“A maior parte dos comportamentos discriminatorios que eu recibín foron na adolescencia, polo que penso que son conductas que veñen da nenez” declara Teresa (pseudónimo)
Ao longo das últimas publicacións os testemuños das nosas fontes evidenciaron que as persoas migrantes sofren distintos problemas que afectan a súa inclusión. Xeralmente cando falamos dun problema, pensamos en posibles solucións. Por iso é necesario, non só denunciar as situacións discriminatorias que sofren as persoas foráneas ao vir á nosa comunidade; senón que, tamén debemos pensar en posibles solucións, dende as máis grandes ata as máis pequenas, co obxectivo de que poidan gozar dunha vida coas mesmas condicións que unha persoa nativa.
Tras escoitar o testemuño de Teresa (pseudónimo), onde fala dos comportamentos discriminatorios que viviu no instituto, podemos apreciar que a meirande parte das agresións e comentarios xenófobos que recibiu foron na adolescencia. No noso día a día, estamos acostumados a escoitar que os nenos son crueis pero, sen ir máis lonxe da realidade, os cativos só reproducen as condutas que ven nos seus maiores. “Os críos escoitaban discursos de odio nalgún sitio, non os inventaban” sentencia Teresa (pseudónimo), que sufriu agresións e insultos no instituto. Estas evidencias amosan que hai fallas na educación: tanto na que se recibe na casa como a que se imparte nas escolas. A discriminación cara á poboación migrante esténdese en todas as esferas da sociedade, pero, sen dúbida ten un efecto maior na poboación nova que queda marcada por uns estigmas que non se corresponden coa realidade.
A longo prazo, trazar un sistema de educación diferente parece ser unha das opcións máis factibles. Unha educación inclusiva onde se ensine dende a igualdade, facendo especial fincapé naquelas persoas que corren un risco maior de sufrir marxinación. Para iso é fundamental evitar comentarios ou situacións como as que viviu Esther cando un mestre a convidou a marchar da aula de xeito pouco amable se non entendía o galego e que buscase outro profesor que falase castelán. Erradicar estes feitos marxinais e facilitar a inclusión son os primeiros pasos que se deben dar para mellorar o sistema. Pero o problema tamén debe de abordarse dende o punto de vista máis académico: a día de hoxe continúase ensinando na escola que “España conquistou América”, ofrecéndolle aos estudantes unha visión implícita de que a nosa sociedade é superior, neste caso, á Latinoamericana. Nisto coinciden a meirande parte das persoas enquisadas polo noso grupo a semana pasada, que destacan que unha das grandes problemáticas ao seu xuízo é a visión “colonizadora” da nosa sociedade.
Non se trata só do que se ve nos libros de texto, senón nas películas, nas series, nos libros… O Xornalista Barcia Magaz está realizando un estudo sobre os grandes monstruos do cinema e, nas súas pesquisas, asociou a figura do “zombie” coa das persoas migrantes; xa que son persoas que se moven con lentitude, teñen fame e interpretamos que o seu estado económico é contaxioso. Pero, non é necesario recorrer a símiles complexos para evidenciar isto, hai cantidade de películas ao alcance de todos que estigmatizan como seres inferiores ás demais culturas. Nas plataformas como Netflix ou Amazon Prime Video, atopamos un amplo catálogo de contido audiovisual que nalgúns casos promove certa criminalización cara a poboación negra ou latinoamericana. Isto é algo evidente nas series policíacas, onde estes aparecen como ladróns, traficantes ou integrantes de bandas perigosas. Pero tamén son visibles nas películas dos máis pequenos, como no caso de Peter Pan, a cal foi retirada por Disney por promover estereotipos cara os indíxenas e empregar vocablos despectivos. Son pequenas cousas, cotiás, que vemos todos os días e que están inculcándonos uns estigmas sobre unha poboación determinada, que non se corresponden coa realidade.
Tamén debemos ter en contra que, no noso día a día, utilizamos frases feitas sen percatarnos da carga xenófoba que teñen: “te tocó la china”, “cabeza de turco”… Son algunhas desas expresións que se utilizan inconscientemente. Aínda que, en ocasións, os estigmas na linguaxe non son tan accidentais como podemos ver neste anuncio: “se busca mesera latina con curvas”, que foi o que atopou Esther cando estaba a buscar traballo. Pode parecer que isto é algo illado, pero non é así: diariamente as mulleres latinas son cosificadas pola súa complexión física outorgándolles sempre unha carga sexual. Non se trata só dunha discriminación racial, senón que é tamén unha forma de machismo. Este tipo de comentarios deshumanizan ás persoas ata convertelas en simples “obxectos” ou ”fetiches”. De feito, as mulleres Latinoamericanas cando chegan ao noso país son máis vulnerables a sufrir os efectos do machismo e o sexismo. En relación a isto, Mercedes Medo comentábanos, que cando ela chegou ao noso país (2007), viuse obrigada a realizar tarefas que as persoas “de aquí” non querían realizar, todas elas relacionadas co fogar ou o coidado de xente maior. Asegura esta muller ecuatoriana que dun xeito involuntario, as persoas migrantes, concretamente, as mulleres, non poden ascender socialmente. Para Mercedes isto é algo prioritario que ten que cambiar para poder mudar a situación actual que sofre a poboación migrante que chega ó noso país.
Un punto de vista importante é o das persoas que fuxiron cara Latinoamérica e voltaron a España, xa que poden aportar unha visión da migración diferente. A familia Ogando e a familia Ferradás coinciden en que, no ámbito económico, as persoas que migran en situación regular cara o país teñen unha vantaxe que eles non tiveron: axudas por parte do Estado. Ambas familias foron a un país descoñecido no que tiveron que comezar os seus negocios da nada, ó menos no caso dos Ogando, xa que pertenceron a unha das primeiras oleadas de migrantes polo que non tiñan contactos no país. Ás veces esta situación da lugar á creación de bulos e falsas informacións, alegando que as persoas que veñen ao noso país só están aquí para roubarnos. Acusacións deste tipo recibiunas o pai de Teresa, que no seu posto de traballo foi increpado por un compañeiro que lle dixo “por que teño que pagar impostos para o teu soldo se ti es estranxeiro?”. Para o avogado José Antonio López, que as persoas migrantes reciban axudas non é algo que deba preocupar a nosa sociedade e alega, ademais, que “se as reciben é porque de verdade o precisan”, do mesmo xeito que calquera nativo do noso país pode acceder a determinadas prestacións estatais.
Por outra banda, María del Carmen Ogando, unha retornada de México, destaca que a nivel social as cousas son diferentes: en España os migrantes van acompañados dunha serie de prexuízos e estereotipos que fan que reciban agresións e problemas á hora de buscar emprego. “Nós tiñámolo todo máis fácil porque a xente consideraba que sendo español eras traballador e decente, é totalmente o contrario do que sucede aquí”, afirma. Estes prexuízos e falsas crenzas das que fala Ogando veñen dadas moitas veces, como xa comentamos noutras publicacións, polo papel que teñen os medios de comunicación á hora de contarnos as cousas. Por este motivo, para Isabel Gómez, presidenta de PEstudio, o ideal sería unha re-educación dos medios de comunicación na materia de dereitos humanos e responsabilidade para abolir este tipo de perxuízos e estigmas na prensa; porque deste xeito, tamén deixarían de espallarse ao resto da poboación. Pola súa parte, Barcia Magaz vai máis aló e é partidario da proposta da FAPE (Federación de Asociacións de Periodistas de España) de incluír unha materia de xornalismo nos institutos. Con isto podería ensinárselle aos adolescentes a distinguir entre as informacións falsas, as pouco éticas…
Non obstante, a problemática que xira arredor das persoas migrantes é algo máis complexo que o trato que reciben da sociedade. Non se debe esquecer, recalca o avogado José Antonio López, que cando estas persoas veñen ao noso país é porque, realmente, están vivindo unha situación extrema. Por iso, para el a mellor solución é tratar de axudar aos países emisores. Crear políticas que, no lugar de colonizar, axuden a mellorar. Na mesma liña se sitúa o xornalista Barcia Magaz, que culpa a Occidente de consumir a meirande parte dos recursos dos países “máis pobres”, sen devolverlles absolutamente nada. Segundo Barcia, este é un dos motivos polos que se ven obrigados a vir aquí: a “depredación de Occidente”.
A pesar de que a situación segue sendo complicada para moitas persoas migrantes debido ao racismo e á discriminación aínda latente, podemos dicir que nos últimos anos a sociedade está comezando a sensibilizarse máis arredor destas problemáticas. Proba disto son as recentes protestas contra o símbolo de Conguitos, por estereotipar ás persoas negras. Algo semellante aconteceu co chocolate Nestlé “Beso de Negra”, que debido á connotación sexual e racista, cambiaron o nome do produto. Disney + tamén decidiu tomar cartas no asunto e así, pouco a pouco, imos cambiando pequenas cousas que poden axudar a mellor a situación de determinados grupos sociais.
Redactado e editado por Sabrina Pérez López e Adriana Quesada Ogando