Nin libros nin clases presencias: a actual prioridade dos alumnos é o acceso ás novas tecnoloxías

S2D

“A ti pódenche dar a mellor cociña do mundo que se non sabes cociñar de aí non vas sacar nada, e iso é un pouco o que está a ocorrer con esta falsa sensación de tecnoloxización que existe actualmente” explica Fernando Lacaci, presidente Confederación ANPAS galegas.

A necesidade de cobertura dixital en tempos de crise sanitaria vai moito máis aló de ter ou non ter un ordenador persoal ou da capacidade económica para adquirilo. A realidade é que a Administración, as ONGs e outras entidades tratan de paliar a falta de medios con medios, pero o problema non se soluciona poñendo na casa un ordenador, o problema é saber o que se pode facer con el e incorporalo á vida ordinaria e convencer ás familias de que hai que deixar un espazo físico e sonoro aos nenos para as clases ou simplemente para o traballo online. Por iso  non hai que capacitar dixitalmente á persoa senón a familia enteira. Non serve simplemente con repartir máquinas ao alumnado. 

“Ademais, a falta de competencia para manexar as novas tecnoloxías é algo que pode acontecervos a rapaces coma vós ou a nenos que teñen dez anos menos, que son uns analfabetos e teñen o móbil como una mera extensión natural da man.” contaba Fernando Lacaci. Curiosamente, entre moitos dos mitos que caeron durante a pandemia, o principal é o dos nativos dixitais.

Non obstante, aquí semella que o que hai é un claro problema de desinterese en adquirir esa capacitación nunha sociedade afeita ás facilidades e que relaciona o dixital co mínimo esforzo persoal. Un neno precisa poucas semanas para poñerse ao día na tecnoloxía básica, pero está afeito a ver esta tecnoloxía como un lugar de recreo, un ámbito lúdico que non precisa esforzo. Para os adultos sen capacidades tecnolóxicas  é  moi diferente, precisan adaptarse a un entorno totalmente alleo a eles e, moitas veces, a inversión de tempo e atención que precisa compite co traballo, as necesidades da vida cotiá ou mesmo a idade avanzada.

A dixitalización colleu por sorpresa á xente que se veu incapaz, malia o esforzo dos docentes, para sumarse ao mundo dixital. A sociedade non estaba preparada e, en medio da preocupación xeral pola pandemia, o esforzo semellaba excesivo. As administracións públicas non foron unha excepción e non conseguiron solucionar o problema. 

A pandemia demostrou que o mundo no que criamos vivir é un puro ouropel que caeu de golpe. Porén, algo avanzamos, con todas as eivas da diferenza xeográfica, económica, social… avanzamos rápido, pero seguimos estando no mesmo punto en canto ao que pretendemos. “Eu creo que o primeiro que hai que facer é saber que entende a xente por educación dixital, e aí vos, os universitarios, sodes quizais o campo máis perxudicado” afirmaba Fernando Lacaci.

Un chiste que circula polas redes sobre a evolución do ensino exemplifica ben o que Lacaci di: primeiro, dáselles aos alumnos un texto no encerado, despois nunha fotocopia e finalmente nun pdf, pero sempre é o mesmo texto. Cambia o vehículo pero o camiño é o mesmo. E isto é algo que acontece tanto na primaria, coma na secundaria ou a universidade, e é algo que non debería ocorrer pois a universidade véndese coma máis avanzada e non é certo.

O que se está a poñer en lugar do ensino tradicional non é o ensino online, estase dixitalizando o analóxico, pero iso non serve de nada. “Se lle dis a un rapaz que en vez de estar seis horas na aula mirando para un profesor ten que estar esas seis horas na casa mirando para unha pantalla non se soluciona o problema” explicaba Fernando Lacaci. De feito, en setembro loitouse por retomar a presencialidade, mais non porque se pensase que os alumnos están mellor xuntos na aula, senón porque non se quería vivir de novo o desastre educativo do primeiro confinamento.

“Dixitalizar o ensino require empoderar aos estudantes nos entornos dixitais e non só dar ordenadores. Significa proporcionar ferramentas informáticas pero tamén conceptuais que permitan traballar de forma autónoma e exercer o pensamento crítico tamén nos entornos virtuais” conta Eva Garea Traba, profesora no IES Xelmírez I.

Por iso, mudar o modelo educativo non é dixitalizar o pasado, é renovar as formas que nas que as persoas deben relacionarse coa educación. A educación debe servir para capacitar ao alumnado a aprender e, neste camiño, a tecnoloxía pode ser unha axuda se se sabe utilizar, pero non pode suplir nin a vontade de aprender nin a capacidade de ensinar. 

Funcións de cada integrante do grupo S2D: 

Manuel García Conde (difusor: elaboración da publicación para o Instagram do observatorio e do tweet de difusión); Sergio Gil Pazos (editor: edición); Andrés García Iglesias (responsable de actividades: entrevista a Fernando Lacaci); Sara Millán Garea (coordinadora: redacción da publicación e edición).

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.