O Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC) é unha ferramenta para a cidadanía e para a formación en cidadanía, que tivo a súa orixe no proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC) na convocatoria pública de Redes de investigación co patrocinio da Xunta de Galicia e os Fondos FEDER da Unión Europea (2014-15) e ten continuidade ao través dos Círculos de Lectura que se vaian xerando desde as institucións, asociacións ou organizacións sociais, e os Círculos de Aprendizaxe promovidos desde os grupos de traballo da materia Comunicación Interpersoal e Comunicación Comunitaria do 2º curso do grao de Xornalismo na USC.
O OCC é un medio on line aberto á participación das persoas, co que se pretende exercer a vixilancia cidadá ou control social dos medios de comunicación en Galicia, desde o “media criticism” (crítica aos medios) enfocando sobre a súa representación, o acceso á comunicación dos grupos de atención social prioritaria (muller, mocidade, migrantes, persoas con diversidade funcional, persoas maiores, entroutros) e a vulneración dos dereitos universais da cidadanía. O obxectivo final de OCC é a mellora dos medios de comunicación no seu exercicio da responsabilidade social e do pluralismo na súa produción de sentido da realidade social.