Quen somos?

Somos un grupo de alumnos e alumnas de xornalismo quen está a fronte do Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC). Ante todo, buscamos deixar atrás as nosas diferencias para traballar por un xornalismo honesto, en contacto co mundo. Deste xeito, o diálogo é esencial no noso proxecto: non só o diálogo (sen intermediarios) coas fontes protagonistas das situacións que queremos visibilizar, senón tamén o diálogo entre todos e todas as que construímos o OCC.

O OCC é un medio que nace cunha vocación comunitaria. O obxectivo final das persoas que o conformamos é traballar por unha mellora da sociedade a partir dunha análise crítica da nosa realidade máis próxima. Tomando como referencia Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), falaremos cos colectivos involucrados nas cuestións que abordan estas metas para afondar en temas que se escapan da axenda mediática.

Ao longo dos meses de traballo, as aproximadamente oitenta persoas que formamos parte do OCC sacaremos proveito da nosa riqueza social e cultural para dar a coñecer realidades ignoradas á cidadanía. Se, despois disto, desexades poñernos cara, non dubidedes en navegar polo menú do OCC 2020 para coñecer cada un dos subproxectos do medio e ás persoas que os integran.