Para cando a subversión masculina dos coidados?

BELÉN PUÑAL

Para rematar a nosa investigación sobre o ODS número cinco, igualdade de xénero, consideramos necesario que a voz experta conclúa esta andaina expresando a súa visión crítica sobre a problemática, sendo esta voz a de Belén Puñal, investigadora en Comunicación e Xénero e directora do Observatorio de Comunicación Cidadá da Universidade Estatal de Milagro (Ecuador).

TEXTO DE BELÉN PUÑAL

O amor, os afectos, son para as mulleres explotación. Fórono ao longo da historia patriarcal e ségueno a ser. Non haberá igualdade até que caia o bastión máis íntimo, o máis pechado, protexido polos mil mal quereres que nos atan. Porque non é sinxelo para moitas mulleres vivir cos remorsos íntimos de considerar non suficientes os coidados que se lle dan a un pai, a unha nai, a un fillo ou a unha filla. A nós, mulleres, cangóusenos co peso da Vida, en maiúscula, e cos pesos en minúscula das vidas que nos rodean. Senten os mesmos remorsos eles, homes? Québranse do mesmo xeito cando ven imposible compatibilizar as esixencias dun mercado laboral para o que nunca nada é suficiente coas demandas de coidado dunha cativa enferma que non pode ir ao cole ou dun maior que ese día espertou derrotado polos anos?

Máis de catro horas diarias son as dedicadas por elas a coidados do fogar, o dobre ca eles. Enquisa sobre o emprego do tempo realizada polo IGE no ano 2010.

Este dato do IGE do 2010, subliñado nun dos post deste seminario, di moito, mais non o di todo. Non haberá igualdade mentres o mesmo camiño que percorremos nós para conquistar o espazo público, o percorran eles, para compartir en pé de igualdade o espazo privado. Comentábao na recta final da súa vida Betty Friedan, unha das históricas que ergueu a bandeira da segunda vaga do feminismo na década dos sesenta. E iso é complicado, moito, porque suponlle renunciar a privilexios a quen naceu con eles. Como tiven a sorte de escoitar de boca da escritora Rosa Aneiros nun acto compartido neste último 8 de marzo, máis difícil é educar un fillo a renunciar aos seus privilexios que educar unha filla na conquista dos seus dereitos.

Renunciar aos privilexios de ser home

Non axuda vivir nunha sociedade que leva as súas contradicións aos límites, e as agocha culpando sempre as individuas. Porque nós, mulleres, sentímonos culpables se non damos satisfeito a voracidade produtiva que esixe o mercado laboral neoliberal. Non é culpa do mercado, que bah, educáronnos para pensar que a culpa é nosa, porque non somos suficientemente boas, ou talentosas, ou eficientes, ou porque as liñas do currículo aínda non son abondas. Ou mesmo temos que escoitar do noso entorno íntimo que, se nos explotan, a responsabilidade tamén é nosa, por deixarnos ou por non sermos ambiciosas no actuar. Como selo, acaso, se a ambición na muller está estigmatizada, se mesmo trepa é unha palabra feminina? Como selo se no fondo, a túa propia parella,  está entendendo que, se ti pos os coidados como prioridade, é problema teu e non del. 

Porque nós, mulleres, entendémolos como prioridade, educáronnos niso, inseríronnolo no noso código ético. Belén Puñal.

Cargamos historicamente co estigma de ser consideradas putas ou malas nais. Por certo,  o estigma de mala nai segue a ser tan forte que mesmo serve para exculpar ao maltratador que che esgazou a vida. Síntoo. É difícil abstraerse das referencias carrasquianas nesta época de vodevil televisivo.

Os coidados como subversión

Poñer os coidados como prioridade é subversivo nunha época na que a produción o é todo, na que o traballo remunerado invade todo o noso ser, o noso día a día, o noso vivir. Mais non lle corresponde ás mulleres erguer soas a bandeira desa subversión. Ten que ser, ha de ser, unha subversión conxunta. Porque, do contrario, corremos o risco de facérense máis grandes os abismos. Para cando manifestacións de homes saíndo á rúa para reivindicar que os coidados tamén son seus, que seu tamén é o mundo dos afectos? Para cando reivindicárense eles suxeito, e non só obxecto deses afectos? Claro, cómpre entender antes que reivindicarse como suxeito é tamén asumir responsabilidades, é dicir, esa parte dos afectos que leva consigo unha carga, especialmente pesada se non se comparte.

Non somos nós as que temos que renunciar ao código ético dos coidados, é a sociedade a que ten que poñer ese código no centro, non na produtividade desenfreada esixida polo mercado laboral neoliberal, que sabe disfrazar cada vez mellor de mérito e flexibilidade a desregulación e a precariedade. Non somos nós as que temos que cumprir coas dobres esixencias, de produción e de reprodución, da maquinaria capitalista. Somos tod@s os que debemos cuestionar esa estrutura de fondo.

Imaxe cedida por Belén Puñal

Pensemos. Coidémonos

O latín COGITARE é o étimo da palabra coidar no seu dobre senso: pensar e dedicar atención a algo ou a alguén. Ao igual que a palabra economía na súa raíz grega viña a referirse á administración dunha casa. Unha reviravolta etimolóxica para demostrar o absurdo das dicotomías xeradas na sociedade patriarcal. Houbo tamén un momento no que as palabras liberdade, igualdade e fraternidade marcaron as proclamas que romperon coas cadeas do antigo réxime. Liberdade, igualdade e fraternidade para eles, claro, porque para houber un suxeito produtor masculino na fábrica era preciso unha muller que se encargara dos seus coidados, e gratis, no fogar. Agora que nós, mulleres, conquistamos o dereito a ser suxeitas de produción , quen se encarga de coidarnos, quen se encarga de coidar a quen coidamos? Non é un pregunta retórica. Os datos amosan que maioritariamente o seguimos facendo nós. Somos tan fortes que podemos aguantar sen romper das forzas que tiran das obrigas produtivas e das reprodutivas que nos impoñen. Mais, até cando? Queremos para as nosas fillas esta vida?

Por onde comezar? Pon onde se comezan a defender os dereitos humanos? A saúde pública? Á educación? A dignidade? En definitiva, o dereito á vida? Porque a loita pola igualdade entre mulleres e homes está ao mesmo nivel, é todo iso é máis, non un apéndice secundario que tantas veces serve de guinda do pastel a última hora dun ciclo de conferencias. Cómpre comezar polos cambios dentro de nós, si, sobre todo se somos varóns e nacemos no bando dos privilexiados. Mais tamén e sobre todo polos cambios no sistema. Un sistema que nos entenda como suxeito e obxecto de coidados, non como pezas dun tramado produtivo a maior gloria do capital. Pensemos. Coidémonos. Hai homes que non aman ás mulleres. Tamén son aqueles que non renuncian aos seus privilexios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.