seas.
Por tanto, en todas estas iniciativas que coñecemos ao longo das nosas cinco publicacións, e noutras moitas que traballan duramente de forma anónima, radica a esperanza dun planeta en mellores condicións no que as súas augas sexan respectadas. Ese é o obxectivo do ODS (Obxectivo de Desenvolvemento Sostible) número 14, de Vida Submarina. Protexer os océanos e os ríos de todo o mundo ten que seguir sendo unha prioridade, para absolutamente todos e todas.
Un post moi interesante. Paréceme que as iniciativas como a do IES Fontem Albei son moi importantes para concienciar dende unha idade temperá. Igual estas iniciativas deberían espallarse por máis institutos da comunidade. Tamén a idea dos carteis no Río Lagares, agardo que a xente repare máis neles e se decate da importancia dos nosos ríos.
GústameGústame
Moitas grazas polo teu comentario!
Pois si, certamente que as iniciativas cos escolares, sexan ao nivel que sexan, son importantes para concienciar aos adultos do futuro. A mágoa é que, por exemplo neste caso do IES Fontem Albei, estas actividades xa non se están a levar a cabo na actualidade. Polo que sería importante que tiveran continuidade no tempo.
GústameGústame