A contaminación nos ríos Ulla e Sar: unha situación decente e outra preocupante

Río Ulla. Fonte: gazeta.gal

Grupo S1C

A contaminación hídrica é un problema xeralizado nos ríos de Galicia. Para coñecer de primeira man este problema nos ríos Ulla e Sar, dous dos máis coñecidos de Galicia, falamos con varias persoas e institucións involucradas co seu coidado. Estes ríos están relacionados, xa que o Sar é un afluente do Ulla. Aínda así, tamén contan con destacados problemas de contaminación nos que imos profundizar a continuación.

Comezamos polo río Ulla, o segundo río máis caudaloso e longo de Galicia despois do Miño. Segundo nos indica Rubén Villasenín, presidente da asociación medioambiental AMABUL (Ama a Biodiversidade Ullá), a calidade da súa auga é boa, pero existen problemas polas especias invasoras nas ribeiras do río.

O Ulla nace nos montes de Olveda, no concello de Antas de Ulla (Lugo). Pasa por 19 concellos das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, ata desembocar na ría de Arousa, no Océano Atlántico. En total, contando os seus regatos e afluentes transcorre por 28 concellos galegos. O seu principal afluente na provincia de Lugo é o Pambre, na Coruña o Furelos e o Sar, e en Pontevedra o Arnego e o Deza. Con este último forma o sistema fluvial Ulla-Deza, recoñecido como LIC (Lugar de Interese Comunitario) e ZEC (Zona de Especial Conservación) pola ‘Rede Natura 2000’.

Ao longo do transcurso do río Ulla, este conta con aproximadamente 24 EDARes. Non todas elas depuran a auga que vai no curso do río Ulla, senón que algunhas delas depuran a auga dos seus afluentes.

Tramo do río Ulla na provincia de Lugo. Fonte: elaboración propia e Google Maps.

Os seus principais problemas en canto á contaminación están relacionados con verteduras agrícolas, químicas e humanas ao longo do seu curso; as especies invasoras, as centrais hidroeléctricas (como a central hidroeléctrica de Portodemouros) e mineiras (como a mina de Touro, que actualmente non está en funcionamento). 

Con todo, Rubén sinala que non se pode dicir o mesmo do bosque de ribeira do río Ulla. Explica que este bosque “está moi alterado, tanto pola presencia de especies exóticas invasoras, plantas exóticas invasoras, como a tradescantia, como o eucalipto, como a robinia, como a mesma clitonia incluso”.

Tramo do río Ulla nas provincias da Coruña e Pontevedra. Fonte: elaboración propia.

No seu traballo a pé de campo na zona da ruta de San Xoán da Coba, no Concello de Vedra, detectaron que a tradescantia fluminensis está a actuar de forma agresiva coas especies autóctonas, xa que impide a rexeneración das súas sementes. Nese sentido dende AMABUL desenvolven a campaña “erradicadescantia”, para concienciar sobre a importancia da eliminación desta planta.

Tradescantia fluminensis - Wikipedia, la enciclopedia libre
Tradescantia fluminensis.
Membros de AMABUL nunha limpeza da tradescantia fluminensis. Fonte: AMABUL.

Nas actividades nas que están a traballar nos concellos de Vedra, Touro, Boqueixón, A Estrada ou Teo consideran que a poboación si é “consciente da importancia de coidar estas zonas porque ao fin, e máis nestes tempos de pandemia, estámonos dando de conta da necesidade que temos de saír ao campo, de desfrutar do aire libre, etc.” Pensan que “a  ferramenta para chegar á situación máis sostible posible para a contorna é a través da educación ambiental”. Están moi satisfeitos da resposta da cidanía aos seus programas de voluntariado, campamentos ou actividades en colexios, pero non coa labor sobre os ríos que realizan as administracións.

No que non estamos contentos é que nos gustaría que a administración en xeral, a administración central, puxese un pouco máis de esforzo, ben sexa directamente ou indirectamente a través de colectivos e entidades do terceiro sector, que puxera algo máis de forza para que se fomentase esa educación ambiental de facto. Porque moitas veces queda no papel por desgraza.

Rubén Villasenín

Un dos concellos polos que pasa o río Ulla na provincia da Coruña é o de Teo. Puidemos falar con Rafa Sisto, alcalde do municipio. El indicounos que no concello non contan cun proxecto de protección dos seus ríos, “xa que calquera actuación ten que estar autorizada por Augas de Galicia”. Aínda que aclara que isto “non implica que exista pouca protección”. Considera necesario un plan de protección integral dos ríos a un nivel maior, xa que a eles tamén lles afectan as decisións dos concellos da súa contorna.

Ese plan integral de protección podería concretarse facilmente se os organismos de conca fixesen partícipes e responsables aos concellos nas súas decisións: sempre colaborativas e participativas entre Xunta e concellos limítrofes.

Rafa Sisto

Sinala que os concellos deberían ter máis protagonismo na acción sobre os ríos: “Ou se consigue dar aos concellos protagonismo nesa toma de decisións (ninguén mellor ca nós mesmos sabemos das nosas prioridades), ou o futuro será complicado”. Engade que se a concienciación ambiental da poboación segue avanzando, “a presión social tamén será determinante para a mellora da situación”.

A continuación, seguimos o curso do Ulla ata chegar ao río Sar, no concello de Santiago de Compostela. Beatriz Noya Mariño, da Plataforma Pola Recuperación do Sar, considera a súa situación como crítica, particularmente no seu percorrido despois de Santiago.

Este río nace na marxe dereita do Ulla, na parroquia de Bando, na capital galega. Nesta cidade atravesa as parroquias de Sar, Conxo e Laraño. A continuación, transcorre polos concellos de Ames, Brión, Padrón, Rois e finalmente desemboca no Ulla. Os seus principais afluentes son o río Sarela, o Roxos, o Tinto e o Rois. Un tramo do mesmo forma parte da ‘Rede Natura 2000’, feito que contrasta coa calidade real da auga do río, xa que é considerado dende hai anos como o río máis contaminado de Galicia. Segundo datos pertencentes a diferentes estudos, reflíctese que non se cumpren os condicionantes das verteduras esixidas.

Mapa da bacia do Sar. Fonte: cedida pola Plataforma Pola Recuperación do Sar.

Beatriz Noya indicounos dous puntos negros de contaminación: as augas posteriores ás depuradoras da Silvouta (Santiago) e de Sisalde (Ames). As augas tratadas na EDAR da Silvouta vértense ao Sar. A EDAR de Sisalde quedou obsoleta, xa que cando se construiu no 2001 podía atender a 10.400 habitantes de Ames e Brión, pero no 2017 chegaron a 23.500. Na última visita á zona que realizaron na súa Plataforma observaron que as augas van directamente ao río. 

Mapa do río Sar. Fonte: elaboración propia e Google Maps.

Con todo, Beatriz indícanos que dende a Plataforma non teñen coñecemento de que o Concello de Santiago conte cun proxecto de protección do río Sar. 

Desde a Plataforma proactivamente elaboramos un documento-proposta con 9 puntos para a protección do río Sar; dito documento presentouse para a sua aprobación nun pleno do Concello de Compostela en novembro do 2019. A proposta saíu adiante cos votos favorables de todos os partidos con representación no pleno agás o PSOE (que se abstivo). Esta proposta podería ter dado lugar a proxectos de máis ou menos tamaño e, que teñamos constancia, nada se fixo a día de hoxe.

Beatriz Noya

Ademais, Beatriz sinala que “se alguén observa algunha vertedura e/ou comportamentos incívicos que poidan afectar ó río, deberá chamar ó 112 que notificará ó departamento/ corpo de vixiancia/ autoridade correspondente”. 

Vertedura dun colchón no río Sar. Fonte: cedida pola Plataforma Pola Recuperación do Sar.

Se os datos apoian a hipótese de que o problema está na poboación compostelana, unha liña de actuación posible sería facilitar información (fiable e axustada ó perfil de público ó que queremos chegar) e apoialo con campañas de sensibilización medioambiental, de posta en valor do patrimonio natural, cultural, social e patrimonial ó redor do Sar.

Beatriz Noya

Tamén manifesta que, na situación máis ideal posible, as administracións deberían traballar conxuntamente e cooperar, “xa  que o que pase no Sar en Compostela ten consecuencias cauce abaixo”.

En resumo, Rubén Villasenín e Beatriz Noya coinciden en que as institucións públicas deberían involucrarse máis na defensa dos ríos para que as propostas iniciais non se queden aí. Na anterior publicación do río Lamas tamén comprobamos este feito. Josefa Ortiz sinalou que era necesario “un goberno municipal responsable que vexa a necesidade de protexer as nosas augas”. Por tanto, o compromiso con estes e outros tantos ríos galegos é fundamental para poder seguir desfrutando e inspirando a grandes escritores, como Rosalía de Castro e Castelao.

8 comentarios en “A contaminación nos ríos Ulla e Sar: unha situación decente e outra preocupante

  1. Boas tardes

    Moi interesante o post! Eu son unha integrante do grupo S1A que habita nunha aldea moi preto do río Ulla, polo que o tema me toca de cerca. É por isto que botei en falta unha mención sobre a situación que está a ocorrer actualmente coas explotacións de viñedos que se están a facer por todo o val do Ulla no seu paso polo concello de Vedra. Isto, está a afectar non só á destrución da paisaxe e do bosque de ribeira deste río (debido a que se están a talar para plantar viñedo), senón que tamén, cunha perspectiva de futuro, afectará ás augas, contaminadas polos produtos químicos que se empregarán no tratamento da uva.

    Non sabemos se estábades ao tanto destes feitos, pero considerábamos relevante informarvos por se estábades interesados en indagar sobre o que está a ocorrer.

    Un saúdo!

    Gústame

    1. Ola, Icía!

      Primeiramente desculpas porque non viramos o teu comentario ata agora. Perdoa!

      En relación ás explotacións de viñedos que comentas a verdade que non tiñamos coñecemento delas. A Asociación AMABUL, que traballa en Vedra, non nolo sinalou, quizais porque o descoñecen ou non realizan actividades na zona onde estean eses viñedos. De todos os xeitos moitas grazas pola información!

      Un saúdo!

      Gústame

  2. Ola, Icía!

    Primeiramente desculpas porque non viramos o teu comentario ata agora. Perdoa!

    En relación ás explotacións de viñedos que comentas a verdade que non tiñamos coñecemento delas. A Asociación AMABUL, que traballa en Vedra, non nolo sinalou, quizais porque o descoñecen ou non realizan actividades na zona onde estean eses viñedos. De todos os xeitos moitas grazas pola información!

    Un saúdo!

    Gústame

  3. Parabéns pola publicación! Está claro que a situación do río Sar, entre o seu pouco caudal e a gran presión urbanística que sufre, é a que sobresae por encima de todas, pero aínda así paréceme moi acaído incluír outras problemáticas que moitas veces pasan desapercibidas como son as vinculadas á actividade agropecuaria ou a especies alóctonas, problemas máis diluídos pero non por iso menos importantes.

    Gústame

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.