Observatorio Cidadán de Comunicación

Que é OCC?

O Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC) é unha ferramenta para a cidadanía e para a formación en cidadanía, que tivo a súa orixe no proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC) na convocatoria pública de Redes de investigación co patrocinio da Xunta de Galicia e os Fondos FEDER da Unión Europea (2014-15)  e ten continuidade ao través dos Círculos de Lectura que se vaian xerando desde as institucións, asociacións ou organizacións sociais, e os Círculos de Aprendizaxe promovidos desde os grupos de traballo da materia Comunicación Interpersoal e Comunicación Comunitaria do 2º curso do grao de Xornalismo na USC.

O OCC é un medio on line aberto á participación das persoas, co que se pretende exercer a vixiancia cidadá ou control social dos medios de comunicación en Galicia, desde o “media criticism” (crítica aos medios) enfocando sobre a súa representación, o acceso á comunicación dos grupos de atención social prioritaria (muller, mocidade, migrantes, persoas con diversidade funcional, persoas maiores, entroutros) e a vulneración dos dereitos universais da cidadanía. O obxectivo final de OCC é a mellora dos medios de comunicación no seu exercicio da responsabilidade social e do pluralismo na súa produción de sentido da realidade social.

Metodoloxía do OCC

A Metodoloxía que emprega o OCC para a análise da vulneración, da representación nos medios e da experiencia cotiá e a participación alternativa fundaméntase no debate dos Círculos de Lectura e de Aprendizaxe e a súa análise a partir dos Indicadores elaborados e consensuados no proxecto CIDEC, por unha veintena de organizacións sociais, xornalistas en exercicio nos medios tradicionais e comunitarios e académicos de distintas disciplinas sociais e humanas pertencentes ao SUG. As técnicas utilizadas nestes procesos responden a análise conversacional a partir de materiais que os membros do Círculo deciden e revisan en común, a análise critica do discurso (ACD), a análise de redes sociais humanas (ARS) e a matriz de Indicadores xerais seleccionados e Indicadores focaisaplicables a cada temática. Ver as táboas de Indicadores xerais e focais por temáticas aquí.

Participación e publicación

Se vos interesa participar colaborativamente no OCC podedes facelo mediante a publicacion de artigos e materiais no blog. As vosas propostas serán atendidas no correo: coordinacion.occ19@gmail.com

Buscamos as experiencias da xente do común cos medios, dos afectados en primeira instancia. Podedes tamén colaborar con comentarios que atendan ás normas de estilo. Lembrade que vos atenderemos no seguinte enderezo electrónico coordinacion.occ19@gmail.com