S1A
A educación rural enfróntase a varias desigualdades, como ben poden ser a falta de servizos ou de recursos económicos necesarios para superar situacións, coma a falta de alumnado tan presente neste ámbito. Para loitar contra esta sombra que tingue a educación no rural, xorden iniciativas positivas co obxectivo de ofrecer unha mellora cara esta problemática.
Neste contexto, atopamos o Programa de Generación Docente, unha compensación económica da Fundación Princesa de Girona (FPdG) que ofrece a 30 estudantes universitarios de Educación a oportunidade de formarse nun Colexio Rural Agrupado (CRA). Esta Fundación púxose en contacto con tres comunidades con CRA: Aragón, Galicia e Extremadura. Trátase dunha iniciativa que na súa primeira edición trata, en palabras de Suso Mosquera, director do CRA Santa Comba-Coristanco e participante no círculo de lectura organizado polo Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC), de “virar a mirada cara o rural e poñer en contacto alumnos do grao de mestre co ensino rural”.
O CRA Santa Comba-Coristanco é un dos centros colaboradores deste programa da FPdG. Nicolás Vega é un rapaz natural de León e un dos bolseiros desta axuda, que no seu caso, foi destinado ao centro do que é director Suso Mosquera. “A Fundación Princesa de Girona elixiu persoas super motivadas, multifacéticas, con interese e ganas por facer cousas”, afirma o director do CRA Santa Comba-Coristanco, que conta á súa vez que Nicolás Vega é un entusiasta do cine e do rap, e que nesa vía está a levar actividades moi interesantes cos alumnos.
Son os alumnos receptores das bolsas os que teñen que dicir se lle parece interesante a iniciativa ou non. “Nico non o dubida”, afirma Suso Mosquera, que explica tamén que dos 30 bolseiros, 11 están en Galicia e, cos que falou, están encantadas e encantados. “Están descubrindo unha realidade que non se lle visualizara na carreira”, afirma.
As escolas rurais apenas están presentes nos plans de estudos universitarios. Os novos profesores e profesoras saen do mercado laboral sendo descoñecedores dunha realidade moi presente na nosa comunidade. “A verdade e que nestes dous anos que levo de carreira o nome de escola rural nunha foi mencionado nunha clase”, conta Uxía Balboa, estudante de Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e outra das participantes no círculo de lectura. O problema radica en que son os propios formadores das facultades os primeiros en ignorar estas realidades.
Este programa tenta loitar contra esta problemática, ofrecendo unha oportunidade de coñecer a educación impartida no medio rural complementando cos coñecementos sobre a educación que xa se imparten dende a propia Facultade. Se non se mostran estes contextos, dificilmente un estudante que teña que elexir centro educativo onde facer as súas prácticas ou mesmo un profesor recentemente saído ao mercado laboral, vai ter en mente a escola rural entre algunha das súas opcións. “Nunca se sabe se a raíz desta conversación me vai cambiar a idea de onde quero verme nun futuro”, afirma Uxía Balboa ao remate do círculo de lectura.
“Se queremos potenciar o rural e a defensa da escola hai que potenciar a formación dos profesores, para que os mestres tamén teán coñecemento de que poden exercer no contexto dunha escola rural”
AS CASAS NIÑO

Por outra parte, seguindo a liña das axudas que potencian a educación rural, cómpre mencionar as casas niño, que se levan poñendo en marcha dende o ano 2016 en 61 concellos de Galicia que contan menos de cinco mil habitantes, como é o das Nogais. “Son pequenas escolas infantís que foron creadas como un recurso gratuito que atende a nenos de cero a tres anos que viven en entornos rurais”, explica Begoña Fernández Fresnedo, encargada da casa niño das Nogais, e engade á súa vez que son un punto moi importante para conciliar a vida laboral, familiar e social e así atraer a poboación ó rural.
Estas axudas entran no plan de reactivación da Xunta dirixido aos centros educativos, onde un dos seus principais obxectivos é atraer poboación ao rural. Porén Begoña Fernández argumenta que “na Galicia na que cada ano pechan escolas rurais por falta de nenos, e na que as aldeas seguen facéndose cada ano máis vellas, está só é unha pequena axuda”, e engade que o punto principal para que “o rural non morra” son as facilidades para a creación de emprego.
As casas niño teñen o mesmo funcionamento que o dunha escola infantil corrente. “A actuación céntrase na atención e no coidado dos nenos e nenas, dando moita importancia ás rutinas como a alimentación, a hixiene e o descanso. Pero tamén ao xogo e á aprendizaxe, sempre co obxectivo de conseguir o progreso de cada neno segundo as súas posibilidades iniciais”, explica a encargada da casa niño de As Nogais, que destaca en todo momento o beneficio que supoñen para os pais e nais destas zonas, ao non ter que desprazarse para escolarizar aos seus fillos e tamén para os cativos, que non teñen que desprazarse dos fogares para iniciar a súa escolarización.