Peche das escolas rurais (S1B)

Boas! O noso grupo vaise centrar no ODS da Educación de Calidade, enfocado dentro do marco rural galego. Nós somos (de esquerda a dereita) Iria Fernández (Coordinación), Leila Fernández (Edición), Carlota Fandiño (Difusión) e Paula Castiñeiras (Actividades).

O principal obxectivo que perseguimos é afondar no peche das escolas, xeralmente unitarias, localizadas nas zonas rurais. Todas nós vivimos en áreas do rural e, dunha maneira ou doutra, este tema tócanos de cerca, de aí que o escolleramos para traballar con el. Pensamos que o peche das escolas rurais comeza a ser preocupante, e pode afectar seriamente á calidade da educación dos rapaces e rapazas destes lugares. Por estas razóns, pretendemos achegar información sobre aquelas persoas que se viron afectadas polas devanditas circunstancias, ademais de explicar as causas e consecuencias de todo isto. 

Para ofrecer estes datos, contaremos cos puntos de vista dos principais actores implicados: mestrado, familias, alumnado e asociacións de veciños do rural. Desta maneira, queremos acadar unha visión completa do que pode chegar a supoñer o peche dun colexio.

GLOSARIO

Educación de calidade: correspóndese co cuarto ODS da UNESCO, que ten como obxectivo “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos”. Considérase que unha educación de calidade é aquela que forma mellores seres humanos, cidadáns con valores éticos que exercen os seus dereitos e cumpren os seus deberes para convivir en paz. É unha educación que xera oportunidades de progreso e prosperidade para eles.

Rural: segundo a Real Academia Galega (RAG), “Relativo ou pertencente ao campo e á súa vida e manifestacións, por oposición á cidade.” Dentro deste entorno, no ámbito da educación atopamos centros educativos como os CRA.

Escola unitaria: este concepto fai referencia ós centros educativos que recollen os niveis de Infantil e Primaria situados no entorno rural e que se caracterizan pola impartición da docencia nunha aula conxunta (como o propio concepto indica), con tan só un ou varios profesores para todo o alumnado. Isto é posible porque se trata dunha escola cun baixo número de nenos e nenas.

Colexio Rural Agrupado (CRA): centro educativo localizado no rural dedicado ás ensinanzas infantís e primarias. Neles, o alumnado pode convivir nunha única aula e, noutros casos, o número é suficiente para realizar diversas agrupacións. Os centros asumen metodoloxías distintas ás dos centros urbanos, xa que xeran aulas con necesidades e dinámicas moi diferentes. Dentro da súa zona de influencia pode haber varias localidades.

ANPA: as súas siglas representan o nome da entidade “Asociación de Nais e Pais de Alumnos”. É unha asociación sen ánimo de lucro formada polos pais e nais do alumnado dun colexio. A súa intención é contribuír á mellora da calidade da educación, da convivencia do centro e das instalacións.

Despoboamento: supón a perda total ou parcial dos habitantes dun lugar, por motivos moi variados, normalmente por morte, envellecemento ou desprazamento a outros lugares. No caso galego, as zonas rurais atópanse maioritariamente despoboadas.

Éxodo: segundo a Real Academia Galega (RAG), este termo significa a “saída masiva que unha poboación fai dun sitio para outro, co fin de se establecer nel ou de xeito ocasional”. Se nos encadramos dentro do ámbito no que se desenvolve o tema que estamos a tratar (a educación de calidade no rural), o éxodo prodúcese das zonas rurais ás urbanas. Deste xeito, redúcese o censo destas áreas, producíndose consecuentemente o desuso das súas escolas.

Publicacións

O incesante peche das escolas unitarias galegas

A situación crítica dos Colexios Rurais Agrupados e as Escolas Unitarias en Galicia leva ocupando portadas nos medios dende 2005. O escaso número de alumnado levou ao peche de exactamente 205 das escolas rurais da nosa comunidade ata o día de hoxe.  As principais causas parecen ser a diminución de matriculacións en escolas unitarias, o… Seguir lendo O incesante peche das escolas unitarias galegas

O que ocorre cando deixas atrás unha escola unitaria

Casa da escola unitaria de Freixeiro, en Santa Comba Máis de 200 escolas unitarias galegas pechadas en apenas 15 anos, e centos de rapaces e rapazas obrigados a trasladarse a outros colexios máis grandes. Isto conleva, na maioría de casos, modificacións nas rutinas diarias das familias e, por suposto, un grave impacto psicolóxico no alumnado… Seguir lendo O que ocorre cando deixas atrás unha escola unitaria

O peche dunha escola unitaria vivido dende dentro

Cada ano presenciamos o peche de numerosas escolas unitarias na nosa Comunidade Autónoma: os Colexios Rurais Agrupados galegos están a vivir unha crise. Volveuse algo rutinario, pero moi poucos coñecen o procedemento burocrático desde que se toma a decisión ata o posterior fechamento definitivo. Falamos co actual director do CRA Coristanco-Santa Comba, Suso Mosquera, que… Seguir lendo O peche dunha escola unitaria vivido dende dentro

Adaptarse para sobrevivir: que pode facer unha unitaria para evitar o peche

Os servizos ofertados por un colexio, sexa unha unitaria ou un CEIP, constitúen unha baza relevante á hora de decidir onde escolarizar ós nenos e nenas. No círculo de lectura celebrado o 29 de abril, no que se trataron diversas cuestións relacionadas coa educación no ámbito rural, saíu á luz o devandito tema. Nesta actividade… Seguir lendo Adaptarse para sobrevivir: que pode facer unha unitaria para evitar o peche